Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


Arzúa é unha das vilas máis significativas do Camiño de Santiago e goza da máis completa oferta turística de turismo verde de Galicia. A súa riqueza paisaxística, a variedade de espazos ambientais, a calidade dos aloxamentos e as múltiples alternativas de ocio en contacto coa natureza convértena no destino verde de Galicia.

CAMIÑO FRANCÉS EN ARZÚA

Arzúa é a décimo terceira parada do Camiño, a derradeira pausa antes de chegar a Santiago, cun percorrido de 16 quilómetros, dende Boente a A Calzada.

O Camiño Francés a Compostela cruza o concello de leste a oeste. Entra en Arzúa pola parroquia de Boente, onde nos recibe a Fonte da Saleta e segue na parroquia de A Castañeda, que xa se recollía no Códice Calixtino baixo a denominación de Castaniolla. O documento xacobeo destaca que neste lugar se atopaban os fornos para o cal empregado na construción da catedral compostelá. Eran os propios peregrinos os que, como un xeito de penitencia, levaban ata Castañeda a pedra caliza que eles mesmos recollían á altura de Triacastela.
Logo de pasar Castañeda, o Camiño de Santiago conduce oao peregrino en dirección ao río Iso e, cruzando a ponte medieval, chégase a Ribadiso, o lugar no que se atopa un dos albergues cos que conta o concello.

O albergue de Ribadiso inaugurouse en 1993 e é o froito da rehabilitación do antigo hospital de peregrinos de Ribadiso, onde durante séculos un hospitaleiro atendía con toda caridade aos camiñantes, segundo un documento do ano 1523.
Outro caso idéntico é o do albergue que se atopa na vila de Arzúa, a carón da capela da Madalena e construído no que foi, no século XV, o hospital de peregrinos do convento dos frades agostiños.

Albergue de Peregrinos de Ribadiso de Baixo
Está distribuído en tres vivendas e ten un total de 70 prazas das que 62 son de liteira e 8 están preparadas para persoas con discapacidade física.
Ribadiso de Baixo S/N


Albergue de Arzúa
Ten un total de 46 prazas, 15 de liteira e 2 prazas habilitadas para persoas con deficiencias físicas.
Cima do Lugar , S/N



Arzúa ofrécelle ao visitante a posibilidade de gozar de diversas áreas de recreo e de coñecer a pegada que a cultura romana e, en especial, a cultura xacobea deixaron no seu territorio.

Polo terreo arzuán repártense multitude de capelas e igrexas nas que aínda se conserva parte da súa antiga fábrica románica e os retablos que ornamentan os seus altares proceden, cando menos, do século XVIII. En canto á arquitectura  civil, Arzúa é tamén unha paisaxe rica en construcións típicas da zona, casas señoriais e, como non, edificios destinados a pousada de peregrinos.

www.concellodearzua.com