Bandera de Galicia Bandera de España

Sarria – Paradela – Portomarín. 23 km.


 

Saíndo de Sarria, deseguida se entra nunha impresionante carballeira cunha corta pero dura subida. As aldeas aparecen de repente rodeadas de prados e un par de pistas asfaltadas para dar servizo aos poucos moradores que lles quedan. En todo o día non se atopará un só lugar que xunte máis dunha ducia de casas, sendo a poboación de vacas moi superior.

A maioría do día séguese un trazado favorable, a menos que a chuvia enchese de lama e auga os camiños. Nos primeiros quilómetros as subas son suaves e pouco complicadas combinadas con tramos chairos. Uns 8 quilómetros antes da chegada a Portomarín comeza o descenso cara ao val do río Miño, que se desliza cruzando toda a Galicia, deixando ao seu paso moitas das zonas máis fértiles e canóns máis impresionantes que se poden imaxinar.

Descéndese por pistas anchas e doadas ata Portomarín, que non se verá ata que se ten mesmo en fronte, cruzando o evocador río galego por excelencia. Portomarín está ao outro lado e tamén debaixo do camiño, nas ruínas da aldea que foi traslada máis arriba para a construción do encoro de Belesar.

O río cheo transmite ao camiñante todo o seu poder, a súa capacidade para atravesar centos de quilómetros cun destino claro e irracional deixándose morrer na inmensidade. O río baleiro comparte a paz e nostalxia da aldea esquecida que vai sendo, cada ano, máis parte indistinguible da terra.

Nesta tranquila e acolledora vila pódese descansar ante a igrexa levada pedra a pedra dende o Portomarín primitivo somerxido baixo as augas do encoro para presidir o novo pobo.

Sarria – Paradela – Portomarín. 23 km.