Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


O Concello de Monterroso é un dos municipios integrantes da comarca de A Ulloa, comarca cunha extensión considerable, 447,6 qm2, con algo máis de 500 entidades de poboación, xunto con Palas de Rei e Antas de Ulla. O Concello de Monterroso conta cunha extensión de 114,6 qm2 e sitúase no Suroeste da provincia de Lugo. A súa situación dentro da Comunidade Autónoma de Galicia é privilexiada, situándose prácticamente no centro desta.
Xeográficamente, Monterroso limita cos seguintes Concellos:
 
Norte: Guntín e Palas de Rei
Oeste: Palas de Rei e Antas de Ulla.
Leste: Portomarín, Taboada e Guntín.
Sur: Taboada e Antas de Ulla.
 
En canto aos aspectos físicos, cabe dicir que Monterroso é pouco accidentado, relativamente aplanado; aínda que nos límites co Norte e co Oeste aparecen algunhas elevacións; e tamén no Leste, onde se atopa o monte Castelo de Vilameñe, con 800 metros de altitude. As principiais elevacións de Monterroso son os Montes de Vacaloura, San Cristovo, Castelo de Ambarrías, Pedralba, San Simón ou Marzán, Orgoso, Cumbraos e Vilanova; sen que ningún supere os 800 metros de altitude.
 
Entre as características hidrográficas do Concello de Monterroso, cabe destacar fundamentalmente o Río Ulla, que nace na parroquia de Olveda (Antas de Ulla), e cruza o Concello de sudeste a noroeste, formando unha fronteira natural entre os Concellos de Monterroso e Antas de Ulla. Por iso é polo que o conxunto dos tres Concellos recibe o nome de Comarca da Ulloa.
 
Os afluentes principais do Río Ulla que pasan por Monterroso son: Parteme e o Lavandelo, completando a súa rede fluvial os ríos Sucastro, Sirgal, Lourentín, As Pozas, Salgueiral e Rial.
 
Monterroso conta cunha boa comunicación na rede de estradas:
 
Estrada N-640 (Vegadeo-Pontevedra-Porto de Vilagarcía).
Comarcal de Palas e Taboada.
Estradas locais que comunican coa de Santiago e a de Ourense.
Rede doutras estradas que comunican a todas as parroquias do municipio.
 
Ademáis, conta tamén con varias liñas de autobuses que viaxan a Bilbao, Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela. 

CAMIÑO DE SANTIAGO POR MONTERROSO
 
O Camiño de Santiago Francés discorre 5,3 Km polo concello monterrosino. Comeza na Serra de Ligonde. O trazado discorre por unha estrada local procedente de Ventas de Narón (Portomarín), estando delimitado o percorrido por un piñeiral a man dereita. Desde o alto pódese disfrutar dunha panorámica espectacular. A continuación, comezaremos cun longo descenso ata chegar a Previsa e os Lameiros. Neste punto atoparémonos cun dos cruceiros máis importantes de Galicia, datado no ano 1670 ao carón dun carballo tanto ou máis vello ca el. O trazado continúa recto ata Ligonde, punto moi importante xa que, antigamente, existía un hospital de peregrinos e un cemiterio adosado ao hospital. Hoxe en día recórdase cunha cruz encima dun valado e un cartel informativo. En fronte da antiga escola de Ligonde, hoxe en día albergue municipal, atopámonos cunha das maiores dificultades técnicas deste tramo do Camiño;  trátase dun sendeiro que se aparta da estrada á man esquerda para descender por unha empinada rampa, podéndose evitar continuando pola estrada. Despois cruzaremos o río de Airexe por unha ponte e comezamos a subir cara a Airexe. Este pequeno núcleo de poboación ten un conxunto histórico formado por uns sartegos antropomorfos de orixe medieval, a Igrexa de Satiago, cun cruceiro e unha casa reitoral. Tamén hai dous albergues, un de carácter público da Xunta de Galicia e outro privado. A continuación, tomaremos un cruce á esquerda e un pequeno descenso que nos conduce ata un lavadeiro. Posteriormente, o Camiño vólvese a empinar para logo tomar un descenso ata Portos, primeira localidade de Palas de Rei.

 
PUNTOS DE INTERESE

Cruceiro de Lameiros
Este cruceiro caracterízase por ser de doble cara; nunha está representada a figura de Cristo crucificado e na outra a Virxe das Dores. Na base podemos observar unas tenazas, unha coroa de espiñas e unha caveira, referentes ao Calvario de Xesús.
 
Hospital e cemiterio de peregrinos
Tense constancia del desde o século X, hoxe en día desaparecido. Este hospital foi doado polo conde Osorio Vestráriz e a súa dona Teoduli Pepiz para redimir os seus pecados. Emplazábase nunha finca situada enfronte á actual estrada que ven desde Monterroso.

Casa Carneiro
Algúns historiadores sinalan que esta pousada gozou desde o século XVI de dereito de asilo, é dicir, que aqueles perseguidos pola xustiza disfrutaban de inmunidade dentro das súas paredes. Cabe dicir que por alí pasaron e se detiveron Carlos I e o seu fillo Felipe II. O primeiro xantou alí en marzo de 1520, cando ía cara a Santiago. Posteriormente, embarcaríase na Coruña rumbo a Alemaña, onde sería coroado emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico. O segundo pasou en maio de 1554 cando se trasladaba á Coruña para o seu casamento con María Tudor en Inglaterra.

Antiga escola republicana de Ligonde (Albergue municipal)

Igrexa de Santiago e cruceiro (Airexe)

A igrexa está reformada totalmente, conservando da súa construcción románica o arco triunfal. Sobre o altar pódese ver a imaxe de Santiago peregrino. Nun dos laterais do muro hai esculpido na pedra o profeta Daniel no foxo dos leóns.

www.monterroso.es