Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


PATRIMONIO NATURAL

Se unha cor tivese que definir un concello, a cor verde sería o emblema de O Pino. Verdes en moitos matices, mesturados coa ampla gama das cores terra. 

Os cauces do Río Tambre, incluído dentro dos espazos protexidos da Rede Natura 2000, debuxan interesantes recunchos e provocan magníficas paraxes naturais, ademais de deixar mostra ao longo do seu curso de muíños de auga, áreas recreativas ou praias fluviais.
Mostra dalgúns destes elementos naturais son as áreas recreativas de Pontedapedra en Medín e a Praia Fluvial de A Tarroeira.
Outras paraxes de obrigada visita no Concello de O Pino son a Carballeira da “Feira do Vinte” na parroquia de Cebreiro, a fermosa área recreativa de A Magdalena en Castrofeito e a Fervenza do Río Noa.
 
PATRIMONIO CULTURAL E HISTÓRICO

A viaxe ao pasado déixanos diferentes perlas coas que lembrar épocas de lonxe no Concello de O Pino. Historias e vidas que recreamos a partir de elementos arquitectónicos que se poden visitar neste municipio.

ARQUITECTURA RELIXIOSA

Neste capítulo é obrigada referencia á coñecida como A Catedral da Montaña, a Igrexa de San Xulián de Lardeiros, que destaca polas súas dimensións e beleza. En Gonzar érguese tamén maxestuosa a Igrexa de Gonzar. Din que preto do altar maior deste templo está a tumba de Josefa Torres, misteriosa muller que segundo conta a lenda estivo varias décadas sen comer nin beber, polo que se lle comezou a dar sona de santa. Figuras literarias como Emilia Pardo Bazán escribiron algún relato inspirado nesta enigmática muller.

Ademais destas dúas, no Concello de O Pino atopamos outras once fermosas igrexas parroquiais: San Breixo de Ferreiros, San Mamede de Ferreiros, San Xulián de Cebreiro, San Miguel de Cerceda, Santaia de Arca, San Vicenzo de O Pino, San Miguel de Pereira, Santa María de Castrofeito, Santa María de Budiño, San Esteban de Medín e San Lourenzo de Pastor.

En canto ás ermidas existen catro no termo municipal: Santa Irene en Arca, as de Santiso e A Magdalena en  Castrofeito e a de San Andrés en Gonzar.

ARQUITECTURA  CIVIL
O pasado das grandes familias que residiron en O Pino pode apreciarse nas grandes casas señoriais  e rectorais que se atopan no municipio.
Mostra diso é o Pazo do Marqués de Montesacro ou Pazo de Bermás, que se sitúa no lugar que leva o mesmo nome de Bermás e acolle o maior cedro de Galicia.

O Pazo de Porto Outeiro, en Medín, conta cun escudo do século XVIII, co brazo armado de Vilardefrancos, o lobo dos Moscoso e torre de Pardiñas.
Destaca tamén o Pazo do Picón, en Arca, co escudo que presenta semellanzas co anterior e un labiríntico xardín a base de plantas de buxo. Preto de Arca, en A Rúa, existe un escudo que dá testemuña da existencia da residencia dun nobre. Ubícase no inmoble situado xusto ao carón do Camiño de Santiago.

TODAS ESTAS EDIFICACIÓNS NOBRES SON PRIVADAS E O ACCESO ÁS MESMAS ESTÁ PROHIBIDO, SALVO AUTORIZACIÓN EXPRESA DOS SEUS PROPIETARIOS.

ELEMENTOS ETNOGRÁFICOS

No referente aos elementos etnográficos son moitas as mostras de cruceiros que existen en O Pino, atopándose exemplos de tódalas épocas e estilos en tódolos recunchos do concello. Un dos máis singulares é o de Lardeiros, que data do 1700 e conxuga dúas correntes artísticas o neoclásico e barroco. Tamén en O Pino, municipio rico en mostras da arte e tradición, atópanse numerosos hórreos, gran cantidade de muíños e moitas fontes e lavadoiros.
.
XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS

Destacan neste apartado o asentamento castrexo de San Lourenzo de Pastor, onde foi localizado un recinto ovalado de 110 metros de lonxitude, ademais de restos de cerámica sen decoración e dous torques de ouro de 22 quilates e 350 gramos de peso. Pódense contemplar no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, en A Coruña.

A outros dous castros localizados en Oza (San Mamede de Ferreiros) e Tarroeira (O Pino), súmase a ponte romana de Ponte Puñide sobre o Río Mera. Neste punto atopouse un Modium de bronce que está exposto no Museo Arqueolóxico Nacional e que pola súa inscrición data dos anos 360/370.