Bandera de Galicia Bandera de España

Gastronomía


Pedrafita do Cebreiro conta cunha gran riqueza gastronómica, algo que é unha referencia para aqueles que visitan o concello. A cociña deste concello destaca pola elaboración caseira, baseada na utilización de produtos naturais típicos da zona.

Destacan os distintos pratos elaborados con carne de vacún criada baixo a denominación de orixe protexida Ternera Gallega, procedente, fundamentalmente, da raza Rubia Galega e doutros cruces de razas cárnicas. Outros produtos que merecen ser destacados son os derivados do porco, cos que se elabora o cocido que tanta fama ten na zona. Por outro lado, o pan desta zona é elaborado de forma artesanal en forno de leña, do mesmo xeito que os doces artesanais feitos a base de mel, noces ou castañas procedentes tamén de distintas zonas do concello.
Pero, sen lugar a dúbidas, o produto máis destacado é o Queixo do Cebreiro, co cal se poden elaborar numerosas receitas, xa que pode combinarse con gran cantidade de alimentos ou comelo só, como sobremesa.

A orixe deste queixo remóntase aos primeiros monxes que se instalaron no poboado do Cebreiro a finais do Século IX, cando atendían as necesidades dos peregrinos. A documentación conservada permite esbozar o despacho anualmente do queixo elaborado no Cebreiro para o consumo na Casa Real portuguesa durante o reinado de Carlos III, que mandaba estes queixos á súa irmá, a Raíña de Portugal.

O queixo era elaborado, principalmente, por mulleres da comarca do Cebreiro, e facíanos fundamentalmente no inverno para aproveitar a friaxe estacional e mellorar a súa conservación.

Denominación de orixe protexida Cebreiro

É unha Denominación recoñecida por Orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia de 21/12/04 e publicada no D.O.G. de 21/12/04.

Esta denominación de orixe ampara o queixo elaborado con leite procedente de gando vacún saneado das razas Rubia Galega, pardo-alpina, frisona e dos cruzamentos entre elas. O leite será natural, enteiro e, en todo caso, procedente das granxas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, e deberá ter unha composición que cumpra cos mínimos legais establecidos.

Os queixos amparados pola denominación de orixe protexida Cebreiro levarán unha contra etiqueta numerada controlada polo Consello Regulador e unha etiqueta que faga referencia á Denominación de Orixe e o prazo de consumo preferente de 60 días.

A zona de produción autorizada, tanto de leite como de queixo, sitúase na provincia de Lugo, máis concretamente, na zona de entrada a Galicia polo Camiño Francés. Trátase, exactamente, dos concellos de: Baralla, Becerreá, Folgoso de Caurel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, Láncara, A Fonsagrada, Castroverde e Samos.

O queixo do Cebreiro fresco é un queixo graxo de pasta branca, branda, arxilosa ao tacto, untuosa, fundente ao padal e granulosa, elaborado, como dixemos, con leite de vaca. Este queixo pode comercializarse en distintos formatos, cun peso comprendido entre os 0,3kg e os 2kg. Fresco, comercialízase cunha maduración mínima de 48 horas, mentras que o curado se vende cunha maduración dun mínimo de 45 días. Estéticamente, en canto á forma, ten unhas características ben diferenciadoras: ten forma de fungo ou de gorro de cociñeiro, a base é cilíndrica (cun diámetro variable e unha altura non superior aos doce cm), ademais presentará un sombreiro cun ou dous centímetros máis de diámetro e altura variable de ao redor de tres centímetros. O seu sabor recorda o do leite lixeiramente acedo.

Por outro lado, o queixo do Cebreiro curado ten unha codia pouco diferenciada e unha pasta de cor amarela, de consistencia máis firme que manteigosa. O seu sabor pode caracterizarse de metálico, picante e lácteo, cun aroma característico.

O proceso de produción deste queixo é o seguinte: cando o leite chega á queixaría, pasteurízase. Do pasteurizador pasa á cuba onde se lle bota o callo. Unhas horas despois xa temos a callada, córtase e bótase nunhas bolsas de tela para que se desore; a continuación, engádeselle sal e amásase ,e, para finalizar, introdúcese nuns moldes e prénsase.

Na actualidade, só se comercializa o queixo fresco, que conta cun gran abano de posibilidades para a cociña; serve tanto para facer ensaladas, suavizar cremas, guisar carnes ou peixes como para ofrecer de sobremesa, só ou acompañado por mel, marmelo, noces... ou sendo a base de flans ou pasteis.
Cada ano, o día de Venres Santo, celébrase a Feira da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro.

No ano 1990 abriu a primeira queixería artesanal, Queixería O Castelo, e en 1991 recibiu o premio Produto Galego de Calidade. Dende aquela, recibiu gran cantidade de nomeamentos e premios como, por exemplo, no ano 2013, foi o mellor queixo de España da súa categoría e no 2014 o mellor queixo fresco de Galicia, o que nos leva a destacar a súa gran calidade.

Dende esta primeira, fundáronse máis queixerías, pero ningunha delas situada no concello de Pedrafita do Cebreiro, senón que están repartidas nos outros concellos produtores.