Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


Palas de Rei, na Comarca da Ulloa , é unha localidade lucense de preto de 3.500 habitantes cuxa historia está estreitamente entrelazada á cultura castreña, encontrándose numerosos restos arqueolóxicos que apuntan a un primitivo asentamento (mámoas, dolméns e castros).

Segundo a tradición, o nome de Palas de Rei procede de Pallatium Regis (palacio real) por seren a residencia do monarca visigodo Witiza a principios do século VIII. En Palas, Witiza teríalle dado morte ao Duque de Galicia, Fafila, pai de Don Pelaio.

Gracias á influencia do Camiño de Santiago, o estilo románico penetrou na arquitectura relixiosa de Palas de Rei deixando pegada nos seus edificios, destacando a igrexa de Vilar de Donas, un dos referentes principias do románico galego, declarada en 1931 monumento histórico-artístico. As súas pinturas murais forman un dos conxuntos máis destacados e mellor conservados de Galicia.

Por aquí pasaba a vía XIX “LucusAugusti-Iria Flavia-Brácara Augusta”, e xa no século VI constátase a súa pertenza ao condado de “Ulliensis”, sendo a Idade Media un período de prosperidade para a vila, en boa parte grazas ao Camiño de Santiago.

Sen dúbida, a historia deste tranquilo pobo está moi vinculada ao Camiño de Santiago Francés. O Códice Calixtino recolle que dende este punto arranca a etapa final ata a tumba do apóstolo, 68 quilómetros dunha xornada que Amery Picaud definiu coma “moderada”.

Deste modo, co auxe medieval das peregrinacións, a localidade experimentou unha importante expansión. O Concello de Palas de Rei conta cun amplo patrimonio artístico que reflicte o pasado señorial destas terras, pois conserva restos de fortalezas, torres, castelos, así como varios pazos e casas blasonadas.

LOCALIZACIÓN

Situado no noroeste da provincia de Lugo, o Municipio de Palas de Rei limita ao norte co Municipio de Friol, ao Sur sitúase o Municipio de Antas de Ulla, no oeste limita coa provincia de A Coruña, e no leste linda cos Municipios lucenses de Monterroso e Guntín.
Cunha superficie de 199,7 km², o seu territorio está dividido en 43 parroquias, contando con case 3500 habitantes, o que supón unha densidade de poboación de 19,1 hab/ km².

Emprazada na comarca da Ulloa, no centro de Galicia, a localidade de Palas de Rei é atravesada por dúas estradas: a N-547 e LU-231. Esta última facilita as conexións cos concellos de Friol, Monterroso e Taboada, sendo de máis importancia a N-547, que conecta Lugo con Santiago de Compostela ao seu paso por Palas de Rei. Tamén é un punto de paso da futura autovía Lugo-Santiago, A-54, actualmente en construción.

MUNICIPIO DE INTERÉS TURÍSTICO

O Consello da Xunta aprobaba o 5 de febreiro de 2015 a declaración de Palas de Rei como municipio de interés turístico. Esta distinción outórgase aos municipios que o solicitan e que cumpren unha serie de requisitos para elo. No caso de Palas de Rei, a Xunta de Galicia valorou especialmente a estratéxica situación deste municipio como paso indispensable para os numerosos peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela a través dos camiños Francés e Primitivo.

O auxe nas peregrinacións trouxo consigo que Palas conte na actualidade cunha ampla infraestructura hosteleira e unha variada oferta de restauración, que son outro dos aspectos máis valorados neste tipo de declaración.

Ademais delo, Palas de Rei conta con outros moitos atractivos históricos que reforzaron a súa candidatura. Entre eles, destacan os numerosos restos arqueolóxicos da época castrexa conservados ao longo do seu territorio, o seu pasado como reino visigodo entre os anos 702 e 710, o seu esplendor na Idade Media, a arquitectura relixiosa como a igrexa de Vilar de Donas, declarada monumento histórico-artístico en 1931, e o Castelo de Pambre, que é a única fortaleza que sobreviviu á época das revoltas Irmandiñas de 1467. Tamén combén sinalar o patrimonio natural palense que conta con importantes espacios protexidos e de especial singularidade como as Torrentes de Mácara ou a Serra do Careón.

Coa incorporación de Palas de Rei, Galicia conta con 43 municipios turísticos, dos cales 12 pertencen á provincia de Lugo (Ribadeo, Monforte, Mondoñedo, Chantada, Viveiro, Foz, Quiroga, Samos, Lugo, Sarria e Sober e agora Palas de Rei).
 
CAMIÑO DE SANTIAGO EN PALAS DE REI

Dende o Cebreiro, continuando pola zona de montaña e por un itinerario aberto ás inmediatas serras dos Ancares e O Courel, inzadas de riqueza etnográfica, natural e paisaxística, chégase a Hospital da Condesa. Despois pásase por Porto do Poio, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín ata o municipio de Palas de Rei, cruzando próximo ao templo de Vilar de Donas, antigo priorado da Orde de Santiago.

O tramo de Ligonde-Palas de Rei estivo protexido, dende1184 e durante séculos, polos cabaleiros desta orde. Sen embargo, o vello mosteiro de Vilar non estaba afincado á beira do camiño para lograr así o adecuado espazo de recollemento e oración que precisaban os seus moradores, pero a protección e vixiancia da ruta e da súa contorna foi sempre efectiva. A Igrexia de Vilar de Donas é un dos exemplos máis coñecidos do románico galego vinculado ao Camiño.

Regresando ao trazado da ruta xacobea, ésta sitúanos xa na localidade de Palas de Rei (casco urbán), que lle debería o seu nome a  un suposto palacio real construído remotamente nas súas inmediacións. A moderna Igrexa de San Tirso conserva intacta a portada románica. O albergue de peregrinos, situado no casco urbán, contribúe a animar a vida desta localidade.

O Camiño Francés abandona Palas polo Campo dos Romeiros, tradicional lugar de encontro dos peregrinos onde se recompoñían osgrupos que se  organizaban, espontáneamente, co transcorrer da peregrinación. Estamos en plena comarca da Ulloa, terra de gran produción láctea e saborosos queixos, entre outros recoñecidos produtos tradicionais e inmortalizada por Emilia Pardo Bazan na novela Los Pazos de Ulloa (1886).

Nas proximidades deste tramo, tomando un pequeno desvío, chégase ao Castelo de Pambre. Un camiño rural leva ata  esta fortaleza, construída por Gonzalo de Ulloa a finais do século XIV. Foi un dos poucos castelos feudais galegos que se salvou da furia destructora do século XV provocada polas loitas antiseñoriais dos Irmandiños.

De regreso ao Camiño, éste inicia xa o seu percorrido pola provincia da Coruña, camiño da aldea de Leboreiro, con evidente sabor medieval. A súa igrexa conserva diversos elementos románicos da fábrica primitiva, como o magnífico tímpano da portada, coa imaxe da Virxe, e diversas pinturas murais (s.XVI). Entre Leboreiro e Melide, un dos tramos máis fermosos do Camiño, crúzase a aldea de Furelos e o estreito leito do seu río por unha grandiosa ponte medieval. Logo de pasar polo Concello de Melide , pásase por Arzúa, O Pino ata chegar a Santiago de Compostela.

concellopalasderei.es