Bandera de Galicia Bandera de España

Que facer


RUTAS

RUTA DENDE BRAÑAS A CHANDEPENA

FICHA TÉCNICA
Tipo: Sendeirismo, 4x4, ecuestre ou bicicleta de montaña
Dificultade: Alta
Localización: Concello de Pedrafita do Cebreiro. Parroquias de Zanfoga e Riocereixa
Itinerario: Brañas da Serra – Chan de Pena
Tipo de recorrido: Ida e volta
Distancia: 24Km Ida e volta
Duración: 6:30h Ida e volta a pé
Lugares de interese: Brañas da Serra (area recreativa), miradoiro da Fonte do Vaso, Monte do Faro, miradoiro de Pena do Tallo , Chan de Pena (ermida)
Observacións: A ruta de Brañas da Serra – Chan de Pena pódese complementar coa Ruta da devesa de Courel (pertence o concello do Courel)

Descrición
O recorrido desta ruta serpea polos montes lindantes coa provincia de León e a Serra de Courel. Conta con magníficas vistas e avístanse marabillosas devesas de faias (as máis meridionais de Galicia).

Dende A Pena do Tallo pódese divisar prácticamente todo o municipio de Pedrafita e, dende O Monte do Faro, pódese avistar a Serra do Courel, así coma acceder á Ruta da devesa de Courel, que remata nunhas fontes de augas medicinais moi apreciadas polos poboadores da zona. Nesta ruta tamén podemos atopar plantas medicinais e distintos tipos de bosques de árbores.


RUTA DO CAMIÑO DE SANTIAGO NOS ANCARES

FICHA TÉCNICA
Tipo: Sendeirismo, ecuestre, bicicleta ou turismo
Dificultade: Alta
Localización: Concello de Pedrafita do Cebreiro (Parroquia de Pedrafita, O Cebreiro, Liñares, Hospital, Padornelo e Fonfria)
Itinerario: Pedrafita – O Cebreiro – Liñares – Hospital – Padornelo – O Poio - Fonfria
Tipo de recorrido: Lineal
Distancia: 16 Km
Duración: 5h a pé
Lugares de interese: Porto de Pedrafita, área recreativa do Val de Cabrita, miradoiro de Pedrafita, miradoiro do Cebreiro, conxunto etnográfico do Cebreiro, Liñares (igrexa), alto de San Roque (monumento ao peregrino), Hospital da Condesa (igrexa), Padornelo (igrexa), Alto do Poio (miradoiro), Fonfría (igrexa), hórreos, casa típicas da montaña, restaurantes….
Observacións: Lenda do Milagre e O camiño Francés. Ruta do Lago Maior (complementaria)

Descrición
O recorrido desta ruta comeza en Pedrafita, o centro neurálxico deste concello, para chegar a O Cebreiro, onde se xunta co Camiño Francés que seguirá ata o seu remate en Fonfría.
Dende o punto de vista da natureza, é un paraíso incomparable para gozar das súas fantásticas vistas panorámicas ao longo do seu percorrido, xa que podemos divisar a Serra dos Ancares, A Serra do Courel, a Serra do Piornal e a comarca do Bierzo. Por outra banda, temos que destacar que pasa polo Alto do Poio, o punto máis alto do Camiño Francés.
Dende un punto de vista espiritual e arquitectónico, gozaremos das súas igrexas e ermidas coa típica arquitectura da montaña lucense, das pallozas: vivendas prerrománicas que se conservan en perfecto estado no pobo do Cebreiro, dos hórreos típicos da zona e dos monumentos que se levantaron en honor á peregrinación á tumba do apóstolo Santiago. Destes monumento arquitectónicos hai que destacar a Igrexa de Santa María a Real do Cebreiro que ten as súas orixes no S. IX e é considerada o monumento máis antigo do Camiño Francés.
Ésta tamén é unha fabulosa ruta para degustar a gastronomía típica do concello. Nela podemos degustar exquisitos manxares, como son o Queixo do Cebreiro e pratos que levan como base éste, pratos feitos con produtos derivados do porco da zona, a carne de tenreira galega criada na nosa comarca….
Como complemento desta ruta podemos realizar a Ruta do Lago Maior e empaparnos de espiritualidade nun pequeno traxecto do Camiño de Santiago así coma da Lenda do Milagre (O Milagre do Santo Grial do Cebreiro)
Esta ruta é recomendable tanto para a xente que goza facendo rutas por paraxes naturais coma coa espiritualidade e arquitectura do Camiño de Santiago neste concello. Como valor engadido poden degustar a impresionante gastronomía da comarca.

RUTA DO MILAGRE

FICHA TÉCNICA
Tipo: Sendeirismo
Dificultade: Media
Localización: Concello de Pedrafita do Cebreiro. Parroquia do Cebreiro
Itinerario: Barxamaior – Fontevedra – O Cebreiro
Tipo de recorrido: Ida e volta
Distancia: 6.4 Km Ida e volta
Duración: 2h ida e volta a pé
Lugares de interese: Barxamaior (casa de Juan Santín, castiñeiro centenario, hórreos, ermida), Fontevedra (hórreos) e conxunto monumental O Cebreiro (pallozas, igrexa, reliquias, cruceiro…)
Observacións: Lenda do Milagre

Descrición
O recorrido desta ruta é, o que segundo conta aLenda do Milagre, facía Juan Santín; un dos protagonistas do Milagre do Santo Grial do Cebreiro. Este milagre aconteceu cando, nun día de forte temporal de neve, un monxe celebraba misa na capela do Cebreiro alá polo ano 1300. Un veciño do pobo de Barxamaior desafiou a tempestade achegándose ata O Cebreiro para escoitar misa. O monxe menos prezou o sacrificio do fregués, exclamando cando o viu chegar: “cual viene este otro con una tan gran tempestad, y fatigado, a ver un poco de pan y vino”. Nese momento, a hostia converteuse en carne e o viño en sangue, e a virxe dos Remedios (Santa María a Real do Cebreiro) inclinou a cabeza para contemplar o acontecemento e quedou nesa postura.

Nesta ruta podemos ver: o castiñeiro centenario que, segundo din, plantou Juan Santín e a casa onde viviu, hórreos, as famosas pallozas do Cebreiro, a igrexa de Santa María a Real do Cebreiro ( o relicario onde se gardan as reliquias do milagre do s. XV, o cáliz e patena do s. XII (forma parte do escudo de Galicia), Santa María a Real do Cebreiro, tumbas dos protagonistas do milagre, baptisterio para o bautismo por inmersión do s. IX, sagrario que representa a tumba do apóstalo Santiago, a tumba do párroco Elías Valiña, un dos grandes benfeitores das peregrinacións a Santiago, as imaxes de San Bieito e San Francisco de Asís), un cruceiro, o Hostal de peregrinos San Xiraldo de Aurillac, o Monumento O Gaiteiro, a Cruz do Promotorio...

Dende un punto de vista menos relixioso, esta ruta é de interese polas súas fermosas vistas, a súa fauna e flora , tanto dende os puntos de comezo e remate da mesma coma ao longo do seu percorrido, así coma os elevados valores etnolóxicos e artísticos que atopamos nela.

Esta ruta é recomendable tanto para xente que busca lugares con valores espirituais e relixiosos coma para a que busca gozar da natureza e patrimonio artístico.

RUTA DO POZO DO LAGO MAIOR

FICHA TÉCNICA
Tipo: Sendeirismo
Dificultade: Media
Localización: Concello de Pedrafita do Cebreiro (Parroquia de Hospital)
Itinerario: Hospital da Condesa- Pozo do Lago Maior
Tipo de recorrido: Ida e volta
Distancia: 2Km Ida e volta
Duración: 30min Ida e volta a pé
Lugares de interese: Hospital da Condesa (igrexa), vistas panorámicas e lago glaciar
Observacións: Interesante ruta como complemento o Camiño Francés

Descrición
É unha ruta moi corta que comeza en Hospital da Condesa, un dos núcleos de paso do Camiño de Santiago, e remata nun pequeno lago glaciar duns 100m de largo por 25m de ancho. Ao longo do seu percorrido podemos escoitar o son da auga baixando pola montaña por pequenos regatos e gozar de marabillosas vistas panorámicas da Serra dos Ancares e da Serra do Piornal.
Esta ruta é recomendable para a xente que goza da natureza como complemento ao Camiño de Santiago.

RUTA DOS MUÍÑOS

FICHA TÉCNICA
Tipo: Sendeirismo, turismo, ecuestre ou bicicleta
Dificultade: Baixa
Localización: Concello de Pedrafita do Cebreiro (Parroquias de O Cebreiro e Padornelo) e concello de As Nogais (Parroquia de Noceda)
Itinerario: San Pedro - Busnullán
Tipo de recorrido: Ida e volta
Distancia: 20Km Ida e volta
Duración: 5:·30h Ida e volta a pé
Lugares de interese: San Pedro, Penas de San Pedro, río Navia, muíños, Busnullán ( muíños, nacemento do río Navia, hórreos, ermida…)
Observacións: Río Navia e muíños

Descrición
O recorrido desta ruta segue o son do Río Navia, e, como o seu nome indica, o máis destacado da ruta son os seus muíños. Durante este itinerario podemos divisar 18 muíños (algúns seguen funcionando hoxe en día), hórreos, fantásticas vistas así como o nacemento do río Navia.
Esta ruta é recomendable para a xente que goza coa tranquilidade da natureza, o son das augas do río e das actividades agrícolas e gandeiras típicas desta zona da montaña lucense.