Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


Municipio de Interese Turístico.

Sarria é unha vila xacobea nada en, por e para o Camiño de Santiago.

Foi fundada a finais do século XII polo rei Afonso IX de León e Galicia, co nome de Vilanova de Sarria. Na nacente vila morreu o 24 de setembro de 1230 cando peregrinaba cara a Santiago. Como Vila Real gozou de voto nas Cortes medievais.

En 1360 concedérona ao Conde de Lemos, permanecendo vinculada a ese título, e ao de Marqués de Sarria, ata principios do século XIX.
É cabeceira da Comarca “Terras de Sarria”, formada polos municipios do Incio,Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela.

Atravesada polos ríos Sarria e Celeiro, que forman unha ampla e feraz veiga, encóntrase situada a 30 km de Lugo e a 111 de Santiago. Ben comunicada por ferrocarril e estrada, é o punto de inicio da peregrinacións preferido polo maior número de xacobitas, porque partindo de Sarria os camiñantes poden obter a “Compostela” co menor percorrido esixido.

A súa proximidade ás serras orientais galegas e a súa riqueza natural fan que, ademais de espazo para camiñar cara a Compostela, sexa un bo lugar para coñecer un rico patrimonio, degustar a nosa gastronomía, descansar en numerosos establecementos hostaleiros e acolledoras casas de turismo rural ou perderse nun ambiente tranquilo gozando da beleza da paisaxe, opcións todas elas ao alcance de calquera visitante que decida escollernos como destino turístico.
 
COMO CHEGAR:

Sarria, cabeceira histórica dunha extensa e fértil comarca de case 1000 km2 chamada “Terras de Sarria” e composta por 7 municipios, está situada nunha encrucillada de camiños a 31 kms. ao sur da cidade de Lugo e no punto quilométrico 114 no Camiño de Santiago Francés.
O municipio ocupa unha posición central na metade sur da provincia de Lugo; limita ao norte cos municipios do Páramo e Láncara, ao leste co de Samos, ao oeste co de Paradela e, finalmente, ao sur co do Incio.

O núcleo urbano de Sarria, moi ben comunicado, é cruzado pola N-546 que é a estrada que une Lugo con Ourense, pasando  por Monforte. Outra posibilidade de chegar a Lugo ou a Monforte é a “Vía rápida CG 2.2”. Concorren outras vías, a de Becerreá (LU -636) e a que vén de Pedrafita e pasa por Samos e Portomarín (LU-633).
Sarria tamén conta con liña ferroviaria da Coruña – Monforte de Lemos.

Distancias por estrada:
A Coruña: 120 km.
O Ferrol: 126 km.
Lugo: 31 km.
Monforte de Lemos: 32 km.
Ourense: 73 km.
Pontevedra: 144 km.
Santiago de Compostela: 116 km.
Vigo: 161 km.
 
HISTORIA:

Datos xerais.
As terras de Sarria estiveron poboadas desde tempos moi antigos, aínda que sexa difícil establecer cales foron os seus primeiros habitantes. Hai indicios de asentamentos polo menos desde a fase neo-eneolítica, como demostran os enterramentos megalíticos documentados. A maior parte das especulacións sobre os poboadores prerromanos da actual comarca de Sarria carecen de xustificación documental, aínda que se sabe que os “seburros” citados por Diego Pazos son os “seurri” dos que falaba Ptolomeo, quen os situaba ao sur de Lugo.

A aparición da cerámica sigilata e de moedas romanas, atopadas nos castros de Sete ventos, Vilapedre e A Margarita en Samos, mostran a poboación castrense durante a romanización tardía do Noroeste peninsular. Da presenza romana nestas terras, tan próximas a Lucus Augusti e atravesadas pola vía que ía a Castro Dactonio ( Lemos), hai que destacar os restos de dúas  vilas romanas en Vilar de Sarria e en Santo Antolín. Consérvase no Museo de Pontevedra unha estela funeraria procedente de Vilar de Sarria.

En épocas do alto medievo aparece ligado a estas terras o título de “Comes in Sarria” ou “Comes in Elarín”. Desde principios do século XII é citado  como “Comes in Sarria” Rodericus Vélez, iniciador da triloxía de Condes de Sarria. Porén, a gran historia deste municipio comeza coas primeiras peregrinacións a Santiago polo Camiño Francés. Tamén neste século, Gutierre Ruiz de Castro adquire o señorío de Lemos e Samos coa súa voda con Elvira Osorio, momento no que probablemente fundouse a fortaleza de Sarria, destruída en 1467 na “Revolta Irmandiña”.

A finais do século XII, Afonso IX funda Vilanova de Sarria, outórgalle o foro polo que ía  rexerse  como vila real e contribúe á repoboación das súas terras, nas que morrerá en 1230, vítima dunha grave enfermidade que lle sobrevén cando peregrinaba á tumba do Apóstolo para darlle as grazas pola reconquista da cidade de Mérida. En tempos de Afonso X (1252 – 1284) aparece como señor de Lemos e Sarria Esteban Fernández de Castro, quen axudou na reconquista das cidades de Córdoba e Sevilla. Xunto con outras vilas reais Sarria tivo voto nas Cortes.

Na Alta Idade Media, a historia de Sarria vai paralela á casa de Lemos, desde que no século XV se lle concede a don Pedro Álvarez Osorio o título de Conde de Lemos con carácter hereditario. Desde entón, a Casa de Lemos caracterizouse pola súa vinculación ao Mosteiro da Magdalena, realizando varias doazóns para o mesmo durante os primeiros anos do século XIX. A comarca de Sarria destacou por unha forte actividade carlista, chegando a declararse estado de guerra en novembro de 1839. A finais desta centuria, a vila experimentou un importante crecemento económico e urbanístico, baseado na posta en servizo do ferrocarril (1880) e na mellora xeneralizada das comunicacións, o que permitiu mellorar considerablemente a vida económica e comercial da contorna da comarca.

A vila expándese e nacen novos barrios (San Lázaro, A Estación, As Casetas) nos que se asentan persoas foráneas que establecen almacéns e pequenas industrias. En 1885, inaugúrase a nova igrexa de Santa Mariña. En 1896, instálanse en Sarria os Padres Mercedarios e inauguráronse as Escolas Públicas, doazón do filántropo sarriao don Matías López. A súa viúva, Marquesa de Casa López, crea o Hospital Municipal en Campo de Outeiro inaugurado en 1909. A actividade comercial e industrial vai en aumento e a principios do século XX xa alcanzaba unha poboación de 1500 habitantes. Abren novas rúas e a actividade exportadora (gando, cereais, castañas, patacas, xamóns, chourizos,...) fará que a riqueza vaia en aumento. En 1915, chega a electricidade e pouco máis tarde a traída de augas. Os períodos da Ditadura e a II República favorecen o aumento de estradas e escolas e a urbanización das principais rúas da vila.

A factoría de cementos do Oural sinala a partir dos anos 60 o comezo dun proceso industrializador apoiado na construción e na industria do moble, que xunto co regreso de emigrados en América e Europa, sinalaban o despegue económico, cun proceso paralelo ao de modernización do sector agrícola gandeiro. A posta en funcionamento de novos centros de ensino ( Colexios Públicos en Sarria e Oural, Colexio da Asunción, Colexio da Mercé, Institutos de Bacharelato e Formación Profesional), así como as dotacións da Residencia de Anciáns e Centro de Diminuídos Psíquicos, xunto con equipamento deportivo e de lecer, farán que a vila de Sarria se converta nun núcleo que irradia a súa influencia sobre unha ampla e rica comarca, constituíndo un centro de servizos dinámico e con oferta moi diversificada.

CAMIÑO FRANCÉS:

Historia.
O Camiño de Santiago foi declarado:
  • “Patrimonio da Humanidade” pola UNESCO,
  •  “Primeiro Itinerario Cultural Europeo” polo Parlamento Europeo,
Recibiu o Premio “Príncipe de Asturias á Concordia”.

Todos estes recoñecementos destacan a importancia do intercambio cultural, relixioso, ideolóxico e de convivencia xerado polo feito das peregrinacións e  cada ano son máis os peregrinos de todas as linguas, nacionalidades e culturas que realizan esta ruta secular a pé, en bicicleta, a cabalo ou/e con emprego doutros medios, movidos polas máis diversas razóns.

A maior parte deses peregrinos elixen Sarria, lugar onde Afonso IX rematou a súa peregrinación, para comezar a súa.
No actual auxe do feito das peregrinacións tivo moi destacada parte o sarriao don Elías Valiña Sampedro “o cura do Cebreiro”, natural de Mondín-Lier.

VILA XACOBEA.

A octoxenaria vila de Sarria foi lugar de paso de peregrinos desde a Idade Media. Aínda que non figura no Códice Calixtino, a súa  historia está ligada ás peregrinacións. Froito deste florecemento cultural e artístico foi a fundación por toda a comarca de diversos mosteiros como Santo Estevo de Calvor ( 785), Santa María de Corvelle (857) ou San Mateo de Vilapedre (segunda metade do  século X); San Martiño e Santiago de Barbadelo, San Salvador de Rosende, San Salvador da Pinza, San Pedro de Taíde...

Tamén relacionado co Camiño hai que citar o Mosteiro da Madalena, fundado a principios do século XIII como hospital e albergue para lecer e abrigo dos peregrinos, por dous relixiosos italianos da Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo.

En Sarria houbo outros hospitais: o de Santo Antón (séc. XVI),actual Xulgado, fundado por don Dinís de Castro, que atendía aos peregrinos cando regresaban de Santiago, e o de San Lázaro (de leprosos); o Hospital Vello, no solar núemro 16 da rúa Maior, así como os da Aguiada, O Carballal, Santa Marta, Barbadelo, Morgade, Goián e Louseiro.

A presenza xacobea da que foron mostra os dez hospitais estabelecidos na zona, móstrase activa na actualidade nos albergues da vila e medio rural.

ELÍAS XOSÉ VALIÑA SAMPEDRO.

Na realidade, don Elías Valiña Sampedro é o sarriao máis coñecido entre os fillos ilustres que deu o século XX. Sen o seu labor de calado e efectivo, sería imposible entender o actual bo suceso da milenaria ruta xacobea.

Naceu en Mondín, parroquia de Santa María de Lier ( 02/02/1929). Realizou estudos eclesiásticos no Seminario de Lugo, sendo ordenado sacerdote. Licenciado en Dereito Canónico pola Universidade de Comillas e Doutor pola de Salamanca.

Coñecido como “o cura do Cebreiro”, por desempeñar o seu labor apostólico en varias parroquias do Concello de Pedrafita a partir de 1967, e de ter activa participación na restauración do conxunto etnográfico e o seu significado como  “Fito Xacobeo”, xa que foi propulsor da restauración do templo, hospedaría do poboado do Cebreiro, que estaba en perigo de extinción. As obras iniciáronse en 1962 e, en 1971 inaugurouse un Museo Etnográfico nas pallozas xa restauradas.

O seu traballo “El Camino de Santiago. Estudio histórico- jurídico”,  recibiu o Premio “Antonio Nebrija” ( 1967) e publicado en 1971 polo Consello Superior de Investigacións Científicas.

Foi correspondente na Academia de Doutores de Madrid (sección de Dereito) e membro da Comisión de Patrimonio Cultural da Igrexa en Galicia e do Consello de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

En 1971 publicou no Faro de Vigo o traballo “Caminos de Compostela”.  Participou activamente no “Inventario histórico-artístico de Lugo e a súa provincia” (Madrid 1975-1983). Colaborou coa Universidade Pontificia de Salamanca na elaboración do primeiro volume do “SynodiconHispanum” (Madrid 1981), dedicado a Galicia e foi comisionado pola Secretaría de Turismo para a redacción da “Guía del Peregrino. Camiño de Santiago” (Madrid, 1982).
De 1986 é a obra “Catálogo de los archivosparroquiales de la diócesis de Lugo”. Polo que o CSIC lle entregou o premio “José María Cuadrado”. Outras publicacións; “Galicia y el actual resurgimiento del Camino de Santiago·.

Dedicado activamente á revitalización do Camiño de Santiago, en 1984 emprende a sinalización das diferentes etapas coa frecha amarela, que o distingue, desde Valacarlos a Compostela, e dentro do tramo galego realizou traballos de limpeza, fixación de alternativas, etc.
Publicou varias guías do Camiño de Santiago, promovidas por editoriais turísticas, que destacan por ser prácticas e moi fundamentadas. O seu intenso labor xacobeo levou a que o nomearan Comisario do Camiño de Santiago no
 “I Encontro Xacobeo” (Santiago de Compostela 1985). Promotor e inspirador de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago tanto en España coma no estranxeiro, e da súa federación. Publicou un interesante “Boletín del Camino de Santiago” e participou en conferencias, ciclos divulgativos, congresos,... nun traballo de auténtico apostolado xacobeo.

A morte sorprendeuno o 11 de decembro de 1989, cando o seu labor daba os primeiros froitos e as peregrinacións se estaban a converter de novo nun feito de masas. Foi soterrado na Igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, no atrio do templo. Son moi numerosas as mostras de homenaxe e admiración deixadas en sentidas inscricións dedicadas á súa figura, por asociacións, institucións e particulares de diversos países, colocadas ao carón dun busto recordatorio.

Honrando a súa memoria hai unha rúa na vila que leva o seu nome. Esta rúa une o trazado histórico do Camiño e a estrada que une O Cebreiro con Portomarín, xusto na entrada de Sarria. Serve para lembrar e facer homenaxe a un personaxe singular que dedicou todo o seu esforzo en facer rexurdir e potenciar as peregrinacións a Compostela. Na Igrexa de Santa Mariña está instalada unha inscrición na súa lembranza como “Construtor do Camiño das modernas peregrinacións” dedicado por Curso de Historia Comarcal do desaparecido Centro de Estudo para Adultos.
En 2015, nomeárono Fillo Predilecto de Sarria” a título póstumo e o seu retrato incorporárono á Galería de Sarriaos Ilustres.
(Texto do Seminario de Estudos Sarriaos).
 
INTINERIO DO CAMIÑO FRANCÉS NO CONCELLO DE SARRIA.

A “Strata publica peregrinorum” ou “Corga Francesa” fai un percorrido polo termo municipal de Sarria de 19 km. Entra no Concello de Sarria pola Furela (Concello de Samos), seguindo por Pintín e A Pedra de Calvor (onde actualmente hai un albergue de peregrinos da rede pública), ata a Aguiada. Desde alí por San Mamede do Camiño, San Pedro do Camiño, O Pividal, Vigo de Sarria e O Campo do Rolo. Chega á Ponte Ribeira para cruzar a vila De Sarria pola rúa do Peregrino, Escaleira da Fonte ou Escalinata Maior, rúa Maior, rúa da Mercé, onde se  situaba o anterior punto quilométrico 111, ata chegar ao Mosteiro da Madalena.

Desde a Ponte da Áspera pódense tomar dúas rutas:
Unha, por San Miguel, O Castro e lugar das Paredes chega a Vilei, continuando por Mosteiro de Barbadelo, San Silvestre, Rente, Mercado da Serra,e polo Real Muíño de Marzán; o Sistelo, Chao de Domiz; Olga, Novelle, Peruscallo, Cortiñas, Lavandeira, O Casal, A Brea ( onde estaba situado o punto quilométrico 100 anteriormente, agora na Pena, Concello de Paradela) e Morgade.

A outra ruta vai desde a Ponte da Áspera, Zanfoga, O Mesón, O Romeo, Santa Marta, O Pico, Barreiros, Navás, Mouzós , o Sixto e enlazar coa ruta anterior no Chao de Domiz.