Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


CAPELA DE SAN ROQUE

A actual Capela de San Roque construíuse en 1949 con materiais procedentes das igrexas medievais derrubadas de San Pedro e San Roque. A portada principal, unha das máis fermosas da arte medieval galega, provén da antiga igrexa de San Pedro. No seu interior están os sepulcros medievais dos notarios melidaos Diego García, Roi Lopes e o da muller deste, Inés Eanes.

CRUCEIRO DE MELIDE

Ao carón da igrexa áchase o coñecido como Cruceiro de Melide, o que para moitos é o máis antigo de Galicia, probablemente do século XIV. O anverso representa a un Cristo Maxestade sedente, amosando as chagas das mans, coroado e cun pano que lle cobre as pernas. O reverso representa un Calvario.

IGREXA DE SANCTI SPIRITUS

No corazón histórico de Melide está a Praza do Convento, que reúne varios edificios monumentais: a igrexa de SanctiSpiritus, a Obra Pía de San Antón e o Museo da Terra de Melide.

A Igrexa de Sancti Spiritus pertenceu ao desaparecido mosteiro ou convento da Orde Terceira de San Francisco, fundado no século XIV. É un bo exemplo de continuidade no espazo e no tempo. Da antiga igrexa só fica unha pequena capela lateral, con bóveda e arco triunfal oxivais, chamada capela do Santo Cristo, porque tal vez estivo nela o Cristo que hoxe está na capela de San Antón. O arco triunfal está sostido sobre dúas columnas. Só se conserva o capitel da columna da esquerda decorado con fitas. Encaixado nunha parede posterior hai outro capitel que pode ser o da columna da dereita. Actualmente, temos na capela o retablo que foi da Virxe das Mercedes, obra do século XVIII.

No século XIV,  concretamente en 1498, Sancho Sánchez de Ulloa, coa pedra do Castelo derrubado durante a revolta irmandiña, decide reconstruír a igrexa do convento en lembranza da súa nai, Inés de Castro. A dirección da obra será a cargo dos Mestres Xan do Llano e Xan Casal. O resultado foi unha igrexa de ábsida rectangular con bóveda de crucería. Desta época tamén son os dous sepulcros laterais góticos. Trátase de dous cenotafios in memoriam de Leonor de Mendoza e Inés de Castro, primeira e segunda muller respectivamente de Lope Sanches de Ulloa. Os dous sepulcros érguense con columnas e arcos de medio punto que se adornan con pináculos e rematan en arco conopial.
 
As figuras visten o hábito franciscano, con rosario nas mans e panos formando grandes pregas. Na fronte de ambos sepulcros figuran inscricións xenealóxicas destas dúas damas da nobreza galaica, que tiveron un protagonismo salientable na Idade Media.
Durante o século XVIII, como en case todos os mosteiros, realízanse reformas de ampliación na igrexa. Únicamente ficarán a capela lateral do século XIV e a capela maior do século XV. Ampliarase a nave coa construcción dunha nave de canón, que se reparte en catro treitos separados por arcos faixóns que arrancan de ménsulas conectadas por arcos entre si.
 
Deste momento tamén é a portada principal da igrexa, que está nun lateral, cara a praza, e que ten características do barroco compostelán desa época.
A torre, tamén do século XVIII, é de planta cadrada, con lixeiros contrafortes e remate en cúpula oitavada con pináculo. O seu perfil é semellante á de San Francisco en Santiago de Compostela.
 
No seu interior, no altar maior, temos un magnífico retablo barroco, obra de Francisco de Castro Canseco, un dos grandes escultores do barroco galego da segunda metade do século XVII e principios do XVIII, quen tallou, entre outros, o impresionante retablo maior da Igrexa de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. O retablo melidao foi esculpido por volta de 1960. O corpo principal presenta no seu centro unha fornela de arco de medio punto, flanqueada por columnas salomónicas con decoración típicamente barroca de racimos e follas, e imaxes de San Francisco e Santo Domingo. A Inmaculada, que preside o conxunto, é unha obra posterior, de finais do século XVIII.
 
Na parte central do ático aparece unha representación do relato de Pentecostés e no recadro posterior, o escudo da orde franciscana.
Sobre o chan do retablo agóchase a tumba medieval de Fernán Lopes, fundador do convento. O retablo oculta unhas pinturas murais do século XVI.
Alén do ratablo barroco da capela maior, temos outros dous retablos de estilo neoclásico interesantes: o da Virxe das Dores e o dedicado a Xesús o Nazareno.
 
Outras pezas escultóricas salientables que a igrexa posúe son un Neno Xesús tallado en marfil, do século XVII, de estilo hispano-filipino, que procede da capela da Obra Pía de San Antón, e a coñecida como a Verónica de Melide, tamén procedente da mesma capela, atribuída a Francisco de Castro Canseco.
 
Tamén se conservan outros sartegos medievais ademais dos góticos da capela maior. Entre eles, salientar o de Alfonso Váquez de Insua, do século XV, situado na  antiga capela de Santa Catarina, onde hoxe se encontra o retablo de Xesús Nazareno.
 
CONCELLO DE MELIDE

Ao oeste da praza do Convento áchase o pazo barroco, coa súa capela, da Obra Pía de San Antón, fundado en 1671 polo arcebispo de orixe melidá D. Mateo Segade Bugueiro, nunha casa e terreo de propiedade familiar. Vai ser coñecido tamén como a Colexiata, pois na súa orixe tiña unha finalidade docente, e no século XIX como pazo do marqués de Corvera. Desde 1960 é sede da Casa do Concello.
A planta baixa estaba destinada ás cortes, adegas e outras dependencias, e, a alta, a aulas e vivendas. Hoxe só se conserva a fachada da estrutura do edificio, xa que o seu interior foi destruído, perdéndose a antiga escaleira de pedra, a disposición do patio a xeito de claustro e as demais dependencias para axeitalo ao novo uso.

Sobre a portada atópanse os escudos do Capitán Antonio Segade Varela, Patrón da Obra Pía, e da súa muller Teresa Velasco, Marquesa de Salinas.                                                 


CAPELA DE SAN ANTÓN

Ao oeste da Praza do Convento áchase o pazo barroco, coa súa capela, da Obra Pía de San Antón, fundado en 1671 polo arcebispo de orixe melidá D. Mateo Segade Bugueiro, nunha casa e terreo de propiedade familiar. Vai ser coñecido tamén como a Colexiata, pois na súa orixe tiña unha finalidade docente, e no século XIX como pazo do marqués de Corvera. Desde 1960 é casa do Concello.

A planta baixa estaba destinada ás cortes, adegas e outras dependencias, e a alta, a aulas e vivendas. Hoxe só se conserva a fachada da estrutura do edificio, xa que o seu interior foi destruído, perdéndose a antiga escaleira de pedra, a disposición do patio a xeito de claustro e as demais dependencias para axeitalo ao novo uso.
A portada da capela, de estilo barroco, é atribuído a Domingo de Andrade, o arquitecto galego máis prestixioso da época. Consta de pilastras, capiteis planos e dintel adovelado que sustenta un frontón partido. No tímpano salienta o escudo de armas do arcebispo fundador. A planta da capela é rectangular, con nave cuberta de medio canón. O primeiro treito está parcialmente cuberto pola tribuna de madeira. Nos primeiros chanzos da escaleira temos unha esvelta columna coa base e capitel característicos do Medievo, o que se pode considerar un exemplo de arcaísmo ou ben unha peza medieval procedente doutro edificio.
 
As dúas estatuas orantes, barrocas e pétreas, foron esculpidas en granito en 1674 por Mateo de Prado, un dos escultores máis importantes do momento. A da dereita representa un cabaleiro, D. Antón Varela de Segade, o primeiro patrón da Obra Pía de San Antón, con vestimenta típica da época. A da esquerda é un cenotafio cunha figura orante e axeonllada, con vestimenta eclesiástica, que lembra a figura de D. Mateo de Sega de Bugueiro.
 
O CASTELO

En pleno Camiño de Santiago e xa nos límites do casco urbán de Melide, podemos achegarnos ao mirador de O Castelo e á Capela da Virxe do Carme. No outeiro dun castro prerromano onde se atoparon numerosos restos celtas, no lugar no que se construíu na Idade Media o castelo de Melide do que só queda o topónimo, pódese ver unha panorámica da vila de Melide flanqueada polos montes do Bocelo, Faro e Farelo.

Vistas nocturnas
O acceso ao Castelo está perfectamente iluminado seguindo a prolongación da rúa Principal, antigo eixo do Melide medieval. Na parte alta, no mirador, a iluminación que chega de dous potentes focos garante a visibilidade e seguranza da zona. Desde aquí podemos desfrutar dunha espectacular vista nocturna de Melide.

MUSEO TERRA DE MELIDE

O Museo nace no ano 1978 por iniciativa dun grupo de amigos interesados no estudo, coñecemento e divulgación da cultura e o patrimonio da Terra de Melide. Instálase no baixo do Concello, na biblioteca Municipal, cunha mostra de arqueoloxía castrexa e facendo cada verán exposicións de etnografía. Despois de catro anos, os fondos aumentaban e reclamaban máis espazo, polo que en 1982 se traslada a unha casa na que se instalan dúas salas.
No ano 1999, o Museo exixía unha total renovación e ampliación, pois o pequeno local era insuficiente. Foi así como en reunión de socios se aprobou a adquisición do antigo hospital de peregrinos, edificando nel o novo museo e rehabilitando a súa fachada e a súa memoria histórica. A operación de subscrición popular tivo un grande éxito, implicándose socios, veciños, institucións e moitos particulares. O 26 de maio de 2001 inaugúrase o novo Museo. A xente de Melide considérao como unha institución de todos onde se garda a súa memoria histórica e cultural. Ése é o grande éxito deste museo construído pola vila e para a vila.
 
CASA DA CULTURA

Inaugurada no mes de febreiro do ano 2014, a casa da cultura de Melide é un moderno edificio destinado a albergar os eventos culturais da vila. Conta cun gran auditorio e amplo escenario capaz de acoller desde á Orquestra Sinfónica de Melide ata grandes escenarios de teatro.
Na esquerda do edificio atópase unha ampla sala de exposicións para albergar obras pictóricas, fotográficas, escultóricas, etc.
A casa de cultura nace como o epicentro cultural da vila de Melide.

LEBOREIRO: aldea con encanto

O Camiño Francés adéntrase en Melide pola aldea de Santa María do Leboreiro. No Códice Calixtino, século XII, aparece como Campus Leporarius, que significa ´monte de lebres´. Do seu hospital de peregrinos, documentado no século XII e rehabilitado por Vasco de Ulloa no século XV, soamente se conservan dúas paredes cos escudos dos Ulloa. Diante do antigo hospital, un cabeceiro (hórreo) feito con varas entretexidas lembra os primitivos celeiros (graneros) para gardar o millo.
 
A Igrexa de Santa María do Leboreiro é gótica, aínda que persisten nela concepcións e motivos ornamentais característicos do Románico. No interior da igrexa atopámonos cunha interesante colección de escultura relixiosa de varias épocas e estilos. Tamén se conserva un panel de pintura mural renacentista. Continuando o Camiño Francés cara a Furelos, atopámonos en Desicabo cunha ponte medieval dun só arco sobre o río Seco.
 
FURELOS: aldea con encanto

Aldea de orixe antiga, citada en documentos do século XII, que mantén, en parte, a súa estrutura medieval. A súa ponte medieval é unha das xoias da arquitectura civil do Camiño de Santiago, sen dúbida, a máis fermosa de todas cantas hai na ruta francesa ao seu paso por Galicia. Aparece mencionada nos tumbos de Sobrado (século XII) e foi parcialmente reformada no século XVIII. A Igrexa de San Xoán de Furelos, á beira do Camiño Francés, conserva parte da súa arquitectura medieval románica, concretamente o muro sur. No seu interior, no lateral dereito, está o impresionante retablo do Santo Cristo, de estilo neogótico, do escultor nado en Furelos, Manuel Cagide. Recentemente, á beira da igrexa e da ponte, creouse o Museo Etnográfico de Furelos.
 
SANTA MARÍA DE MELIDE: aldea con encanto

A Igrexa de Santa María de Melide, catalogada monumento nacional, é a xoia do Románico melidao. No seu interior aparecen capiteis figurativos dunha forte carga simbólica e pinturas renacentistas. O seu altar románico é dos poucos altares románicos galegos que chegaron ata a actualidade.

FONTE DOS CATRO CANOS

Esta fonte é unha das iconas máis coñecidas da vila de Melide. O amplo vaso cilíndrico da súa base alberga as augas lanzadas polas catro cabezas leonadas rematadas en canos que dan nome á fonte. Como anécdota, subliñar que, antigamente, neste vaso habitaban varios tipos de peixes. Á súa beira podemos contemplar o escudo vexetal do Concello de Melide formado polas chaves de S. Pedro, patrón da vila.

ÁREA RECREATIVA DO RÍO FURELOS

Nun espazo natural de especial beleza, atópase a área recreativa do río Furelos. O cauce do río, que remata nunha pequena presa, está drenado para non chegar a cubrir en ningún momento. Conta con tobogán para cativos e un pantalán para pequenas embarcacións, así como bancos de madeira e numerosos espazos para facer churrasco. Entre o aparcadoiro e o río atoparemos dúas piscinas exteriores, unha de maiores e outra de nenos. Ademais, ata aquí chega a ruta de sendeirismo de baixa dificultade que parte de Melide e chega ata esta fermosa área.