Bandera de Galicia Bandera de España

O Pedrouzo (O Pino) – Santiago de Compostela. 19,98 km


 

Nesta última etapa habería moito máis que dicir sobre as emocións que sobre a contorna, pero os sentimentos que provoca o camiño é unha das experiencias máis importantes e bonitas que os peregrinos se levan a casa e que cada un experimenta ao seu xeito.

Aínda que só quedan 20 quilómetros, non hai que confiarse. O principio de etapa segue coa tendencia dos últimos días, con tramos sombríos entre arboledas alternadas con lugares habitados a poucos metros. Pronto comeza unha subida que non ten excesiva pendente, nin é ancha, nin difícil, pero é dura, ou así vai parecer a estas alturas de camiño. Circúlase por un camiño sombrío e rodeado de eucaliptos ata alcanzar a altura do aeroporto de Lavacolla. Desde aquí séguese un camiño estreito e ben coidado en descenso ata aproximarnos á zona de San Marcos. De aquí ata o Monte do Gozo crúzase un tramo de auténticos tobogáns empinados e curtos. Seguramente preguntarase impacientemente se trala seguinte costa estará xa Santiago.

Non será ata alcanzar o Monte do Gozo cando se poderá percibir a silueta da Catedral de Santiago, que está ao noso alcance, deixándose levar costa abaixo ata mergullarse no fervedoiro compostelán. A moitos se lle farán tan duras as baixadas como as subidas así que non hai que confiarse porque aínda quedan uns 6 quilómetros.

Cando se cruza a ponte sobre a autoestrada estase entrando no casco urbano. A avenida incrústase entre grandes edificios modernos ata San Lázaro, a última aldea que forma, na actualidade, parte do casco urbano, engulida polos mastodónticos edificios e vivendas.

3 quilómetros máis adiante éntrase, por fin, no casco antigo a través da rúa de San Pedro. E, por fin, atópase un dos conxuntos históricos máis importantes de Europa. Rúas estreitas que esconden unha gran actividade en toda a cidade invitan a quedar e empaparse da forma de vida e, por que non, da choiva, que din que en Santiago é arte.

Chégase á catedral pola súa parte de atrás, pola Praza da Quintana. É un espectacular espazo que dá á porta santa, aberta só en anos Xacobeos. A Praza de Praterías permite ver unha fachada da catedral que lle maravillará, pero a do Obradoiro é, sen dúbida, a que quedará na retina para toda a vida.

Neste espazo terminan uns días que serán inesquecibles, percorrendo as sendas infinitas do Camiño e do espazo que abarca a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.
 

O Pedrouzo (O Pino) – Santiago de Compostela. 19,98 km