Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


O Concello de Samos pertence á Comunidade Autónoma de Galicia, á provincia de Lugo e á Comarca de Sarria.
Forma parte das estibacións das serras orientais de Galicia. Limita ao Norte, cos concellos de Sarria e Láncara, ao Sur, cos de Póboa de Brollón e Folgoso do Courel, polo Leste, linda co concello de Triacastela, e polo Oeste, co de O Incio.

Como chegar: 
Por avión: Pódese facer en avión, sendo os aeroportos mais próximos os de A Coruña, Santiago e Vigo.
Por tren: As estacións máis próximas son a de Monforte a 39 Km. e Sarria a 12 Km.
Por estrada: A vía rápida máis cercana é a autovía A-6 (Madrid – A Coruña). As saídas mais próximas son o Km. 431, en Pedrafia do Cebreiro, tomando dirección a Triacastela pola carretera provincial LU-633 ata chegar a Samos e o Km. 488 en Nadela, tomando dirección a Sarria e despois a Samos pola carretera provincial LU-633.

De luns a venres hai un autobús que une a capital do municipio con Pedrafita do Cebreiro, Sarria e Lugo.

CAMIÑO DE SANTIAGO

O Camiño de Santiago foi catalogado polo Consello de Europa como o "Primeiro Itinerario Cultural Europeo" en 1987 e en 1998 pola UNESCO, como "Patrimonio Mundial da Humanidade". 
Atopámonos ante un Camiño que acadou unha dimensión mundial, xa que atrae millares de persoas dende distintos puntos do planeta á capital de Galicia. Sexa cal sexa o motivo da peregrinación –relixioso, paisaxístico, cultural, ocio- ou o medio utilizado- a pé, bicicleta, moto, cabalo, burro, etc.-, ao ter decidido peregrinar a Santiago de Compostela, obrigatoriamente cruzaranse terras samoenses.

O peregrino observará que o Camiño se bifurca tras saír de Triacastela no camiño Norte, que consta de 18,37Km de percorrido polo concello de Samos, e o Camiño Sur, que pasa pola vila de Samos e ten 24,5Km. de percorrido. Ambos os dous son itinerarios homologados.
É moi importante ter en conta para o camiñante que ao longo dos dous tramos do concello de Samos atopará moitas áreas recreativas ou de descanso para que o peregrino recupere as súas forzas mentras se deleita coa beleza da paisaxe.

O Camiño polas aldeas do Norte do Concello de Samos:

Tras deixar a vila de Triacastela, crúzase a estrada,  síguese o Camiño hacia a aldea de  A Balsa, que é a última do concello  de Triacastela e éntrase en San Xil,  pertencente xa ao concello de Samos.

Hai diferentes tipos de sinais para indicar o Camiño, dende os máis antigos como son os miliarios, utilizados xa polos romanos, aínda que naquela época eran cilindros de pedra, e hoxe, son marcos co símbolo da cuncha e coa inscripción da distancia que hai ata Santiago, ata os máis modernos como as frechas e cunchas amarelas e os sinais metálicos que poderemos ver principalmente nas estradas ou nos camiños asfaltados.

Outro bo indicador son as igrexas do Camiño. En San Xil do Carballo atópase unha fonte con forma de cuncha de gran tamaño.
Debémoslle ao crego Elías Valiña Sampedro a sinalación de todo o Camiño Francés. A partir do ano 1984,  en cada desvío, con frechas amarelas ou “toques amarelos”, especialmente onde non había espazo suficiente para debuxar unha frecha enteira e, ademáis, numerouno quilométricamente.
 No Camiño están as frechas amarelas en moi diversos lugares: nas pedras, no chan, nos quitamedos, nas casas, nos muros, nas farolas, nas árbores...
San Xil posúe unha capela con cáliz do s. XVI.

Seguindo o Camiño, atravésase a Fócara no Km 124 e O Real no Km 123.
Despois, súbese ao Alto de Riocabo (896 m) cunha pendente do 7% por un camiño onde alterna a terra coas pedras.
A uns 3Km chégase a Montán, onde se ven altos muros de pedra e fermosos carballos e onde se pode visitar a súa igrexa.
Continúase por Fontearcuda, no Km 121,5 . Pódense ver algunas pedras e rochas onde os peregrinos deixan os seus pensamentos, pero ao ser o Camiño Francés Patrimonio Mundial da Humanidade, está protexido e, polo tanto, prohibido escribir nelas.

Medio quilómetro máis adiante, chégase á estrada de Samos a Pintín e Sarria e, ao cruzala e seguindo o camiño (Km 121), chégase á última aldea de Samos que atravesa o Camiño, é a de A Furela, e xa entra no concello de Sarria polas aldeas de Pintín, Calvor e A Aguiada, ata a vila de Sarria.
Na localidade da  A Aguíada únense o camiño do Norte e o Sur. 

O Camiño Sur por Samos:

Cando o peregrino opta por esta ruta, sorpréndeo a espectacular idade da súa natureza e a viveza dalgunhas árbores que mesmo adquiren a forma de personaxes mitolóxicos de Galicia e terá a sensación de que están a darlle a benvida. Non ía ser menos a maxestuosidade dos monumentos que se atopan no concello, e, en concreto, na vila.

Dende Triacastela, o Camiño segue pola estrada LU-633 durante uns 4 Km, atravesando o desfiladeiro de Penapartida, onde  sorprende a grandiosidade das súas rochas e a vexetación, ata chegar a San Cristovo do Real.

Penapartida ten unha especial paisaxe; é onde se atopan as serras do Oribio e A Meda, só separadas polo río Sarria. Hai espectaculares caídas de auga e unha vexetación autóctona con abondosos arandos, acibros, castiñeiros, carballos, xestas,etc. No río pódese pescar troita e peixe, previo pago do couto onde non sexa pesca libre.

Unha vez que se deixa o asfalto, éntrase no Camiño Real ou do Oribio, que comeza en San Cristovo do Real. Recibe este nome porque era o camiño que utilizaban os reis para acceder ao mosteiro.

Á beira do Camiño vése, á esquerda, a igrexa románica do século XII, de tres naves. O máis destacable é o seu retablo barroco do s.XVII, estilo naif, dun só corpo e con catro columnas salomónicas. O retablo foi restaurado grazas ao interese dos veciños, que buscaron a axuda para a súa restauración. Aínda se poden ver restos dos frescos nas paredes. Outro motivo polo que se debe visitar este templo é pola súa integración no entorno, xa que o río Sarria ou Oribio divide este núcleo típicamente galego coas súas rúas e casas, onde semella que se parou o tempo. Seguindo o  traxecto, á dereita, crúzase  a ponte  que está xusto en fronte da igrexa.  Tamén á esquerda pódese ver un antigo lavadoiro, moi ben conservado. O chan neste lugar é de cemento, pero poucos metros máis adiante xa é de terra, sobre todo, cando pasa pegado ao cemiterio que queda á esquerda.

Aquí vese que o Camiño se estreita, coma si a natureza o protexese. O entorno desta ruta, que  leva á capital do concello, é máis fermoso debido á presenza do río, que  permite ver unha paisaxe máis variada e chamativa. Ademáis, ten a vantaxe de poder camiñar entre as impresionantes árbores que  protexen dos golpes de calor.

Tras cruzar a ponte vese, á esquerda, o muiño do Piño de Renche.
Súbese unha pequena costa ata adentrarse na aldea de Renche. Á dereita está a igrexa de Santiago de Renche, con vestixios románicos. Esta igrexa está dentro do cemiterio, o que é algo moi habitual en Galicia, aínda que a xente forasteira  sorpréndese ao velos tan integrados nos núcleos de poboación. Percórrese unha subida ata chegar á estrada, onde hai que ir cara a dereita. Pódese descansar nos bancos á beira da estrada e á sombra das árbores antes de seguir cara Lastres.

Ao  retomar o Camiño comeza un descenso, crúzase  unha ponte e logo unha pequena subida, e xa se atopa a aldea de Lastres. O Camiño estréitase ao pasar a carón dunha fermosa casa cuberta de hedra. A partires de aquí,  a natureza é fascinante, o camiñante verase protexido pola envolvente paisaxe.
A seguinte parada é Freituxe, onde tamén hai  unha área de descanso á esquerda. Un pouco máis adiante, tras subir unha leve costa, rodeando un muro, descubrimos a capela. Posteriormente, o itinerario lévanos a atravesar este lugar ao tempo que descende un pouco e xira á dereita.

Continúa baixando por un chan de pedras e terra.  Pásase por unha ponte, xírase á dereita e, ao subir, chégase ao núcleo de San Martiño do Real. Existe a lenda de que aquí houbo un antigo mosteiro que foi edificado polo rei asturiano FruelaI (759).
Hai unha igrexa románica de finais do século XII con reformas no frontis. Dispón de canciños románicos, cabezas de cabalos, carneiros, figuras humáns e xeométricas; ten pinturas ao fresco no seu interior. A fachada é lisa, pero destaca a ventá do centro. A nave é de planta rectangular e dispón dun cabildo á entrada. A ábsida, polo exterior, divídese en tres tramos de pilastras de pouco resalte. O muro de tambor é cego e nos costados da nave aprécianse as saeteiras. Aquí vese outro exemplo do cemiterio mesturado coa igrexa no medio da aldea. Subindo uns metros, pásase polo túnel ata ver a estrada, onde se cruza. Entón, comezará o inicio do descenso cara a vila de Samos.

Chama a atención á vista a fermosa capital cos seus monumentos, dende que se chega á muralla de clausura do século XVI que rodea o val e que  acompaña ata ver as primeiras casas. Pásase polo medio de Samos, descendendo por un camiño empedrado, ata chegar ao centro da vila,  onde se atopa a Casa do Concello e, fronte á mesma, a torre do reloxo, a cal pertenceu ao mosteiro antes da desamortización.

Se se decide a visitar a Abadía (s. VI), a Capela do Ciprés (s. IX), a muralla tardo rromana ou o Paseo do Río, terá que ir ádereita.
A Abadía de San Xiao e Santa Basilisa conserva restos dunha igresa románica do século XII, a portada, fachada e escaleiras de caracol. Ámbolos dous claustros chaman a atención do visitante. O claustro pequeno ou das Nereidas é do século XVI, de estilo gótico tardío, con bóveda nervada de granito, que cobre toda a planta baixa. Hai unha fonte barroca das Nereidas (s. XVIII). O claustro grande (s. XVII), de estilo clasicista, é un dos máis grandes de España (56x56m) e ten unha estatua no centro do padre Feijóo, obra do escultor Francisco Asorey. No primeiro andar deste claustro hai pinturas murais sobre a vida de Santo Bieito de Nursia, dos pintores José Luis Rodríguez, Enrique Navarro e Celia Cortés. A igrexa é do século XVIII, de estilo clasicista. De pranta basilical con tres naves, cruceiro e airosa cúpula. Posúe 13 retablos de diferentes estilos: renacentista, barroco e clasicista, con magníficas tallas de Moure, Ferreiro e Gambino, e un grandísimo órgano con tres fachadas, que hoxe da un maxestuoso son na misa solemne, ao laude e nos concertos.
A Capela do Ciprés ou do Salvador (s. IX), prerrománico con moitas características do mozárabe, e con pinturas ao fresco de influenza astur. A carón dela está o ciprés milenario de 25m de altura.

Dispón dunha área de descanso na cara norte da capela, e tamén se ven os restos da muralla tardo rromana, que por sorte aínda se conservan uns metros dela.

Diante da muralla e da capela poderá refrescarse no río ou camiñar polo “Paseo do Río” que chega ata  a estrada, que ao cruzala, comunícase co paseo que percorre o mosteiro, onde verá o acueducto e a horta. Ten bancos dende onde pode admirar a abadía.

A ruta xacobea continúa pola estrada, atravesando a vila cara Sarria, pasa por diante do monumento ao pelegrín, onde todos se fan unha foto.
Seguindo, á esquerda, está a área de descanso de Foxos, que é coñecido como o museo da pedra. Dende aquí ata Santiago quedan 128Km.
Uns 600 metros máis adiante,  temos á esquerda a área recreativa de Teiguín, con pistas deportivas e piscinas, e uns pasos máis adiante, máis ou menos entre 25-50 metros, está, á dereita, a capela de Santo Domingo de Teiguín, do século XVIII, retablo barroco con Sto. Domingo de Silos.
Continúase pola estrada LU-633 e  un sinal amarelo no chan indica que o Camiño vai pola  dereita.

A partires de agora hai unha pequena subida sobre terreo asfaltado. Ás primeiras horas da mañá e co día despexado, vese como a luz pasa ao través das follas das árbores.

Pásase á beira duns prados e despois, por un camiño empredado ata que pasa a ser un pouco estreito e de terra.
A igrexa de Pascais, de Santa Uxía, é románica (s. XII), cun magnífico retablo barroco. É outra igrexa que ten o cemiterio integrado.
O panel e a frecha de Gorolfe e Vilachá indican o sentido a seguir.

Hai frechas amarelas sobre algúns muros que, ás veces, non se distinguen moi ben, pero non se preocupe, porque dende hai séculos as igrexas seguen sendo uns dos mellores sinais na ruta xacobea.

Un dos sinais lle dirá que restan 114Km ata Santiago.
Tras pasar a igrexa  de Pascais  ven o camiño asfaltado e en descenso, e no chan, unha frecha indica o desvío cara á dereita, unha vez máis, ao lado do río, é camiño de terra.

Na aldea de Veiga de Reiríz tamén alterna camiño de terra con asfaltado, e gozará coa paisaxe. Ten a igrexa de Santo Estevo, que é románica, do século XII, cunha fermosa ábsida pentagonal e espadana. No interior, ten un retablo barroco dun só corpo con columnas abalaustradas. As imaxes son de Santo Estevo, San Xosé e Santa Lucía.

A última aldea do concello de Samos pola que pasa é Sivil. Despois, Perros e, a continuación, Calvor, que xa pertencen a Sarria.

www.concellodesamos.com