Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


ANTIGO CONCELLO E CÁRCERE

O nome da pequena rúa na que se atopa, Rúa Consistorio, débese a que antiguamente estivo ubicada a casa do concello nunha das vivendas actuais.
O mesmo inmueble tamén fixo as funcións de cárcere, sendo unha das poucas cárceres destinadas aos peregrinos, ou máis ben ás persoas que se facían pasar por peregrinos, motivado sen dúbida polo feito de que a peregrinación forzosa a Santiago de Compostela foi un dos castigos penais que, tanto os tribunais eclesiásticos como civís das cidades de media Europa, aplicaron aos condenados dende a Idade Media ata a Revolución Francesa, a finais do século XVIII.

O dereito canónico medieval, nos chamados “Penitenciais” (normativas penitenciais) empezou a utilizar a peregrinación como método de castigo de determinados delitos cometidos tanto por clérigos como por seglares. Segundo o delito cometido, graduábase a distancia e a duración da peregrinación “expiatoria”.

ANTIGA FERRERÍA

Coñecida como Casa da Ponte, trátase dunha antiga ferrería do século XVI, que tamén  foi mesón de peregrinos, o cal é perfectamente entendible no contexto xacobeo, dábanse comidas aos peregrinos e ferrábase aos seus cabalos.

Cabe destacar a combinación da súa fábrica de cachotería irregular de lousas de pizarra e recercados de cantería de granito e, en concreto, polo arco de medio punto da entrada.

ANTIGO HOSPITAL DE PEREGRINOS

O que foi antigo hospital de peregrinos, hoxe en día atópase adicado a vivenda e coñecese como “Casa Pedreira”.

RAMIL E A SÚA CASTIÑEIRA CENTENARIA

O núcleo de Ramil atópase a menos de un kilómetro de Triacastela, e caracterízase polas súas construccións populares, entre as que destaca a coñecida como Casa da Tulla, na que figura a inscrición “Samos. Año 1788”, o que indica claramente que se trata dunha dependencia dos monxes do mosteiro de Samos, xa que aquí se centralizaba a recollida de tributos dos campesiños da zona. Co nome de tulla faise  referencia a unha arca grande de madeira ou outro material para gardar grao uo utras cousas.

A castiñeira centenaria é, sen dúbida, un dos lugares máis fotografiados do Camiño. Sorprende pola envergadura do seu tronco, máis de 8 metros, que acolle abrigosamente ao peregrino entre as súas irregularidades de máis de 800 anos, ao tempo que nos fai pensar en todo o que levará visto esta maravillosa árbore.

CRUCEIRO

O cruceiro é, xunto co pombal sito no Camiño de Suavila, unha das construccións “adxectivas” que se poden ver en Triacastela. Atopáse na mesma beira do Camiño.

Hacia o lado do Camiño ofrece a imaxe de Cristo crucificado, e no lado posterior, ofrece a imaxe da Virxe co Neno, sobre un capitel con volutas apoiado sobre unha columna oitavada, e ésta á súa vez apoiase sobre un plinto con base en escaleira.

IGREXA PARROQUIAL DE SANTIAGO DE TRIACASTELA

A advocación da igrexa parroquial de Triacastela a Santiago Apóstol ten que ver coa razón da fundación de Vilanova de Triacastela no ano 1228 polo rei Alfonso IX, quen fixo de Triacastela un lugar estratéxico na peregrinaxe a Santiago, constituindo o final da undécima etapa, que discurría entre Villafranca do Bierzo e Triacastela, tal e como se describe no Códice Calixitino. Existen indicios de que houbo un hospital de peregrinos asociado a esta igrexa.
A igrexa conserva a ábsida románica probablemente de finais do século XII, aínda que a súa imaxe actual ven dada pola única e potente torre barroca, levantada en 1790 e coroada por unha cúpula con catro pináculos. A igrexa está formada por unha alongada nave rectangular iluminada por catro ventás de medio punto e dobre derrame, que se prolonga nunha ábsida románica semicircular, precedida por un tramo  rectangular e éste, á súa vez, por un arco de medio punto. O presbiterio está cuberto por unha bóveda de canón no tramo recto e unha bóveda de forno ou cuarto de esfera no tramo semicircular. Na súa parte exterior, a ábsida está reforzada por catro contra fortes.

A torre da igrexa é de estilo barroco, de planta cadrada e constituida por catro corpos. O corpo inferior está constituido por un pórtico con tres arcadas exteriores de medio punto. As esquinas da fachada principal, e os tres corpos superiores da torre remátanse  con pináculos de bola. No segundo corpo da torre aparecen os tres castelos que dan orixe ao nome de Triacasatela, e que figuran no escudo municipal.

En resumo, e coma moitos outros exemplos de toda Galicia, poderíase dicir que a fachada principal, caracterizada pola gran torre, é de estilo barroco, e a ábsida de estilo románico.

Foi restaurada pola Xunta de Galicia no ano 1999.


MONUMENTO AO PEREGRINO

Foi erexido no ano 1965 para conmemorar a costume recollida no Códice Calixitino, e segundo a cal, na undécima xornada do Camiño, que empeza en Villafranca do Bierzo e remata en Triacastela, é “… onde os peregrinos collen unha pedra e a levan consigo ata Castañeda para facer cal con destino á obra da basílica do Apóstolo”.

A pedra caliza recollíase no xacemento situado na parroquia de Vilavella, en diversos  lugares, Os Cotelos, A Pedra, O Penedo ou Chandeiro, que constitúen un dos poucos afloramentos calcáreos que existen en Galicia, onde, pola contra, a xeoloxía que abunda é a granítica.

...“Triacastella; indeetiampedesciliceteiusdemmontis in Galleciaubiperegriniaccipiuntpetram et secumdeferuntusqueCastaniolam ad faciendamcalcem ad opus basilice apostolice”
                                                                                              Códice Calixtino

POMBAL

O pombal é, xunto co cruceiro da rúa Camilo José Cela, unha das construccións “adxectivas” que se podemos atopar en Triacastela. Atópase situado a poucos metros á esquerda do Camiño, casi á mesma altura que o cruceiro; pero é dende o Camiño de Suavila (onde nos atopamos) onde se observa na súa totalidade.

Trátase dunha construcción sobresaínte pola súa rotunda pranta circular e a cuberta cónica de lousas de pizarra coroada por un pequeno pináculo de bola e suxeita por grandes pedras perimetrais de granito.

COVA EIRÓS

Cova Eirós é unha gruta de algo máis de 100 metros de percorrido situada na conca do río Oribio, na provincia de Lugo. As escavacións arqueolóxicas realizadas aquí indican que Homoneanderthalensis e Homosapiens habitaron esta cova e, tamén, achégannos a un dos períodos menos coñecidos da Prehistoria no Noroeste Peninsular, o Paleolítico medio e superior (desde hai 150.000 anos a 10.000anos).
 
XEOLOXÍA

Esta cova está formada por sedimentos calizos, unha excepción na xeoloxía galega dominada nun 95,5% por chans demasiado ácidos para conservar fósiles. As formacións calcarias en Galicia distribúense en estreitas bandas de noroeste a sueste, desde Mondoñedo ( Lugo) ata Rubiá (Ourense).
 A importancia das rocas calcarias é dobre. Por unha banda, permiten a formación de cavidades onde animais e homínidos resgardábanse. Doutra banda, posibilitan a conservación de restos fósiles xunto con ferramentas prehistóricas.

ARQUEOLOXÍA

Os restos das ocupacións dos homínidos que habitaron Cova Eirós inclúen os animais que cazaban, así como as ferramentas que fabricaban. Hai dúas ocupacións principais, unha máis antiga de Neandertales e outra máis recente, relacionada xa con individuos de nosa propia especie.
Os restos achados mostran as distintas estratexias de supervivencia e as diferenzas tecnolóxicas entre estas dúas especies humanas. Sabemos que os H. neanderthalensis ocuparon a cova entre fai 120.000 e 84.000 anos, mentres que os H. sapiens habitaron nela entre os 32.000 e 10.000 anos.
Ambas as especies usaban cantos de cuarzo e cuarcita dos ríos circundantes para fabricar as súas ferramentas. Os Neandertales obtiñan pezas de formato pequeno e moi estandarizadas, como as puntas, con métodos de talla complexos, como o Levallois. Pola súa banda, os Sapiens, cunha tecnoloxía máis esixente (talla laminar), necesitaban materias primas de maior calidade como o sílex e o cristal de roca, de procedencia máis afastada, coas que elaborar as súas puntas de proxectil.

PALEONTOLOXÍA

Moitos animais utilizaron Cova Eirós como refuxio, sobre todo o Oso das cavernas ( Ursusspelaeus) que hibernou e coidou das súas crías nesta gruta. Demóstrano os máis de 4.000 restos óseos de polo menos 40 especímenes de Oso cavernario, que foron atopados no fondo da cova durante as excavacións paleontolóxicas realizadas a finais dos 80. Tamén se acharon restos doutros animais extintos como o Rinoceronte lanudo ( Coelodontasp.) e o León das cavernas ( Pantherapardus).

ARTE

Cova Eirós conserva a primeira Arte Rupestre Paleolítico atopado no Noroeste da Península Ibérica. A maior parte das manifestacións artísticas identificadas son gravados e pinturas en negro, para as que foi empregado carbón vexetal como pigmento.
Representan siluetas de animais , signos, liñas de puntos ou marcas que nos achegan ao mundo simbólico e ritual dos Homosapiens. Tamén aparece arte en obxectos cotiáns , como é o caso dunha azagaia decorada e un colgante recuperados na entrada da cova.
 
UTM X    646.855
UTM Y  4.736.428
ALTITUD  780 metros
LONGITUD  104 metros
LUGAR  Cancelo
MUNICIPIOTriacastela