Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


IGREXA DE SAN XOÁN

A igrexa de San Nicolás, antiga igrexa de San Xoán, foi construída entre finais do século XII e comenzos do século XIII; pertence logo ao románico tardío.

Erguida pola orde de San Xoán de Xerusalén, esta igrexa-fortaleza tiña baixo o seu control a ponte que atravesaba o Miño e o coidado do hospital de peregrinos, de ahí o seu aspecto de fortificación.

San Nicolás pertenceu, primeiro, á Orde de Santiago; despois, á Orde de San Xoán de Xerusalén, máis tarde de Malta. Foi reedificada pedra a pedra no seu lugar actual cando o encoro de Belesar alagou os dous barrios que formaban o orixinal Portomarín ( San Nicolás e San Pedro).

San Xoán de Portomarín é un dos edificios románicos máis impactantes, non só da provincia de Lugo, senón de toda Galicia. Salienta o gran rosetón, cun deseño xeométrico.

Esta igrexa-castelo ten unha planta de nave única. A ábsida consta dun tramo recto cuberto por bóveda de canón e outro semicircular con bóveda de forno. Conta con tres magníficas portadas esculturadas, decoradas cunha forte impregnación do simbolismo románico. A principal, evoca a visión apocalíptica plasmada no Pórtico da Gloria; no tímpano atopamos un Pantocrator e as arquivoltas adornadas cos 24 anciáns do Apocalipsis dispostos en forma radial, feito que fai vencellar esta porta á escola do Mestre Mateo. Na porta Norte figura unha Anunciación, enmarcada por arquivoltas decoradas con motivos xeométricos. A porta Sur amosa no tímpano figuras de santos, motivos vexetais, animais e figuras humanas. Na fachada posterior aparece un pequeno rosetón e debaixo, unha ábsida na que se abren tres celosías enmarcadas por columnas góticas e arcos de medio punto, decorados con motivos xeométricos.

No interior da igrexa a decoración é mais sobria, aínda que conserva restos de pinturas góticas, un baldaquino do século XVI e unha magnífica escultura de Cristo Crucificado do século XIV, realizada en madeira policromada.

A igrexa aglutinaba a función relixiosa e castrense, de ahí a súa voluminosidade, rematada cun paseo de ronda ameado con clara finalidade militar.

O 3 de xuño de 1931 foi declarada Monumento Histórico - Artístico.
 
 
IGREXA DE SAN PEDRO

A Igrexa de San Pedro data do século X, aínda que consagrada no 1182 polo bispo de Lugo Rodrigo II, segundo a inscripción que figura na portada do templo.

Igrexa de orixe románica, declarada Monumento Histórico Artístico, foi trasladada pedra a pedra dende o antigo Portomarín cando as augas do encoro de Belesar alagaron a vila.

Construída en sillaría de granito, conserva do estilo románico a súa portada , formada por arcos de medio punto con arquivoltas cubertas de motivos xeométricos. O tímpano sostido por batentes con forma de cabeza de touro ornaméntase con dous semicírculos estrelados.

No interior, contén un sepulcro de pedra do Marqués de Bóveda e destaca a fermosura do retablo do século XVI.

ESCALINATA E CAPELA DAS NEVES   
       

A escalinata de Portomarín atópase fronte á ponte. Feita en granito, conduce á capela da Virxe das Neves.

A capela está situada nun arco da antiga ponte medieval no centro urbán da vila, no lugar que antano ocupara o hospital da Orde de San Xoán, coñecido como Domus Dei.

Trátase dunha sinxela construcción feita en mampostería con nave única e espadana na fachada.
 
PONTE DO MIÑO

A construcción máis antiga data do século II e fíxose pola necesidade de paso para cruzar o Miño. En torno a ela foi nacendo aos poucos un poboado.

A Ruta de Santiago foi dirixida a esta ponte porque era o único xeito de cruzar o río sen utilizar balsas ou barcas. Coa creación do encoro de Belesar construíuse unha nova ponte.

CASTRO DE CASTROMAIOR: O Castro do Camiño de Santiago

O Castro de Castromaior é un dos xacementos arqueolóxicos da Idade de Ferro máis relevantes do Noroeste da Península , como demostraron os resultados das últimas intervencións desenvolvidas nel. O bo estado de conservación do mesmo permite realizar un exame dos modelos construtivos castrexos, debido, sobre todo, á inactividade agropecuaria, que mantivo selados os últimos niveis de ocupación e posterior destrución. A súa situación, a escasos metros do Camiño de Santiago, ofrece óptimas condicións para o desenvolvemento dun programa de intervención que pretende converter este ben patrimonial nun recurso cultural e turístico de primeira orde, tendo como base a investigación arqueolóxica.

O Camiño Francés articúlase en varias etapas determinadas polas xornadas dos camiñantes. Unha das mellor definidas é Portomarín – Palas de Rei. O castro de Castromaior está situado sobre unha elevación que domina parte desa etapa. A visita ao xacemento arqueolóxico non supón ningún rodeo nin desvío do peregrino no seu camiño debido a que o trazado orixinal pasa por un dos fosos norte do complexo defensivo do poboado castrexo. A posibilidade da visita ao castro durante o percorrido do Camiño fai que este conxunto arqueolóxico adquira unha dimensión máis aló dun simple punto de parada no peregrinar cara a Santiago. Castromaior é un recurso patrimonial de primeira orde que, sen dúbida, nos amplía e aproxima ao coñecemento do noso pasado, punto de referencia dos camiñantes na súa viaxe, de marcado carácter histórico e cultural ademais de relixioso e espiritual.