Bandera de Galicia Bandera de España

Festas e feiras


En O Pino existen numerosas celebracións, relacionadas, sobre todo, co capítulo relixioso. Destacan, pola súa concorrencia, as festas da Magdalena, en Castrofeito, o 22 de xullo, e a de San Pedro, en Arca, o 29 de xuño.

Tanto a Magdalena como a festa de San Pedro son romarías populares, en senllas carballeiras, cun gran poder de convocatoria. A súa estrutura é moi semellante, con misa solemne ao mediodía, comida campestre e animadas verbenas. Ambas, A Magdalena (22 de xullo) e o San Pedro (29 de xuño) están declarados festivos locais. Neste último caso, cabe destacar unha curiosa tradición que se mantén inalterable co paso dos anos. A festa sempre a organiza unha pequena e voluntariosa comisión formada por mozos. De feito, agás algúns apoios recabados a maiores, sufrágase coas aportacións que realizan, na parroquia de Arca, o fillo maior e a filla maior de cada casa ata que contraian matrimonio.

Capítulo aparte merece a concorrida Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, que no ano 2010 foi declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, tras a celebración da súa undécima edición. A cita é o primeiro fin de semana de agosto na parroquia de Arca. Celébrase a Feira dos Galos Vivos, onde un xurado premia ás mellores parellas presentadas ao concurso. Existe unha Feira Celta, varios concertos e un xantar popular protagonizado pola carne de galo. Aparte, tamén se celebran diferentes probas, competicións e exhibicións ecuestres.


FESTA DO GALO PIÑEIRO E MOSTRA CABALAR
(Festa de Interese Turístico de Galicia)
 
A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, que se celebra anualmente o primeiro fin de semana de agosto no lugar de Pedrouzo- Arca, vense realizando dende o ano 1999 e nace como un evento de exaltación da gastronomía e cultura galega. O propósito desta festa é poñer en valor e tratar de recuperar a especie do Galo Piñeiro con raíces na época celta. Ademais, realízase unha mostra cabalar, cada vez máis exitosa, na que participan as mellores égoas e cabalos de pura raza galega e foránea.

O programa anual de actos comeza coa apertura da feira e venta de animais vivos de galos e galiñas de raza piñeira, que se complementa cun concurso no que se condecoran cun galardón aos mellores exemplares desta raza, despois de que un xurado profesional os califique. Os premios distribúense en distintas categorías: mellor parella de galo de curral de raza piñeira, mellor galiña de curral de raza piñeira e mellor galo de curral.
Pola tarde, ten lugar a Mostra Cabalar, na que teñen lugar diferentes exhibicións de égoas e cabalos do país, así como as égoas e cabalos cruzados.Tamén participan potros e potras, cabalos e égoas de pura raza española de diferentes idades, que compiten polo galardón ao mellor exemplar. Todos os anos se entrega un premio especial “Faísca” ao mellor producto P.R.E. (Pura Raza Española) nado e criado en Galicia. O broche final desta mostra ten lugar coa actuación de diferentes carruseles e espectáculos ecuestres, exhibicións de doma de alta escola, entre outros.
Cada ano, a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar consolídase como o principal evento popular do Concello de O Pino, cada vez máis atraínte dado o seu significado lúdico, festivo, cultural, deportivo e gastronómico.
 
FEIRA CELTA
Dende o ano 2009, celébrase a Feira Celta, que é unha das atraccións desta festa e que cada ano levanta máis interese entre os asistentes. Nela, numerosos veciños/as participan vestíndose de época e participando activamente no evento.

Na feira instálanse máis de corenta postos de artesáns, que representan oficios tan diversos como o traballo co coiro, pirogravados, ferreiros, xogos celtas, ambientadores ou xoias realizadas con ouro vexetal, entre outros moitos.