Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


A historia deste municipio atópase fortemente influenciada pola súa relevancia no Camiño de Santiago. A súa función de paso da ruta xacobea e outras vías marcou a súa historia local.

Pedrafita do Cebreiro formou parte do itinerario das vías romanas, como o era a vía que por Triacastela conducía ao interior da Galicia antiga dende Astorga. Na Idade Media, deu paso ao Camiño Francés a Santiago e a un Camiño Real. No século XIX, pasou a formar parte da N- VI, a primeira estrada moderna de acceso dende a meseta a Galicia. Hoxe en día, Pedrafita do Cebreiro, constitúe a entrada en Galicia do Camiño Francés, da  N-VI e da A-6. Todo isto, unido ao Milagre do Santo Grial, acontecido no Cebreiro, converteu a este concello nun lugar de peregrinación obrigado dende hai séculos.

Para comezar a falar da historia deste concello temos que remontarnos a tempos anteriores aos romanos. As pallozas son as vivendas tradicionais, testemuñas inmellorables dun asentamento prerrománico, que deron acubillo durante milenios aos seus habitantes. Hoxe, convertéronse nun reclamo turístico e son utilizadas como Museo Etnográfico no pobo do Cebreiro.

O Santuario do Cebreiro é o referente histórico deste municipio, dada a súa relevancia no Camiño Xacobeo e o milagre acontecido. O mosteiro anexo á igrexa foi abandonado polos últimos monxes que habitaban nel no 1858. A Igrexa de Santa María a Real foi antigo priorado e hospital e, xunto co resto do conxunto  monumental do pobo, foi restaurada no 1961.

O primeiro hospital data do 835, pero será no 1072 cando adquira a maior relevancia,ao pasar a mans dos monxes franceses de Aurillac. No século XIV alcanzará fama universal co Milagre do Santo Grial. Este milagre aconteceu cando, nun día de forte temporal de neve, un monxe celebraba misa na capela do Cebreiro. Un veciño do pobo de Barxamaior desafiou a tempestade achegándose ata O Cebreiro para escoitar a  misa. O monxe menosprezou o sacrificio do fregués, exclamando cando o viu chegar: “cual viene este otro con una tan gran tempestad, y fatigado, a ver un poco de pan y vino”. Nese momento, a hostia converteuse en carne e o viño en sangue.

Esta lenda estendeuse por toda Europa e o santuario obtivo diversas bulas papais e privilexios reais.
En 1486, os Reis Católicos, de peregrinación a Santiago, cando chegan ao  Cebreiro para contemplar o milagre, fan doazón do relicario onde se gardan os restos. O Cáliz e a Patena, afamadas pezas do románico do S. XII. A imaxe deste cáliz pasou a formar parte do escudo de Galicia no ano 1984.

A tradición popular conta que a raíña Isabel quixo levar con ela as reliquias do Cebreiro. A comitiva rexia partiu cara Castela e, chegando ao lugar de Pereje, (naqueles tempos formaba parte do priorado do Cebreiro), a uns 20 quilómetros do pobo, os cabalos pararon e foi imposible facelos continuar. O medo apoderouse da comitiva e deixaron libres os cabalos, que volveron ás portas da Igrexa de Santa María do Cebreiro. Vendo isto, a Raíña ordenou que as reliquias continuasen no Cebreiro. A influencia dos Reis Católicos na historia destas terras reflíctese tamén no feito da petición que fai o Papa Inocencio VIII para restaurar a hospedaría e o hospital. Ademais, pola súa mediación, pasa a depender da Orde Bieita de Valladolid. Posto que O Cebreiro dependía dunha orde francesa, eliminaron os lazos que o unían co exterior, facendo depender ao Cebreiro dunha casa española. O empeño dos Reis Católicos por engrandecer ó Cebreiro está presente nos continuos privilexios que se lle irán outorgando ao longo dos anos, e que se suman aos xa obtidos en épocas anteriores doutros reis. Deste xeito, chegará o seu apoxeo en tódolos eidos, tanto materiais coma espirituais.
 
O Cebreiro tivo unha extraordinaria importancia na loita contra os franceses, dada a súa posición estratéxica de paso entre Castela e Galicia. No 1809, as tropas de Moore invaden os montes do Cebreiro, na súa fuga cara a Lugo e Coruña. Nesta loita, tropas francesas dan morte a Fournier, gobernador de Lugo. O irmán do gobernador reacciona dirixindo unha expedición de castigo e devastando ao seu paso bosques e poboados. Nesta loita, son destruídos os libros antigos do Cebreiro, co que perdemos así parte da historia escrita do noso concello. As reliquias do milagre do Cebreiro non se destruíron, grazas a que se atopan protexidas na aldea de Foxos.

LOCALIZACIÓN

O municipio de Pedrafita do Cebreiro está situado no centro das serras orientais de Galicia, entre as serras dos Ancares e O Courel, aproximadamente a 65Km da cidade de Lugo, capital da provincia. Limita cosconcellos lucenses de As Nogais, Cervantes, O Courel, Samos e Triacastela, e cos leoneses de Vega de Valcarce e Barjas.

A estrada N-VI e a autovía A-6 atravesan o concello polo extremo nororiental e comunícano con Becerreá, Ponferrada e Lugo. Outro acceso é a estrada LU-633, que o comunica coa comarca de Sarria, e preto da cal, discorre a maior parte do Camiño Francés neste concello.
Conta cunha superficie de 104,9km², nos que residen 1.119 habitantes, en 12 parroquias.

Elévase a maior parte do seu territorio por riba dos 1.000m, sendo un dos lugares de máis altitude de Galicia, aínda sen ter grandes cimas, a non ser as serras de O Piornal (1.386m), Rañadoiro (1.463m) e Chao da Serra (1.330m), que ascenden por riba dos 1.300m. A pesares da altitude, as montañas son suaves e constitúen unha paisaxe ondulada, formada por vales e montañas.

No concello de Pedrafita do Cebreiro atopamos dúas grandes concas fluviais, a do río Navia e a do río Lor, que desembocan no Mar Cantábrico e no Río Sil, respectivamente. Éstes, á súa vez, contan cun gran número de regatos e afluentes que lles proporcionan un valioso aporte de auga. O Río Navia ten a súa orixe na Serra do Rañadoiro, a 1.200m, e o Río Lor nace nos Montes de Val de Cereixos e Val de Abraira.

O CAMIÑO FRANCÉS NO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO
 
O Camiño Francés é unha ruta Xacobea cunha tradición milenaria de peregrinación hacia Santiago de Compostela. As súas orixes remóntanse ao século IX, poucos anos despois do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago. No século X converteuse no eixe de articulación do imperio de Alfonso VI e Alfonso VII, normalizando así o culto achegado polos monxes cluniacienses fronte á Igrexa Española mozárabe.

Xa dende o ano 1135 se describen no Codex Calixtinus as principais vías deste camiño, tanto en España como en Francia.
Na Idade Media supuxo un papel fundamental nos intercambios culturais entre a Península Ibérica e o resto de Europa.

No ano 1987, o Consello de Europa catalogouno como o Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Anos máis tarde, no 1998, a UNESCO declarouno Patrimonio Mundial da Humanidade.

Nos nosos días, o Camiño converteuse nun fenómeno internacional no que conviven distintos elementos espirituais, culturais e turísticos. O Camiño faise de diversos sentidos, pero sexa o que sexa, un acábase empapando del, de aí o dito: ‘’Se puede empezar el camino por cualquier motivo, pero al acercarse a Santiago, uno se acaba convirtiendo en peregrino’’

O Concello de Pedrafita do Cebreiro está íntimamente vinculado con este Camiño dende os principios da peregrinación a Santiago de Compostela. Por este municipio pasan 14 km do Camiño Francés, atravesando os pobos de O Cebreiro, Liñares, Hospital da Condesa, Padornelo, O Poio e Fonfría.

No núcleo do Cebreiro, entrada do Camiño Francés en Galicia, é onde se ven máis reflexadas as pegadas déste ao longo dos séculos.
A etapa que pasa polo noso concello é unha das que conta cunha maior dificultade, por tratarse dunha das máis montañosas, sendo o Alto do Poio, a 1335m, o punto máis elevado do Camiño Francés.

Non se pode olvidar o Queixo do Cebreiro, un manxar típico deste concello, cuxa orixe se atribúe aos monxes franceses que viñeron ata este lugar para atender aos peregrinos.

www.concellopedrafita.es