Bandera de Galicia Bandera de España

Que visitar


Todo o concello é un museo de arquitectura medieval que resulta difícil resumir. Así pois, os monumentos máis destacados son:
 
A Casa Torre de Monterroso ou Pazo de Laxe, construído por Alonso de Gundín e a súa dona en 1520. Sufriu diversas reformas, ampliada posiblemente con pedras do castro de Sirgal. Consta de torre cuadrangular de tres plantas e capela con pórtico románico. Nos seus xardíns consérvanse as cadeas do señorío de Rosende, que esta casa ostentou. Pertence á familia Salgado.
 
A Igrexa de Esporiz, data de metade do século XIII,  de estilo románico.

Pazo de Podente, que na actualidade perdeu o seu carácter para transformarse nunha casa de labranza. Conserva un fermoso corredor e escudos coas armas dos Rivera e os Salgado.En Bidouredo consérvanse importantes restos da Torre Pazo dos Marqueses de Castelar. Aquí sitúa Cabanillas o seu poema "A noite Castellar". A igrexa é de orixe románica, metade do século XII.
 
Torre de Penas, unha das mellores conservadas de todo o territorio lucense, con tres plantas. O pazo co que se comunica ten escudos coas armas dos Ribadeneira e Taboada. Crese que esta torre tiña por obxectivo poder comunicarse por medio de sinais coa Torre de Amarante. Da Torre de Fente só quedan un montón de pedras. Foi cárcere de Monterroso e A Ulloa.
 
Igrexa deNovelúa
Asentada nun antigo castro, está datada no século XII, XIII e reformada no século XIII. É unha xoia do románico galego. A portada ten un arco de medio punto abocinado onde saen tres arquivoltas con columnas a tres ordes e uns capiteis de formas vexetais e zoomórficas moi ben rematados. A torre-campanario de tres corpos complementa este complexo arquitectónico.

 
Casa do Carneiro e Escola
No século XVI otorgouse a unha casa de Ligonde o dereito de asilo (aquel acusado ou perseguido pola xustiza que lograse atravesar a súa porta ou posesión conseguía a súa libertade). Este dereito de asilo mantense ata ben entrado o século XVIII. Algúns identifican esta casa coa actual casa do Carneiro. Foi unha casa fundada polos "Ulloa" na que se hospedaron monarcas e ilustres personaxes nas súas peregrinacións a Santiago de Compostela.
 
Sábese que o día 24 de marzo de 1520 parou a comer nela o Emperador Carlos I. Felipe II tamén percorreu estas paraxes, precisamente o 20 de maio de 1554, cando se dirixía a Coruña para o seu casamento con María Tudor. Seguimos camiño e, ao final do pobo veremos tamén a escola republicana feita polo pobo. Na actualidade, cedida ao concello, provisionalmente, por un período de tempo, restaurada e destinada a albergue de peregrinos, dotada dunhas boas instalacións.
 
Museo parroquial
Museo de arte e etnografía popular con 560 pezas, ubicado na Casa Rectoral. A sua colección inclúe dende arte en pedra ata utensilios artesanais, pasando pola orfebrería relixiosa ou a numismática.