Bandera de Galicia Bandera de España

Festas e feiras


ANTIGÜIDADES.

A vila de Sarria concentra un elevado número de anticuarios que, ademais, realizan labores de restauración, razón pola que a rúa do Porvir, máis coñecida  actualmente como “rúa dos Anticuarios”, converteuse nun espazo de visita obrigada para que busca pezas singulares de moble rústico, de estilo, e colonial; apeiros e utensilios varios, pezas etnográficas e obras artísticas de todas as épocas.
Como herdeira da secular Feira de Lázaro e no seu mesmo espazo físico, os anticuarios sarriaos organizan na primeira fin de semana de abril unha “Feiras de antigüidades e restauración”, moi concorrida, que dalgunha maneira serviu para que Sarria se colocase en Galicia como a capital do moble antiga.

A constante presenza de anticuarios sarriaos levou a que, na procura dunha maior proxección, se incluíse esta mostra nas programacións da Eurorrexión, dándolle así unha proxección internacional, complementada coa organización de cursos e actividades que atenden á mellor formación de profesionais do sector.

CENTRO DE REFERENCIA DE ANTIGÜIDADES E RESTAURACIÓN.

Rúa da Mercé, 8
27600 Sarria – Lugo
+34 982 53 06 68
crar@sarria.es
 
FEIRA  DE ANTIGÜIDADES DE SAN LÁZARO.

Ten lugar a primeira fin de semana do mes de abril na rúa do Porvir (coñecida tamén como rúa dos Anticuarios por estar nela todas as tendas de antigüidades) e na rúa Marqués de Uxena, o recinto feiral sitúase a 300 metros do casco histórico de Sarria e do paso do Camiño Francés.
É un mercado urbano cunha zona de exposición ao aire libre en estruturas móbiles de aproximadamente 800 m2, que conta  aproximadamente con 23 expositores de distintas localidades da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Nel pódense atopar obxectos de todo tipo, pezas de colección, antigüidades, xoias, libros, discos, mobles de diversos estilos, obxectos etnográficos, arte e todo tipo de obxectos de decoración.

A oferta amplíase con actividades culturais e artísticas, talleres e xornadas de portas abertas nos establecementos.
 
FEIRAS, FESTAS E EVENTOS.

Xa no século X documéntanse feiras xunto á desaparecida ermida de Santiago do Mercado, e máis adiante xunto á Fortaleza. En 1487, os Reis Católicos concederon á Pobra de Sarria o beneficio dunha Feira Franca Anual.

Son as súas herdeiras as mensuais, FEIRA do 6 ( desde 1890), FEIRA do 20 (desde 1820) e FEIRA do 27 (desde 1946). Ademais de feirantes ambulantes e da exhibición e venda de gando, pódese degustar o polbo á feira e outros manxares nos pendellos e ademais en postos ambulantes e nos establecementos de polbo da vila.
 
XANEIRO – FEBREIRO.

Festa do Porco Celta.
Esta xornada de exaltación do “cocido de porco celta” (raza de porcino autóctona) celébrase en fin de semana, quince días antes do Entroido. A organización corre a cargo da Asociación de Hostaleiros da Comarca “Serra do Edramo”, coa colaboración do Concello de Sarria e dos restaurantes da Comarca.

FEBREIRO – MARZO

Entroido.
O Domingo de Entroido celébrase un desfile de comparsas e carrozas que percorren as rúas da vila. En Louseiro e en Sarria, o luns, teñen lugar bailes de disfraces, ademais dos que se organizan diversos establecementos a Sociedade A Unión e asociacións, con programación de copiosas ceas.

MARZO – ABRIL

Semana Santa.
Procesións da Burriña, “Vía Crucis”, “Santo Enterro” e “Virxe da Soidade”.

ABRIL.

Feira de Antigüidades de San Lázaro.
Ten lugar a primeira fin de semana do mes de abril na rúa do Porvir. É un mercado de mobles antigos de diversos estilos, obxectos antigos de decoración, coleccionismo e todo tipo de antigüidades, complementado con exposicións artísticas, talleres e xornadas de portas abertas nos establecementos.

MAIO.

Feira de San Cidre Labrador.
Data variable. Exhibicións de gando vacún, porcino, cabalar, etc., mercado de produtos tradicionais e maquinara agrícola, concursos de enganche de cabalos, degustación de produtos típicos, artesanía, etc.

MAIO – XUÑO.

Corpus Christi.
É a Festa Oficial do Concello de Sarria. Celébrase o domingo seguinte ao xoves de Corpus. Na rúa Maior, entre as igrexas de San Salvador e Santa Mariña, e para que sobre elas pasa a procesión eucarísticas, confecciónanse alfombras florais, con participación de numerosos veciños que colaboran na súa instalación.

XUÑO.

Festas patronais de San Xoán.
Celébranse durante cinco días, ao redor do día de San Xoán. Nomeamento do “Tamborileiro de Honra”, desfile das “Pampónigas”, “Noite do Lume” (na noite do día 23) con queimada e fogueira. Prográmanse actos relixiosos, culturais, festivos, musicais, deportivos, mercado medieval, concertos e exposicións.

AGOSTO.

Noite Meiga.
Na sé do Centro Cultural “Meigas e Trasgos” no Parque do Chanto, celébrase a Noite Meiga, na noite do último sábado do mes. Despois da medianoite ten lugar a “Danza da Noite Meiga”, escenificación de gran plasticidade na que as “meigas” e os “trasgos” danzan ao redor dunha fogueira para espantar os malos augurios, mentres cantan un conxuro para afastar os males e para que a boa sorte reine durante todo o ano. Este evento complétase con actividades culturais para nenos/-as e adultos. O domingo ten lugar o evento gastronómico de “Empana-Jam” – Festa da empanada.
 
SETEMBRO.

Romaría da virxe dos Remedios.
No Santuario do Alto de Cesar, ten lugar os días 8 e 9 a romaría na honra da Virxe dos Remedios. Ademais da programación relixiosa, ao ser festivo local o día 8, seguindo a tradición secular, numerosos sarriaos desprázanse a pé por empinados camiños ata a ermida. Alí participan gozosamente nas xenerosas comidas de grupos e merendas campestres que teñen lugar no Campo da Virxe e nos seus arredores, durante os dous días de festa.

Romaría do Santo Cristo de Goián.
Na parroquia de San Miguel de Goián. O primeiro domingo do mes numerosos fieis procedentes mesmo de lugares afastados renden culto á venerada imaxe do Santo Cristo ao que, desde hai séculos, se veñen encomendando os seus devotos.

NOVEMBRO.

Magostos.
Veciños dos barrios da vila e parroquias, asociacións culturais e colexios organizan ao longo do mes diferentes magostos, degustando así as castañas e o viño “novo”.

DECEMBRO.

Concurso de tapas “O Tapicheo”.
Ten lugar coincidindo coa ponte da Constitución, e conta con nutrida participación de establecementos de hostalería, que compiten con tapas de corte tradicional e outras de creación innovadora.

OUTRAS PROGRAMACIÓNS.

Eventos musicais.
Esmorga Fest, San Martiño Caníbal, Garitosis, Espantada Rock; Encontro Coral Vila de Sarria, Esmorga Popular e Xuntanza de Música e Baile tradicional Val de Sarria da Asociación Peleriños; Estremonía Cantada, Concerto de Santa Icía, Concerto de Nadal.

Eventos deportivos.
Torneo de Ximnasia Rítmica Vila de Sarria, Ruta Cabalar. Descenso Urbano DHU Sarria; Concurso Hípico, Carreira Popular “Vila de Sarria” 10.000 metros, Torneo Internacional San Xoán Vila de Sarria de fútbol veterano¸ Campus de baloncesto no Camiño, Campus de Fútbol “Diego López”, Día da bicicleta,Ruta 4x4 Comarca, Milla Urbana.

Outros eventos.
Premio de poesía “Fiz Vergara Vilariño”, Xornadas Xurídicas, Exposición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño; Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais “Vila de Sarria”. Semana de Teatro Cómico “Vila de Sarria”, Festa Irmandiña, Festival de Maxia “Vila de Sarria”; Mes do Teatro para adultos; Xornadas Micolóxicas; Nadal Máxico.