Bandera de Galicia Bandera de España

Que facer


NATUREZA E LECER

O sistema de espazos libres e áreas recreativas tanto no casco urbano como na periferia é moi variado. No termo municipal existe unha ampla rede de ríos e regatos. O río principal, que dá nome á vila é o río Sarria, que nace en Triacastela e entra no municipio polo leste á altura de Calvor e Perros. Ao seu paso por Sarria vai dando lugar a paisaxes pintorescas con moita vexetación característica desta contorna e dunha espectacular beleza. Os outros dous ríos que regan o municipio son o río Celeiro e o río Loio.
 
SENDEIRISMO.

RUTA DA FOZ DAS ACEAS.

Un circuíto de sendeirismo, cun percorrido duns seis quilómetros, por unha e outra marxe do río Sarria, percorre en paralelo ao  leito fluvial a profunda Foz das Aceas, de ricas fauna e vexetación, dotada  de gran beleza, lonxe de toda vía de comunicación moderna, e con fácil accesibilidade desde o centro da vila; discorre xunto aos muíños da Acea de Baixo, Muíño do Conde e Muíño de Regueiro.
Desde a ruta pódese chegar a pé ao núcleo rural de Fafián, que ao estar nun alto mostra unhas belas vistas.

RUTA DO CAMIÑO FRANCÉS: SARRIA – BARBADELO.
 
RUTA SARRIA --. A FURELA


RUTA SARRIA – MORGADE
 
GOLF

O Pilar – Sarria é un campo de golf público e accesible, enmarcado nunha contorna natural incomparable. O percorrido de 9 foxos  Par 3 homologado pola Real Federación Española de Golf está rodeado de castiñeiros e carballos centenarios, forman parte do xogo.
 
 
ÁREAS RECREATIVAS, PARQUES E MIRADOIROS.

PASEO DO MALECÓN.

Espazo peonil na ribeira do río Sarria, ocupado por terrazas de establecementos hostaleiros. Xunto á Ponte Ribeira pode verse a escultura “Homenaxe ao Peregrino” da escultora María Carretero.

Os muíños da Ponte Ribeira e do Toleiro completan este espazo urbano xunto co Paseo das Ameneirizas.
 
PARQUE DO CHANTO.

Amplo espazo verde atravesado polo río Sarria. Piscinas públicas, praia fluvial, pistas e pavillóns polideportivos, parque infantil, merendeiros e o Lar Social de Meigas e Trasgos ( cun museo de pintura e escultura moderna) conforman un bo espazo para o lecer. O paseo da Ribeira dos Cucos, que comeza xunto á Fonte Ribeira, é o inicio da ruta de sendeirismo da Foz das Aceas.
 
PARQUE DE CASTRO AGRASAR.

É unha área de lecer ao lado do río Celeiro. Conta con merendeiros, parque infantil e aparcadoiro.
Ten un anfiteatro ao aire libre, obra do escultor sarriao Xosé Díaz Fuentes, formado por 29 figuras de gran tamaño feitas durante un taller impartido polo artista no centro penitenciario de Monterroso.

PRAZA DA VILA.

Ocupa unha boa parte de “Vila Andrea”, residencia de verán que foi do industrial chocolateiro e filántropo don Matías López López; flanqueada  por “Vila Aurelia”  (sé da Sociedade Cultural “A Unión”) e a capela do Perpetuo Socorro (“Capela do Marqués”). Ademais de espazos para esparexemento e parque infantil, acolle no seu anfiteatro numerosas manifestacións artísticas e culturais.

MIRADOIRO DO CÁRCERE.

Situado no casco histórico en pleno Camiño de Santiago, en fronte da Torre da Fortaleza e ao lado do edificio do antigo cárcere preventivo, con un cruceiro moderno, permite desde a balconada contemplar a Veiga de Sarria, que pecha ao fondo o Monte de Santa Cristina, a Cha de Santa Marta, a Serra da Illoá, o Monte da Meda e a Serra do Oribio.

Posúe unha pequena área de lecer con mesas e bancadas de pedra. Resalta o escudo de Sarria feito en mosaico.
 
OUTROS ESPAZOS URBANOS.

O Parque do Bosque, dentro da antiga Chousa do Convento; o Xardín de San Vicenzo de Paúl, con escultura monumental do escultor Xosé Díaz Fuentes, no parque Castro Agrasar, nas Insuas o Paseo do Río Celeiro e a Insua da Veiguiña, completan a oferta de espazos naturais na vila.

MONTE DE SAN MARCO.

Miradoiro natural desde onde  se axexa a maior parte da comarca, situado ao lado do Monte do Páramo. Consérvase no castro a Ermida de San Marco (antigo eremitorio medieval de Santo Adrâo), con sepulturas antropomorfas no exterior.

MONTE DE SANTA CRISTINA.

Miradoiro natural situado no Monte de Santa Cristina desde onde se contempla a magnífica vista da Veiga de Sarria.

ÁREA DE LECER DE CALLÁS.

Na estrada de Monforte (N-546). Neste espazo hai unha escultura monumental da autoría do artista sarriao Xosé Díaz Fuentes.
 
COMPRAS

Sarria, como centro de servizos que é a da Comarca e do Camiño Francés no trazado galego, conta con gran cantidade de comercios nos que se  pode encontrar todo tipo de produtos e servizos.
 
CAMPO DA FEIRA – MERCADO GANDEIRO.

Ocupa o espazo onde estivo o mercado medieval e parte do solar da antiga fortaleza. Os días 6, 20 e 27 hai un activo mercado de gando, produtos do campo, maquinaria agrícola, postos de polbo,... Este mercado data de moi antigo: o día 6, desde 1890; o 20 desde 1820 e o día 27 desde 1946.
A feira de ano lembra a Feira Franca, concedida a Sarria en 1487 polos Reis Católicos.

Na entrada do Campo da Feira estaba o marco actual  que indica o quilómetro 111 do Camiño Francés.

PRAZA DE ABASTOS.

Actualmente remodelada, conta con varios postos onde se poden adquirir froitos de temporada, todo tipo de verduras, carne, peixe, embutidos, queixos, produtos “delicatessen” e ecolóxicos, etc. Sempre foi unha praza con moita actividade, por iso ao longo do ano, organízanse diferentes postos de vendas temáticos.

CENTRO COMERCIAL URBANO