Bandera de Galicia Bandera de España

Qué facer


RUTAS SENDEIRISMO
 
RUTA DOS SOUTOS E CARBALLEIRAS
 
Distancia: 4,83 Km                                                                      
Dificultade: baixa
Duración: 1h 15´aproximadamnte                                        
Sendeiro: circular

Este itinerario comeza na área recreativa do Caracacho, onde descenderemos unha leve costa pasando polo camiño de Santa Eufemia. Seguidamente, tomaremos o sendeiro á esquerda, un fermoso percorrido entre árbores centenarias e algún que outro banco para o descanso ou a contemplación da paisaxe desta zona. Se miramos á dereita poderemos observar a Casa Grande de Fonde vila ao lonxe. Continuando este roteiro chegaremos ao Picón (unha pequena zona de descanso). Despois, subiremos pola estrada LU-P-3301 uns cen metros  para logo tomar o desvío á dereita cara ao Fental. Neste tramo poderemos disfrutar de dúas fermosas carballeiras que invitan a facer unha parada. Xusto antes destas carballeiras deberemos xirar á man esquerda, onde comezaremos a subir cara ás primeiras casas do Fental; continuaremos por esta estrada ata atoparnos cunha sinalización de madeira que nos indica Arxona á dereita. Seguiremos por este sendeiro ata chegar a un cruce, aquí tomaremos o camiño da esquerda que nos levará ata Arxona. Unha vez entremos na vila xiraremos á dereita, despois outra vez á dereita na primeira rúa e,xusto na Casa Grande,outra vez á dereita para logo seguir pola estrada LU-P-3305 dirección Arada. Unha vez pasada a igrexa de Arada andaremos uns 160 metros e adentrarémonos nun camiño á man dereita que nos levará ata Satrexas. Pasada a vila finalizaremos no punto inicial do Caracacho.

PUNTOS DE INTERESE

Área recreativa do Caracacho
Zona axardinada con arboleda. A toponimia do lugar ven determinada pola existencia dunha antiga calzada romana. Posiblemente se tratase da vía que unía Lugo con Braga e Chaves, Vía secundaria XIX do itinerario Antonino.

Igrexa de Arada
Edificio do séculoXVIII con nave rectangular e sacristía pegada ao alzado Norte da capela maior. Os muros que a conforman son de cadeirado e cachotaría de granito, e a cuberta de tella a dúas augas. O arco triunfal é de medio punto, reafundido nas pilastras. A portada é adintelada, con decoración de pilastras estriadas e pirámides emboladas. A espadana que culmina o frontis está formada por dous corpos con dous vans, o inferior e o superior con van na parte central. O retablo da capela maior é de estilo neoclásico e o dos laterais, barroco.
 
 
Fonte de Santa Eufemia
Segundo contan as lendas, nesta fonte, ao estender a camisa dun neno enfermo sobre as súas augas e flotar, o enfermo resultaría liberado dos seus males. Se non acontecía o devandito suceso, a vida do enfermo remataría nun curto espazo de tempo. Chama a atención a estrutura da fonte, asemellándose a unha caixa soterrada no terreo.

Igrexa de Santa Eufemia de Satrexas
É un edificio de nave rectangular con sacristía pegada á dereita da capela maior. Os muros que a conforman son de cachotaría e cadeirado de granito e a cuberta de tella a dúas augas. A portada está rematada cunha espadana de dous vans.
 
 
SENDEIRO DA FEIRA VELLA AO MUÍÑO DO ALEMÁN
Distancia: 8 Km                                                                  
Dificultade: baixa
Duración: 2 h 10´ aproximadamente                                                 
Sendeiro: circular

Trátase dunha ruta circular que comeza e remata na Feira Vella, exactamente na Avenida das Neves, punto moi céntrico da vila de Monterroso. Despois, continuaremos pola rúa Piñeiro ata chegar á Avenida Xeral Salgado, onde cruzaremos cara a Rúa Vicente Risco. A poucos  metros, atopámonos cunha zona arbolada de castiñeiros, salgueiros e carballos; O comezo deste trazado está delimitado por muros de pedra aos lados, os cales nos facilitarán o seguimento ata chegar á chousa das Quendas. Alí debemos cruzar a ponte e continuaremos polo sendeiro a mandereita. Desde aquí  imos ter a presenza do río Ulla (que nos levará ao Muíño do Alemán) ata chegar á área recreativa da Peneda. Unha vez atravesada a Peneda  teremos que cambiar á marxe  dereita do río pola ponte, onde pasaremos ao carón do muíño dos Pereiro por unha pontella de madeira. Continuaremos o curso do río, a uns catrocentos metros máis adiante atoparemos a seguinte pontella que nos levará á curva do río onde se atopa a Pena do Corvo ( está na  outra beira do río). Seguiremos o curso do río ata chegar a Ponte Pedriña e a Ponte Nova, onde deberemos pasar por debaixo da Ponte Pedriña, se o caudal no lo permite, ou por debaixo da Ponte Nova da estrada Lugo-Pontevedra(N-640). Continuaremos o sendeiro pola beira dereita do río; o máis destacable deste tramo é o chamado Salgueiral de Vila. Noutros tempos alí medraban os salgueiros, pero agora, o salgueiral é o bidueiral máis grande que se pode atopar en varios km á redonda. Continuaremos o camiño ata chegara o Muíño do Alemán (situado na outra beira do río), despois seguiremos camiñando cara ao interior da vila uns 400 metros, deixando atrás o río e o muíño. De seguido, tomaremos o sendeiro a mandereita ata chegar á estrada nacional(N-640), por onde teremos que continuar durante 200 metros. Ao seguir, cruzaremos a estrada e adentrarémonos noutro pequeño sendeiro que seguiremos ata chegar ao centro da vila, onde rematará esta fermosa ruta apta para todos os públicos.
 
PUNTOS DE INTERESE

Feira Vella
Antigamente era un campo aberto sen arboleda e non cultivable, e estaba rodeado de pazos e casas señoriais, o máis destacable é o Pazo de Laxe, construído no 1520 e logo reformado no ano 1700 (século XVIII) e a súa capela data de 1450. Este espazo foi o xerme que deu froito á actual vila de Monterroso, xa que comezou a medrar grazas a estas feiras nas que se celebraban reunións  de compra e venda, sobre todo de gando e productos da terra. O primeiro documento que atopamos relativo áfeira é de 1557. É un documento notarial da Audiencia de Vilamaior de Ulloa.

As Quendas
É unha carballeira na que antigamente se celebraba unha comida polo San Cristovo;  hoxe en día faise na Peneda o 10 de xullo.

A Peneda
A presenza dun antigo encoro utilizado para canalizar a auga para o posterior uso da súa forza nos muíños foi aproveitado para a creación da primeira piscina fluvial que aínda segue a estar habilitada para o baño. No 1982 construíronse dúas piscinas para deleite dos turistas e xentes da vila, así como unha impresionte área recreativa composta por mesas, barbacoas, papeleiras…etc. Xa nos anos 90, grazas a doazóns de diferentes veciños,  foise adornando o complexo con elementos etnográficos e arqueolóxicos de moito valor. Entre eles destacan moas (rodas de moer), canles de muíños, hórreos de pedra, pías e ata dous sartegos antropomorfos, posiblemente da baixa Idade Media. Esta área compleméntase cun bar-restaurante, unha pista de tenis, un parque infantil e un camping, así como unha zona de pesca intensiva de troitas para os amantes da pesca.


Pontellas de madeira
Durante o percorrido atopámonos con catro pontellas que nos facilitarán o paso en diferentes puntos do sendeiro. Estas pontellas están construídas con antigas vigas da Casa Santalla, derrubada  ao redor do 1998.

Pena do Corvo
Gran penedo á marxe esquerda do río.

Pasares de Portosamil
Son un conxunto de pedras chantadas no leito do río, de tal maneira que facilitaban o cruce déstes sen interromper o curso da auga. Normalmente localízanse en zonas de pouca profundidade,  aínda que cando sube o caudal son inaccesibles.

Ponte Pedriña
É o nome da antiga ponte que une os concellos de Antas e Monterroso, de orixe medieval.

Muíño do Alemán
Antigo muíño abandonado á marxe esquerda do río.
 
 
RUTA DO ROMÁNICO NA NATUREZA

Distancia: 12Km                                           
Dificultade: media  
Duración: 2h 30´aproximadamente                                                           
Sendeiro: circular
 
Comezaremos a ruta na Igrexa de San Miguel de Esporiz, a cal ten unha porta principal moi elaborada e digna de ver. Logo, dirixirémonos cara ao nordés. Saíndo de Esporiz xiraremos á esquerda con dirección á Cariza, onde comezaremos a ascender. Na propia Cariz, unha fonte no medio duns carballos e un lavadeiro amósannos a riqueza do patrimonio etnográfico desta zona. Seguidamente chegaremos á Pena da Chousa Nova, no monte da Cariza. A continuación, baixaremos á costa da Fontela ata chegar á estrada LU-221, a cal cruzaremos para atoparnos coas primeiras casas de Bidouredo. Case ao final da vila xiraremos á dereita para ascender ata a igrexa de Bidouredo. Seguindo o camiño, atoparémonosnovamente coa estrada LU-221, xiraremos á man esquerda e avanzaremos uns 170 metros ata chegar ao desvío da Moreira á man dereita. A continuación, dirixirémonos cara ao Norte polo monte da Rega, xana parroquia de San Lourenzo. Neste traxecto poderemos admirar a beleza do entorno e a súa natureza. Despois de case tres km comezaremos a ver as primeiras casas de San Lourenzo e máis adiante a súa fantástica capela, parada obligatoria para os amantes do arte románico galego. Xusto pola parte traseira da capela tomaremos dirección ao leste, xirando á esquerda, e tras uns 775 metros chegaremos á igrexa de Santa María de Pedraza. Imos continuar o sendeiro por detrás da igrexa e tomaremos o camiño á man dereita ata chegar a un cruce, onde xiraremos outra vez á dereita. Neste tramo poderemos disfrutar da paisaxe arbolada con bidueiros, carballos e algún que outro regato durante uns tres km ata chegar a Podente. Unha vez que pasemos Podente, deberemos coller o primeiro desvío á dereita para chegar novamente a Esporiz.

PUNTOS DE INTERESE

Igrexa de Esporiz
Pertence á segunda metade do século XII, de estilo románico, aínda que foi reformada no século XVI e o presbiterio no século XIX. Ten unha nave rectangular cunha ábside cadrada e sacristía conectada á esquerda do presbiterio. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito e cuberta de tella a dúas augas. Na nave, a portada principal é de medio punto con arquivoltas interiores, decoración de arquillos e bandas no exterior con dúas ordes de columnas e fustes estriados con bolas. Os capiteis están decorados con formas zoomorfas e vexetais. A portada sur ten un arco de medio punto oculto no exterior por un tímpano adintelado. Nabeira do tellado consérvanse varios canzorros de decoración variada.

Igrexa de Bidouredo
Igrexa de estilo románico dunha soa nave e ábsida rectangular, construída na segunda metade do século XII. No muro sur, construcción de fortes sillares, ábrese unha saeteira con derrame cara ao exterior. Na cornixa atopamos canzorros de punta de proa con escasa decoración. No muro norte ábrese unha saeteira e unha sinxela portada, no que se poden apreciar as pedras saíntes sobre as que se apoiaba o pórtico primitivo. A portada occidental é a obra máis interesante de todo o conxunto. Podemos atopar os casetóns na arquivolta de medio punto, dúas ordes de columnas con capiteis de decoración vexetal e o tímpano adintelado sobre mochetas, así como a espadana dun só van.

Igrexa de San Lourenzo
Templo románico máis antigo do municipio (inscrición de 1127). Ten importantes reformas dos séculos XVIII e XIX. A nave ten planta de cruz latina cunha ábsida rectangular e sacristía adosada. Os muros son de cachotería e cadeirado de granito e a cuberta é de tella a dúas augas. A portada principal, con porta de arco de medo punto e rematada en espadana de dous corpos dun só van e balaústre de pedra con escaleiras de acceso desde o exterior. No muro norte da nave consérvanse na actualidade cinco canzorros de obra románica. Os retábulos que se conservan nas capelas laterais son de estilo neoclásico.

Igrexa de Santa María de Pedraza
Edificio con restos de estructura románica, aínda que foi reedificada no século XIX. Ten planta de cruz latina con nave rectangular dividida en dous tramos, brazos rectangulares de pequeñas dimensións, presbiterio cadrado e sacristía adosada a este no lado esquerdo con acceso desde o exterior, desde o presbiterio. Os muros son de cachotería e cadeirado e a cuberta de tella a dúas augas. A nave dispón dunha portada adintelada ademáis de varios canzorros pertencentes á obra románica. O frontis ten portada adintelada e culmina cunha espadana de dous corpos e balaústre de pedrana parte traseira, na que se accede desde unha escaleira exterior que se asenta sobre o muro dereito da nave. Destacan no seu interior, dous retablos laterais de estilo neoclásico.

Pazo de Podente
Non queda na mesma ruta, habería que desviarse uns 500 metros. Edificio de construcción barroca que porta en tres escudos as armas dos Salgado nun dos muros e dos Rivera no portalón de entrada e na fachada principal. Edificio con planta en L con dúas plantas. Está construído con cachotaría e cadeirado de granito e cuberta de tella a dúas e catro augas. Rodea o terreo e a casa un muro cun portal de acceso con arco de medio punto cun escudo nadoela central. Na parte posterior ten unha gran solaina con balaústres e base de granito. Conserva íntegra a cociña, que se referencia ao exterior cunha grande cheminea cadrada rematada cunha estípite en cada esquina. Para acceder ao primeiro piso hai unha escalinata de granito.