Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


O paso do Camiño de Santiago polo municipio propiciou a existencia de numerosas construcións eclesiásticas nestas terras, ao igual que ocorre co seu legado medieval que deixou varias mostras de arquitectura civil e militar.
 
ARQUITECTURA CIVIL.

CASA DO CONCELLO.

Edificio de deseño nobre, construído a finais do século XIX polo personaxe local don Camilo García Vaamonde. Desde 1920 é a Casa do Concello, e en 1988 realizaron obras de ampliación e remodelación, logrando un edificio funcional e perfectamente integrado na zona histórica da vila.
Na praza da Constitución pode verse a estatua de Afonso IX de León e Galicia, que finou o 24 de setembro de 1230 en Vilanova de Sarria, lembrando a fundación real.

HOSPITAL VELLO.

No número 16 da rúa Maior sitúase o vello hospital de peregrinos que estivo en funcionamento ata a segunda metade do século XVI.

HOSPITAL DE SANTO ANTÓN ABADE.

Foi fundado polo clérigo don Dinís de Castro e Portugal (séc. XVI), da familia Condal de Lemos, no que se atendía aos peregrinos que regresaban de Compostela.

Albergou a Casa do Concello, a Escola de Gramática e o cárcere. Actualmente é a sé do Xulgado.

TORRE DA FORTALEZA.

Da antiga Fortaleza de Sarria, derrubada en 1860, consérvase tan só unha torre de lado. Alzada no século XIII polos Condes de Sarria, foi derrubada no século XV, na “Revolta Irmandiña”, e alzada novamente a costa dos vasalos das “Cinco Pobras”, baixo a dirección de canteiros biscaíños. No século XVII reconstruíron unha das torres de costado que, ata 1730 aproximadamente, foi residencia dos Merinos Maiores e Corrixidores do Marquesado.
Ocupaba unha grande superficie do que fora a “coroa castrexa” e presidiu a vida de Vilanova de Sarria ou Pobra de Sarria. Tivo catro torres, entre elas a da Homenaxe e a do Mercado, un gran valado, sotos para cárcere, ponte levadiza e unha sucesión de foxos e contra foxos que reforzaban o seu carácter defensivo.

En 1843 foi derrubada a torre do Mercado,e en 1860 adquiriron os terreos e a edificación  don Manuel Pérez Batallón e o Concello de Sarria. A pedra do  cercado e das terras aproveitárona varias familias da vila.

A Torre que actualmente subsiste non se pode visitar e accédese a ela por unha escaleira aberta; no que foi muro do valado, poden verse escudos coas armas dos Castro, Henríquez e Osorio.

O predio da Casa Batallón ou Cima de Vila está circundada por un muro no que se conserva parte dun “viacrucis” do século XVIII.

ANTIGA PRISIÓN.

Situada na rúa da Mercé, antes de chegar ao Campo da Feira. Foi Prisión Preventiva do Partido desde 1930 ata 1950. Na actualidade dedícase a diversas actividades culturais  e cada dous anos acolle unha exposición con obras procedentes do “Salón d’Automne” de París.
Un moderno cruceiro, do escultor Manuel Mallo, está instalado no miradoiro desde onde hai boas vistas sobre a parte baixa da vila e do val.

PONTE DA ÁSPERA.

 Cruza o río Celeiro ( na Idade Media, río Barbadelo), no punto de saída do Camiño Francés cara a Portomarín. É obra reconstruída no século XVIII sobre outra de orixe medieval, con pedra de lousa agás os arcos e tallamares que son de cantería.

PONTE RIBEIRA.

Situada na rúa do Peregrino, cruza o río Sarria no trazado do Camiño Francés. A súa orixe é medieval (século XII). Ao lado pode verse a Fonte Ribeira, brasonada co escudo de armas dos Condes de Lemos. O conxunto escultórico artístico, autoría da artista de ascendencia sarriá María Carretero, titulado “Homenaxe ao Peregrino” e o Muíño da Ponte Ribeira conforman unha interesante contorna que dá entrada ao percorrido do casco histórico.

PONTE VELLA.

Cruza o río Sarria, no antigo Camiño de Aranza ou de Asturias. É de orixe romana, e sitúase cerca da “vila” romana encontrada a “Estela de Vilar de Sarria” actualmente gardada no Museo Provincial de Pontevedra. A ponte actual foi reconstruída no século XVIII. Un peto de ánimas completa o conxunto.
 
 
PONTE VELLA DO MAZADOIRO.

Situada no “Camiño Vello de Lugo”, por riba do río Celeiro, antes chamado río Barbadelo, cerca da estación de ferrocarril. É de orixe medieval, foi reconstruída no século XVIII.

PATRIMONIO.

Casa de Pazos (século XIX).
Casa de Freixo (século XIX).
Albergue de Peregrinos de Sarria (século XIX).
Casa natal de Matías López López.
Casa reitoral de Santa Mariña (1787).
Casa Ulloa (século XIX).
Casa brasonada dos Cedrón (século XVII).
Casa da Estafeta (século XIX).
Casa Saco (século XIX).
Casa Neira (século XIX).
Casa da Botica (século XVIII).
Casa Macía (século XIX).
Casa Marzán (século XIX).
Casa Gallego (século XIX).
Casa Grande dos Saavedra (século XVII).
Casa Reboiro (século XVII).
Casa brasonada de Puche ( Hospital Vello- Obra Pía dos Guitián).
Casa Vaamonde. Casa do Concello (século XIX, arquitecto Daniel García Vaamonde).
Casa do Puro ou dos Armesto ( século XVI).
Casa brasonada de Guerra (século XIX).
Hospital de Santo Abade (Xulgado, Casa do Concello ata 1920).
Casa de Batallón ou de Cima de Vila (século XIX).
Vila Andrea (século XIX); Vila Aurelia- A Unión (1890).
Escolas Públicas – Casa da Cultura (1896, arquitecto Luís Bellido).
Casa de Sarry de Treilán.
Pazo do Tumbiadoiroen Vilamaior.
Casa do Conde de Outeiro de Goián.
Pazo de Perros.
Pazo de San Sadurniño de Froián.
Pazo do Barrio en Louseiro.
 
ARQUITECTURA RELIXIOSA.

IGREXA DE SANTA MARIÑA (1885).

Situada na Praza de Xoán María López, antiga Praza do Mercado na que se celebraban todos os domingos un mercado de produtos do campo; ocupa o solar dunha antiga igrexa románica do século XIII da que só se conservan os debuxos dos seus pórticos. Nesta igrexa estaba  a capela de San Xoán, patrón da vila.

Con cargo a un legado de don Xoán María López de Almance, foi alzada en 1885, segundo o proxecto de Nemesio Cobreros: a nova igrexa é de planta de cruz latina e aspecto gótico.

A torre, terminada nunha agulla piramidal, acolle o reloxo municipal.

No seu interior destacan as imaxes de Santa Mariña e San Xoán ( patróns da vila), obras de Isidro Brocos e un Cristo crucificado de gran tamaño, da autoría do escultor Magariños e na ábsida as pinturas dos catro evanxelistas.

As vidreiras son doazón do filántropo don Matías López. Na capela dereita está o sarcófago cos restos de don Xoán María López, trasladado desde a desaparecida capela de San Roque da Casa de Nullán ou de Barrio.

Na inmediata Casa reitoral, que data de 1778, descubriuse recentemente unha inscrición dotacional. Xunto ao templo encóntranse un cruceiro da Escola compostelá e un mural de motivo xacobeo en fronte do cal está situada a brasonada Casa Centeais.
No “adro o Reixado”  vese un airoso cruceiro.
 
IGREXA DE SAN SALVADOR ( SÉCULO XIII).

Está situada fronte á Torre da Fortaleza e ao Xulgado (antigo Hospital do Santo Antón Abade) e pertence ao gótico primitivo en tanto que a súa espadana, de 1860, débese ao construtor sarriao Francisco Castiñeira.

Mostra algún elemento románico e arcos e portas oxivais. No pórtico norte, presenta un pantocrátor de corte arcaizante que algúns identifican con Melquisedec ou Rei David.

Son notables as ferraxes medievais da porta norte e chapiteis con cabezas humanas, rolos, a Árbore da Vida, rosetas e punta de cravo. O pórtico principal mostra un arco lixeiramente apuntado e chapiteis con follas e bastóns.

A ábsida é de trazado románico de transición, con tramo rectangular e cabeceira semicircular, con bóveda de canón e cuarto de esfera respectivamente.
 
MOSTEIRO DA MADALENA.

É o monumento máis representativo da vila porque naceu por e para o Camiño de Santiago.
Foi fundado ao redor do ano 1200 por uns frades italianos, “Laudantes Deum”, para destinalo á acollida de peregrinos que ían a Compostela. A Orde da Penitencia dos Benaventurados Mártires de Cristo, os seus frades eran chamados popularmente “Os Madalenos” e é enteiramente sarriá e independente, cuxa finalidade era a atención de peregrinos, no seu Hospital de San Roque, ou da Madalena. Dominou este mosteiro ata 1568, xunto con outro creado en Arzúa e sometido á súa obediencia.

Seguiron coa acollida xacobea os Agostiños da Regular Observancia, ata a exclaustración ocorrida en 1835. Desde 1896 está ocupado pola Orde da Mercé.

Da súa primeira igrexa, románica (século XIII), consérvanse unha porta no claustro e o arco da Capela do Santo Cristo. Da segunda igrexa, gótica (sécs. XV e XVI), é o pórtico, hoxe tapiado, de Santa María Madalena; e da terceira igrexa, gótico tardío, a Capela Maior con nichos historiados. No altar maior consérvase unha imaxe de Santo Agostiño  do tallista Gregorio Fernández, pai do afamado escultor Gregorio Fernández que desenvolveu en Valladolid a grandeza da súa obra.

Na Capela Maior e na de Santo Cristo, aparecen influencias do gótico manuelino, que se observan nos enterramentos de Nuno Álvarez de Guitián, Condes de Lemos, Señores de Castelo dos Infantes e Íñigo  López de Orozco (porta da sancristía).

Na antiga capela de San Lourenzo, doada ( texto en castelán “dotada”) por Roi Gómez de Ribadeneira (1416), enterraban aos peregrinos que falecían no Hospital de San Roque ou da Madalena; entre eles os franceses JeanPorcet (1716), Xerome Brullerch e o alemán, GermanHeruman (1759).
A Porta da Igrexa, a Porta Principal e a Porta dos Carros (entrada ao albergue), dan ao edificio inmediato ao Camiño Francés, que pasaba entre o Mosteiro e o Hospital. Un mosaico sinala a vinculación actual á  Orde da Mercé.

A Torre alzouse en 1730. Nos contrafortes, encima da Porta dos Carros e  nun cubo do valado, vense varios escudos que  nos lembran o padroado dos Ribadeneira e Saavedra, así como dos Condes e Marqueses de Sarria e a pertenza do mosteiro aos agostiños. Na porta dos Hospitaliños Novos  está inscrita a frase “ Charitasaedificat!” que enxalza o xesto da acollida secularmente mantido.

No tímpano do antigo pórtico de Santa María Madalena, aparecen representacións dun castelo e un barco, relacionados coa iconografía alegórica do traslado dos seus restos á costa mediterránea francesa, acompañadas da cruz da orde sarriá dos Madalenos, reproducida tamén nos dous contrafortes.
O claustro é do gótico tardío, e a parte superior, engadida con posterioridade, sufriu graves mutilacións nos seus chapiteis, conservando algúns escudos agostiñanos. No chan un mosaico con motivos xeométricos feito con cantos rodados, unha solución común a outras edificacións similares en León.
 
CAPELA DE SAN LÁZARO.

É o único resto do que fora Hospital de San Lázaro, dedicado á curación de leprosos (s,ec. XV-XVII), integrado en 1700 na Obra Pía dos Hospitais de Santo Antón Abade e San Lázaro. Xunto a ela hai un cruceiro de Manuel Mallo.

A capela actual é do século XVIII. Ao seu redor celebrábase a tradicional Feira de San  Lázaro, que perdura na actualidade como Feira de Antigüidades, xa que na inmediata rúa do Porvir (“rúa dos Anticuarios”) encóntranse varios establecementos dedicados a ese sector e á restauración.
 
 
ROMÁNICO NO MUNICIPIO.

SANTUARIOS.
Santo Cristo de Goián, capela dos Remedios no Alto de Cesar, capela de San Marco no Monte do Páramo.

IGREXA DE SANTIAGO DE BARBADELO.
Igrexa románica do século XII con alteracións introducidas no século XVIII.

Aquí estivo o Mosteiro de Santiago de Barbadelo, cabeza doutros varios suxeitos a el que acabou integrándose na Abadía de Samos como Priorato.
Do antigo mosteiro de “DomniAdilani”, “SanctiIacobiBarbatatelli” ou “Casa Barbatelli” consérvase tan só a súa igrexa románica ao lado da chamada Casa do Mosteiro. As máis antigas referencias a este mosteiro veñen do ano 874 e figura como fin de etapa no Códice Calixtino. Coñécese o nome de varios dos abades que presidiron este mosteiro de tipo familiar, especialmente unido aos de San Martiño, Rosende e Piñeira. En 1980 foi declarado “Ben de Interese Cultural”.

A torre érguese sobre o chafrán noroeste compartindo os seus  muros os lenzos norte e oeste do templo.
No muro norte ábrese un pórtico de medio punto, con chapiteis decorados con leóns. O pórtico principal sitúase nun corpo levemente adiantado con dous arcos moldeados e fortes columnas con chapiteis curiosamente tallados, estudados por Miss GeorgianaGoddard e Sánchez Dragó que destacaron a súa orixinalidade.

No adro, acaroado á sancristía, consérvase o que desde o século XVII foi albergue destinado a acoller peregrinos
Pódese visitar o interior nas horas de culto.

OUTRA IGREXAS.

San Martiño de REQUEIXO, San Vicenzo de BETOTE, Santo André de PARADELA, San Miguel de BIVILLE, Santa María de BELANTE, San Xulián de CHORENTE, Santa María de ALBÁN, San Fiz de REIMÓNDEZ, San Salvador de VILAR DE SARRIA, San Pedro de SETEVENTOS, Santa María de CORVELLE e Santo Estevo de LOUSADELA.

Consérvanse pinturas murais no interior das igrexas de San Pedro de Seteventos e na de Santa María da Pena.
 
OUTROS ELEMENTOS PATRIMONIAIS.

ARQUEOLOXÍA.

CASTROS.

Castro de Castelo dos Infantes Castro de Outeiro de Goián, Castro de Santo Estevo, Castro de Mondín, Castro de Betote, Castro de Seteventos, Castro de Calvor, Castro de Santo André de Paradela, Castro das Paredes, Castro de Santa Icía, Castro de Teilonxe, Castro de San Cosme, Castro da Chanca, Castro de Tosal, Castromeixe, Castro de Tremeado.

Mámoas no Monte de Santa Mariña, en San Martiño de Loureiro e en Suñide (Samos).
Petróglifos en Barbadelo, Maside e Vilar.
 
PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

PONTES E FONTES.

Ponte Ribeira, Ponte Vella, Ponte Vella do Mazadoiro, Ponte da Áspera.
Fonte Ribeira, Fonte de San Salvador.

MUÍÑOS.

Río Sarria: muíño de Perros, muíño de Barxa, muíño de Regueiro, muíño do Conde; muíño da Acea de Riba, muíño da Acea de Baixo, muíño da Ponte Ribeira; muíño do Toleiro, muíño da Nogueira, muíño de Betote, muíño de Manán.
Río Loio: muíño de Tambarría, muíño do Xurxo, muíños do Neo, muíño de Marzán.

CRUCEIROS.

Adro de Santa Mariña, Miradoiro do Cárcere, Capela de San Lázaro, Muíño da Nogueira Casa de Sarry de Treilán, Airexe en Piñeira,...