Bandera de Galicia Bandera de España

Gastronomía


Sarria goza de merecida sona entre as localidades do interior de Galicia, tanto pola calidade dos seus produtos naturais, como pola esmerada preparación dos mesmos nos numerosos establecementos hostaleiros de todas as categorías, que  cunha boa relación calidade – prezo, converten á vila sarriá nun dos puntos de referencia á hora de falar do “ben comer”.

Somos un dos lugares punteiros en produción de carnes de porcino entre as que se encontra o porco Celta, raza autóctona recuperada, que se poder degustar todos os anos na “Festa do Porco Celta”: xornada de exaltación do cocido do “porco Celta”. É organizada pola Asociación de Hostaleiros da comarca de Sarria, “Serra do Édramo”, coa colaboración do Concello de Sarria e os restantes da Comarca.

Falar de chourizo e  lacón “de Sarria” é dicir  “calidade”. A produción realízase seguindo procedementos artesanais; estes produtos poden ser adquiridos durante todo o ano nos diferentes establecementos dedicados a esta produción tales como fábricas de embutido e carnizarías, así como noutros establecementos comerciais.

A carne de tenreira (“tenreira galega´”) ten renome en todo o país, non hai que esquecer que en toda a comarca a gandería é o motor económico principal e os pastos son de grande calidade. Destaca a cría da raza “rubia galega”; pero nos últimos anos estanse recuperando outras razas autóctonas como a cachena,caldelá, limiá, frieiresa e vianesa.

Os postos das polbeiras, tanto nas feiras que se celebran os días 6, 20 e 27 de cada mes, como nos establecementos fixo, conseguen darlle a este cefalópodo o punto que só se logra nas terras do interior, sexa para comelo  con pan ou acompañado de cachelos, e regado cos viños das ribeiras do Sil e do Miño tan saborosos eles.

Tamén destaca a elaboración artesanal de empanadas e pan nas nosas panaderías,un produto moi demandado na zona tanto para os sarriaos como  para os visitantes da vila. A destacar o Primeiro Museo do Pan, inaugurado en 2012 pola Panadería Pallares, profesionais con máis de 140 anos de antigüidade, onde o visitante gratuitamente non só poderá coñecer o proceso de fabricación senón que poderá contemplar pezas artesanais antigas e interesantes.

Sarria conta con unha empresa elaboradora de queixos onde a s súas especialidades son a fabricación de queixo e leite condensado. “Denominación de Orixe Protexida Queixo de Tetilla”.

A caza. Existen varios cotos de caza; destacan os de perdiz, corzo e xabaril.
A horta. Verduras propias da zona coma grelos, verzas, repolo...
Augas. Sarria conta con unha embotelladora de augas, “Fontecelta”.
Recentemente nace en Sarria unha expendeduría pioneira na comarca de venda de leite fresco.
 
AS ESPECIALIDADES TRADICIONAIS MÁIS DEMANDADAS.
Lacón con grelos.
Troitas e anguías.
Embutidos tradicionais de carne de porco entre os que se inclúen as variedades de porco celta: chourizo, salchichón, roxóns prensados, etc.
Cocido galego.
Caldo galego.
Carne ao caldeiro.
Callos á galega.
Chuletón e  entrecot de tenreira  á grella.
Churrasco.
Empanadas de zorza, isco, chourizo, carne, polbo, bacallau, zamburiñas, atún, vexetais,...
Verduras propias da zona: nabizas, verzas, repolos...
A caza: perdiz, corzo, xabaril...
 
SOBREMESAS.
Filloas.
Freixós.
Queixo con marmelo.
Roscón.
Melindres.
Torta de améndoa.
Torta de castañas.
Torta de noces.
Bombóns temáticos.
Leite frito.
“Santiños”.