Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


CASTELO DE PAMBRE (Parroquia de Pambre, municipio de Palas de Rei)

É o mellor exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia. Construído por Gonzalo Ozores de Ulloa cara o ano 1375 sobre un escarpado penedo, ás beiras do río Pambre, que exerce de defensa natural.

O Castelo é de planta cadrada, cercado por unha muralla de planta irregular que se adapta ao terreo. Os muros son de cachotaría e sillaría de granito. O edificio central fórmano a torre, de planta cadrada, flanqueada por outras catro de menor tamaño, tamén cadradas, e comunicadas entre sí por unha muralla.

No centro sitúase a torre mestra, que ten planta cadrada, de 11 m de lado, e tres plantas. A primeira é cega; a segunda elévase uns cinco metros do chan e existen vestixios que permiten imaxinar unha ponte interior que comunicaría esta planta coa murallaa través dunha porta con arco apuntado e escudo de armas dos Ulloa; na terceira planta hai unha ventá grande de arcos oxivais. Todas as torres están almenadas en beiril con ameas en punta ou triángulo.

Accédese ao patio interior por un portalón adintelado practicado na muralla. No interior consérvase un cabazo de catro aires colocado en parte sobre a cortina exterior. A cortina exterior, adaptada á configuración do terreo, ten unha espesura de 2 a 2,5 m. chegando na zona da porta aos cinco metros. Esta porta de acceso ten arco de volta perfecta co escudo de armas da familia Ulloa na clave. Á dereita da entrada atópase a capela de San Pedro construída a finais do século XII.

O Castelo de Pambre foi un mito dentro da loita irmandiña contra a nobreza da época, que logo engrosou López Ferreiro coa súa novela “O castelo de Pambre”. Localizado en Pambre (Palas de Rei, Lugo) foi a única fortaleza que resistiu á revolta irmandiña de 1467.

Horario de apertura:

-Horario de Inverno (do 1 de novembro ao 31 de marzo): de 12:00h. a 17,30h (ininterumpidamente)
-Horario de Verán (do 1 de abril ao 31 de outubro): de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h
Ademáis, o Castelo estará pechado os días 24, 25 e 31 de decembro e os días 1 e 6 de xaneiro.
Teféfono de contacto: 628 26 22 51

IGREXA DE VILAR DE DONAS (Parroquia Vilar de Donas, municipio Palas de Rei)

A igrexa de Vilar de Donas é un dos exemplos máis importantes do románico galego no Camiño de Santiago. A igrexadata de principios de século XIII e foi declarada monumento histórico-artístico en 1931. Formou parte dun monasterio fundado a mediados do s.XII pertencente á Orde de Santiago.
Ten planta de cruz latina, con nave principal cuberta con armadura de madeira e cruceiro rectangular con bóveda de crucería. Conta con tres ábsidas abovedadas,frontispicio con bela portada de arco abucinado de medio punto, con catro arquivoltas sobre columnas con capiteles profusamente decorados e friso, sobre o que descansan as estatuas de S. Miguel, S. Bartolomé e a Virxe co Neno.

No seu interior, ademais das pinturas góticas da ábsida central, cómpre ollar o baldaquín, gótico tamén, que se atopa no brazo esquerdo do cruceiro.
Destacan varios sepulcros dos cabaleiros da Orde de Santiago con armas de diversas familias, pertencendo unha das urnas sepulcrais ao cabaleiro Fernando AresNoguerol. A urna sepulcral sitúase enriba de dous leóns que agochan un porco bravo na cabeceira.

Destacan, sobre todo, os frescos que cobren, como un retablo, os muros da ábsida central; pinturas góticas de finais so s.XIV-comenzos do s.XV. Na parte baixa está Cristo Varón de Dores entre os reis Xoán II e María de Aragón e o seu fillo Henrique; o nivel central está ocupado por unha Anunciación, con María e o arcanxo San Gabriel, flanqueando a ventá que ilumina o altar. A parte superior corresponde á bóveda da ábsida, cun simbolismo que alude á bóveda celeste, e onde se presenta a Cristo como Xuíz, nunha mandorla sostida por anxos. Estas pinturas góticas realizáronse para o Ano Santo Compostelán de 1434, en tempos de Xoán II, monarca protector dos peregrinos, para os que estableceu un salvoconducto que lles aseguraba a súa protección rexia no Camiño de Santiago.

Os horarios de visitas son: de 12h a 18,40h de martes a domingo (ata 15 de outubro).
 
TORRENTES DE MÁCARA

A súa paisaxe e a diversidade da súa flora e faunafan deste lugar un espectáculo natural inigualable, nas inmediacións do Castelo de Pambre e do Balneario de Frádegas.

Exténdese por Mácara (Ramil) nun tramo do alto Ulla entre o balneario de Frádegas e a confluencia dos Ríos Ulla e Pambre. O Ulla discurre por un pequeno cañón entre granito, con moitos rápidos e pequenas cascadas. A cascada máis alta está sobre 3 e 4 metros de altura de Mácara.