Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


“FINAL DE ETAPA DESDE O CÓDICE CALIXTINO”

Triacastela é un municipio de aproximadamente 51 km² situado na provincia de Lugo, comarca de Sarria e partido xudicial de Becerreá. O termo municipal está conformado por oito parroquias: A Balsa, Cancelo, Lamas, Monte, Santalla, Toldaos, Triacastela e Vilavella, polas que se reparten unha trintena de núcleos de poboación. O seu relevo accidentado conforma unha paisaxe típica de montaña debido a que se sitúa xeograficamente nas estribacións das Serras Orientais galegas. Dista 54 km da capital provincial e é parada obrigada do peregrino a Santiago xa desde o século XIII, tal e como relata o Códice Calixtino.

 O propio topónimo, “ TriaCastella”, parece aludir a tres castelos que hoxe non se conservan, pero que si aparecen gravados na torre do campanario da igrexa de Triacastela, aínda que tamén puidese referirse a tres castros: Triacastela, Lagares e San Adrián. Actualmente hai achados moi importantes, no xacemento de COVA EIRÓS, que demostran o poboamento da zona por Neardentales, o cal significa que xa desde a Prehistoria estas terras eran paso principal para as migracións humanas.

A actual vila de Triacastela foi fundada polo rei Alfonso IX no ano 1228, co nome de Vilanova de Triacastela. Durante o século XIX as súas terras foron escenarios de loitas contra as tropas napoleónicas e de enfrontamentos carlistas.

A existencia de TRIACASTELA está estreitamente ligada ao CAMIÑO DE SANTIAGO: Para o peregrino que camiña cara a Santiago de Compostela, alcanzar o primeiro pobo do concello de Triacastela, Biduedo, supón superar as maiores cotas de altitude no Camiño Francés ao seu paso por Galicia, todas elas no concello de Pedrafita do Cebreiro, primeiro o alto de San Roque e logo o alto do Poio, que supera amplamente os 1.300 metros de altitude. A continuación o Camiño comeza a descender, primeiro lentamente e logo máis rapidamente, cara ao pequeno val onde se asenta a vila de Triacastela, pasando antes por Fillobal, As Pasantes e Ramil.

A sensación que experimenta o camiñante cando inicia este descenso, ten que ser moi parecida á que tivo o rei Alfonso IX, cando fundou Triacastela (ano 1228): Un plácido val situado entre montañas e rodeado por tres ríos que se unen formando unha única canle á saída do pobo de Triacastela, coñecido como río Oribio ou río Sarria, segundo o tramo no que discorra. O val de Triacastela ofrece descanso ao peregrino, logo de atravesar a duro e á vez marabillosa paisaxe das montañas do Cebreiro. É sen dúbida esta benaventurada localización a que fai de Triacastela final de etapa do peregrino xa desde a Idade Media, o cal se recolle no Códice Calixtino, a guía do peregrino medieval, que a identifica como final da penúltima etapa do Camiño, das trece existentes desde os Pireneos. A partir de Triacastela o peregrino pode elixir dúas variantes distintas para chegar a Sarria, pola Balsa e San Xil, ou por Samos.

O peregrino, á súa entrada por Biduedo, camiña nas saias do Monte Caldeirón, e inicia o descenso cara a Triacastela tendo sempre de fronte a impoñente Serra do Oribio, e en cuxas saias nace o río Oribio como froito de distintos mananciais e regachos, que se van xuntando montaña abaixo, sempre en dirección ao pobo de Triacastela. A medida que o camiñante descende, á súa dereita pode contemplar como se alza maxestuoso o Monte da Meda, que á súa vez nace cando terminan os Montes dá Albela.

E no medio de todos os montes que circundan o concello, atópase a zona de montañas máis baixas que albergan os castros que aínda permanecen sen escavar (Triacastela, Santalla, Lagares e Cancelo), e que se cre son a orixe do topónimo de Triacastela.

 Moi preto da zona dos castros atópase un dos poucos afloramentos de calcaria que hai en Galicia, entre as parroquias de Vilavella e Cancelo, no que era tradición xacobea que os peregrinos recollesen unha pedra e a levasen ata os fornos de cal situados en Castañeda (Arzúa), onde se fabricaba o cal que logo se utilizaba para a construción da catedral de Santiago. E, aínda máis, na vertente norte deste macizo sitúase COVA EIRÓS, xacemento arqueolóxico que achega datos fundamentais para entender a vida no Paleolítico en todo o noroeste peninsular, xa que aquí descubríronse as primeiras pinturas rupestres de Galicia, e miles de pezas e restos óseos que aseguran que Cova Eirós estivo habitado tanto por Neardentales como por Sapiens.
Actualmente, a economía deste termo municipal xira ao redor de todo o relacionado co Camiño de Santiago, e por suposto, á Gandería, principalmente de vacún de carne, e en menor medida de vacún leiteiro. A paisaxe actual de prados e pasteiros, que o camiñante pode contemplar, non podería manterse senón fora pola presenza constante do gando neste territorio.

TRIACASTELA, PASO OBRIGADO NA PEREGRINAXE A SANTIAGO

A orixe da vila de Triacastela está estreitamente ligada á secular peregrinaxe a Santiago, é dicir, naceu á beiramesma do Camiño, e como tal posúe unha estrutura urbanística lonxitudinal artellada ao longo do mesmo, no que na actualidade está formado por varias rúas consecutivas: a Rúa do Peregrino, a Praza da Igrexa, a Rúa Leoncio Cadórniga Carro e a Avenida Camilo José Cela, ao fondo da cal o peregrino pode elixir continuar ata Sarria por dúas variantes, por A Balsa-San Xilou por Samos.

A estrutura lonxitudinal do núcleo de Triacastela complétase coa Avenida de Castela (estrada LU-633), situada á dereita, e co Camiño de Suavila, situado á esquerda.

Asi mesmo, as tres vías principais están interconectadas entre sí por numerosas rúas estreitas e de corto recorrido coñecidas conome de VIELAS.
A continuación deste panel, sito na rúa do Peregrino, atópase a Praza da Igrexa, pequeño espazo urbanístico que se abre á esquerda para aloxar no fondo a igrexa parroquial de Santiago de Triacastela co seu cemiterio. A través dunha pequena rúa, coñecida como Viela da Igrexa, accédese ao Camiño de Suavila, non sin antes pasar por xunto do mosaico feito polo artista sarriano José Díaz Fuentes.
 
CAMIÑO DE SANTIAGO EN TRIACASTELA
 
TRIACASTELA: DÚAS VARIANTES NO CAMIÑO

En Triacastela o peregrino pode elixir dúas variantes para achegarse ata Sarria.
  • Cara ó noreste (bifurcación da dereita) segue o que posiblemente era o Camiño máis transitado, que pasa pola Balsa e San Xil.
  • Cara ó oeste (bifurcación da esquerda) segue un Camiño alternativo que tería como obxectivo principal a visita ao mosteiro de Samos.
No LibersanctiIacobi proponse a variante de Balsa-San Xil, que non pasa por Samos, xa que se fai un lixeiro rodeo. En todo caso, ambos tramos son fermosos xa que combinan o atractivo da paisaxe con pequenos núcleos rurais de arquitectura tradicional.
Inmediatamente detrás deste panel obsérvase un exemplar de nogueira centenaria enraizada directamente sobre a rocha, e inmediatamente por detrás e ao fondo dela, a Casa da Ponte, antiga ferrería do século XVI, que tamén foi mesón de peregrinos, e situada ao mesmo pé da rúa Camiño Vello.

www.concellotriacastela.es