Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


CONXUNTO ETNOGRÁFICO DO CEBREIRO

Na alta montaña da provincia de Lugo, no límite entre Castela e León e Galicia, atópase un pequeno pobo que, durante séculos, acolleu e segue acollendo aos peregrinos que facían e fan o Camiño Francés cara Santiago de Compostela.

Neste poboado pódense visitar as pallozas, o museo, a Hospedaría de San Giraldo de Aurillac e a Igrexa de Santa María A Real.
As pallozas son as vivendas tradicionais por antonomasia; son de orixe prerrománico, teñen estrutura ovalada, circular ou elíptica, con muros de gran grosor de pedra, nos cales se abren pequenas fiestras e as portas necesarias para os servizos de entrada e saída dos seus ocupantes, o teito está feito de colmo e non contan con cheminea, xa que o fume filtrábase a través da palla.

Baixo a alta e tupida cuberta de palla de centeo, que soportaba o peso da neve e os ventos da montaña, destinada a que a neve parase pouco sobre ela (o que nos mostra que o home do prerrománico se adaptaba ao clima da zona), convivían as familias cos seus animais domésticos, de modo que éstes lles proporcionaban a calor necesaria para poder soportar as baixas temperaturas do inverno.

No interior destas construcións consérvase o pouco e escaso mobiliario e os útiles domésticos que se utilizaban naquel tempo. Había dous espazos ben diferenciados, a Estraviza, para o gando e os apeiros de labranza e o Ástrago, para a vida familiar, no cal normalmente había unha lareira para facer o lume, un forno para cocer o pan e un dormitorio. Ademais, en ocasións, contaban cun piso intermedio de madeira, a Barra, na cal se gardaba a colleita da herba e tamén se aproveitaba para durmir.

A palloza museo do Cebreiro reflexa á perfección as condicións de vida do pasado na montaña lucense. A distribución dos espazos está en perfecta relación co entorno e coa vida gandeira e agrícola que perviviu no poboado ata ben entrada a segunda metade do século XX.



SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO

Recibe o nome de Santa María a Real do Cebreiro por ter sido declarado o santuario de protección Real, sendo favorecido ao longo dos séculos por privilexios reais.

A igrexa, de estilo prerrománico, foi fundada probablemente polos monxes bieitos, no século IX. No ano 1072, Alfonso VI púxoa en mans dos monxes franceses da abadía de San Xiraldo de Aurillac, pasando a depender de novo da orde bieita en tempos dos Reis Católicos, e sendo finalmente abandonada por éstes trala desamortización de Mendizábal en 1853. No ano 1963 empezou a súa restauración xunto co resto do conxunto histórico do Cebreiro.

Ten planta rectangular con cuberta de lousa a dúas augas, presbiterio e arco triunfal con bóveda de medio punto. A torre forma un pórtico con catro pilares e catro vanos con arcos de medio punto, representando a típica arquitectura das montañas de Lugo.

O interior está articulado en  tres naves irregulares, sacristía e un baptisterio situado á esquerda nunha habitación separada do resto da igrexa. Nesta habitación localízase unha pía bautismal do s. IX que se utilizaba nos seus primeiros tempos para o bautismo por inmersión.
No Altar Maior pódese admirar  o Cristo crucificado.

Á dereita do altar maior está a capela do Santo Milagre, na cal podemos ver a imaxe de Santa María a Real do Cebreiro. Trátase da Virxe dos Remedios e dise que inclinou a súa cabeza para poder observar o Santo Milagre e quedou así como testemuña muda. A imaxe leva nunha man o anel pastoral que lle ofrendou o Bispo de Lugo, Frei Plácido. Esta imaxe sufriu moitas restauracións ao longo do tempo, a última en 1971. No altar desta capela consérvanse, nunha vitrina,o cáliz e a patena onde se produciu o milagre (son pezas románicas s.XII que forman parte do Catálago Europeo de Arte Románico), e o relicario onde se gardan os restos do milagre dende que en 1486 o doasen  os Reis Católicos.  A imaxen deste cáliz forma parte do escudo de Galicia dende 1984. Debaixo da vitrina hai un sagrario de prata que representa a urna da Catedral de Santiago onde repousan os restos do Apóstolo Santiago. Á dereita están os sepulcros dos protagonistas do Santo Milagre, o fregués do pobo de Barxamaior e o monxe.

Á esquerda do altar maior atópase a capela de San Bieito, dedicada aos monxes fundadores da igrexa, en cuxo altar podemos ver a imaxe de San Bieito. Aos pés do altar está o sepulcro do párroco Elías Valiña Sampedro, principal valedor destas terras, que emprendeu as restauracións do poboado e foi o gran impulsor do Camiño de Santiago. Foi párroco do Cebreiro dende 1959 ata 1989, ano do seu falecemento.

Dentro da igrexa tamén nos chama a atención a imaxe de San Franciscode Asís, que se supón que realizou a peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés en 1214.