Bandera de Galicia Bandera de España

Gastronomía


Os pratos desta zona teñen na súa base, como non podía ser doutra maneira, os ingredientes da recoñecidas dieta atlántica e mediterránea. Esta terra tan sa e viva regala verduras e hortalizas dun sabor que non deixan a ninguén indiferente. O cocido, cos seus grelos ou repolos, acompañado de produtos do porco, criado con agarimo e esmero, que se nota no sabor da súa carne e do que se aproveita todo, a tenreira galega que saben preparar tan ben os establecementos da zona así como a caza en tempada, pódeos atopar en calquera dos restaurantes do municipio a uns prezos para todos os petos. E que dicir da castaña? Escondida nos seus ourizos podemos degustala asada ou cocida, soa ou remollada en leite, no caldo.... substitúe en ocasións á pataca, podemos preparala en marmeladas, cremas, xeados, tortas, glaseada e acompaña tanto a pratos doces como salgados.

O polbo

Este cefalópodo non falta en ningunha feira da zona e pódese preparar de tantas formas! Á prancha, " á feira", á mugardesa.... O ideal é acompañalo con patacas e/ou pan. Se é estilo " feira", as mans áxiles das pulpeiras córtano recentemente saído da pota de cobre e preséntase en prato redondo de madeira cun chorrito de aceite de oliva e pemento. Tamén se pode preparar acompañado de crema de pataca e aceite de pemento picante.

Os viños
Este concello pertence á Ribeira Sacra, onde os viñedos en bancales situados nas ladeiras das montañas regálannos unha das cinco denominacións de orixe vinícolas que existen en Galicia. 

Sobremesas
A torta de Paradela é fina ao padal, ideal para sobremesa ou merenda, pódese acompañar dunha cunca de chocolate fría ou quente con nata. Outras sobremesas locais poden ser a mazá preparada en compota ou confeitura, sobre unha tosta de pan de Paradela, en torta con follado, crúa, asada ou glaseada. Tamén é ideal para acompañar pratos de caza, aves ou porco.