Bandera de Galicia Bandera de España

Festas e feiras


A Feira Anual do Gando celébrase na Praza de España de Pedrafita do Cebreiro, ofertándose gando vacún, maquinaria agrícola e productos da zona. A data habitual da Feira é o tercer domingo do mes de setembro. Os gandeiros dos concellos limítrofes acuden a este certame con motivo de expoñer as súas mellores reses, outorgándoselle premios.

Dende 1987, vénse celebrando todos os anos na localidade de Pedrafita a Feira do Queixo en torno á Semana Santa. Nos últimos anos, este evento ten lugar o día de Venres Santo. Cada ano está batendo os seus propios récords de participantes e asistentes.
Esta feira é un dos mellores escaparates para o produto máis característico do noso concello, O Queixo do Cebreiro (é un queixo fresco, brando e lixeiramente ácido que está elaborado con leite pasteurizada do gando vacún da nosa comarca, sen conservantes ni produtos medicamentosos; o que o fai un fabuloso manxar para o padal). Nesta feira podemos atoparoutros tipos de queixos e derivados do leite con denominación de orixe e artesanais. Por outra banda, tamén atoparemos unha gran variedade de produtos elaborados baixo as súas respectivas denominacións de orixeou de forma artesanal nas casas, tanto da nosa comarca coma doutros lugares de España e do estranxeiro, como mel, viño, pasteis, pan, derivados do porco, productos feitos con coiro...

A feira complétase coa actuación de grupos de baile e música tradicional e con exposicións sobre a cultura tradicional.

FEIRA DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

En Pedrafita do Cebreiro celébrase a tradicional feira os días 5 e 21 de cada mes. A feira é de carácter agropecuario e gastronómico, servindo de punto de encontro para a xente do concello e doutros concellos limítrofes, ademais de tratarse do lugar de intercambio dos diferentes produtos que nésta podemos atopar.
Nesta feira ou mercado podemos comprar, ademais de gran cantidade de alimentos (froitas, derivados do porco, pan artesán...), toda clase de apeiros de labranza e roupa ou calzado.
Algo que cabe destacar é a tradición de comer polbo á feira, algo que se atopa totalmente en auxe, xa que hai xente que soamente se achega á feira a xantar.

FESTA DE SAN ANTÓN

San Antón é o patrón da parroquia de Pedrafita do Cebreiro. O 13 de xuño celébrase na localidade de Pedrafita unha festa, principalmente de carácter relixioso, na honra deste santo, na cal o evento máis destacado é a tradicional misa e a posterior procesión polas rúas do pobo.

ROMARÍA DE SANTA MARÍA A REAL E O SANTO MILAGRE DO CEBREIRO

Os días 8 e 9 de setembro celébrase, cada ano, na aldea do Cebreiro, a romaría máis importante do noso concello, a Romaría de Santa Mª a Real do Cebreiro e do Santo Milagre.

Esta festa está principalmente motivada polo compoñente relixioso. Os romeiros, procedentes de moitos lugares de Galicia e parte do Bierzo, peregrinan maioritariamente a pé ata o Cebreiro dende hai moitos séculos para venerar á Santa Mª A Real do Cebreiro e O Santo Milagre ,segundo marca a tradición.

O acto principal é a Misa Maior e a posterior procesión polas rúas do pobo, na que participan a maior parte dos romeiros.

Outros elementos fundamentais son as visitas ás reliquias do Santo Milagre, admirar o cáliz e patena onde se produciu o milagre (O Santo Grial do Cebreiro) e rezar fronte á Virxe de Santa Mª A Real do Cebreiro.

Esta festa complétase con actuacións de bandas de música e baile tradicional, as populares merendas campestres ou a degustación de produtos tradicionais locais da aldea, compras nos diferentes postos de venda ambulante e, para rematar o día, verbenas nocturnas.