Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


FERVENZA DAS HORTAS
 
No límite entre os concellos de Touro e Arzúa atópase a Fervenza das Hortas, tamén coñecida como Fervenza de Santa Marta.
Conta a lenda que, unha noite de muiñada, unha moza queda encinta do seu namorado. Cando el sabe a noticia, rexéitaa e guíndaa dende o alto da fervenza. Mentres cae, a moza berra “Santa Marta me valla!”, e resulta milagrosamente salvada. De aí o nome de fervenza de Santa Marta.
Trátase dunha paraxe natural de especial beleza onde as augas e as rochas tecen sons inimaxinables. Un pequeno muíño ao fondo da fervenza e unha vexetación exuberante debuxan unha contorna de fermosura incomparable.
 
Web: www.turismo.concellodearzua.com 
Situación exacta: Lugar das Hortas, Dombodán - 15819, Arzúa (A Coruña).
42.864071,-8.202729 
 
CAPELA DA MOTA
 
Nun lugar illado ao noroeste do concello de Arzúa, nunha frondosa carballeira, atópase a ermida da Mota.
Era o lugar da Mota (pedra) un lugar de culto dos antigos poboadores, cristianizado no seu momento coa advocación de tres apóstolos: San Mateo, San Bartolomeu e San Simón. Aquí celébranse dúas importantes romarías campestres os días de San Bartolmeu e San Mateo.
A carón da carballeira pasa unha variante do Camiño do Norte que conduce de Ribadeo a Compostela. Esta humilde capela é citada no ano 1790 por Jean Pierre Racq, un peregrino de Bruxas que se dirixía a Compostela logo de visitar San Salvador de Oviedo. Tamén a cita o xeógrafo Domingo Fontán no seu estudo do itinerario entre Santiago e Ribadeo na segunda metade do século XIX. Por este lugar pasaba o camiño de retorno que na Idade Media facían os peregrinos dende Santiago a San Salvador de Oviedo. Como di unha antiga cantiga:
                                 
Quien visita Santiago
y no el Salvador
sirve al criado
e ignora al Señor.
 
Segundo a tradición, a carballeira xorde da crenza de que aqueles mozos que plantasen alí un carballo, se prendía, serían librados das súas obrigas coa milicia.
 
Web: www.turismo.concellodearzua.com 
Situación exacta: Lugar da Mota, Santo Estevo do Campo - 15819, Arzúa (A Coruña). 42.986107,-8.195095

CAPELA DA MADANELA

Atópase a carón do Camiño de Santiago, na rúa Cima do Lugar, entre o albergue municipal de peregrinos e a casa reitoral.
 
A capela formaba parte dun antigo mosteiro de frades agostiños, fundado no século XIV. A finais do XVII a comunidade monástica foi para Santiago de Compostela, quedando abandonado o mosteiro de Arzúa do que, actualmente, non se conserva nada. Porén, a capela continuou aberta ao culto baixo a xurisdición do mosteiro de Compostela, deixando de depender deste na primeira metade do século XIX.
 
O edificio ten planta lonxitudinal máis elevada na parte do presbiterio. A porta principal é de medio punto abucinada e, enriba dela, pódese ver unha pequena ventá e una espadana rematada nun agnus dei. No interior, un esbelto arco oxival separa o presbiterio da nave, que está flanqueada por dous sartegos: o do lado da epístola pertence ao señor da casa de Brates, e no do evanxeo están soterrados Iván Giráldez, o seu fillo Bertolomé e a súa muller, Catalina Gómez, os señores da casa de Magulán e do Couto de Oíns.
 
Cedida en usufruto polo Arcebispado de Santiago ao Concello de Arzúa, procedeuse á súa remodelación e, na actualidade, desenvólvense nela todo tipo de actividades culturais.
 
Enderezo: Rúa Cima do Lugar, s/n. 15810, Arzúa (A Coruña)
Teléfono: 981 500 222 (Oficina de Cultura)
E-mail: cultura@concellodearzua.com
Fax: 981 500 914
Horario: Todos os días, 19.00 a 21.00h (sempre que haxa exposicións ou outras actividades)
Prezo: Entrada gratuíta
Web: http://concellodearzua.com/servizos-municipais/cultura/multiespazos-e-salas/capela-da-madanela/
Uso actual: Sala de exposicións e actos culturais
Situación exacta: 42.926986,-8.161705

PONTE DE RIBADISO

O Camiño Francés a Compostela pasa pola ponte de estilo gótico tardío, a máis antiga do concello de Arzúa, datada, aproximadamente, no século XII. Consiste nunha base de cachotaría, cun arco de medio punto de cantaría; a calzada é de granito, froito dunha reforma actual, pois perdeu as lousas de pedra orixinarias; o peitoril é de bastante altura para as dimensións da ponte, realizado tamén con granito.