Bandera de Galicia Bandera de España

Presentación


Melide, Centro de Galicia, unha vila de grandes e variados recursos para o visitante.
Patrimonio histórico e paisaxístico, gastronomía tradicional, festas, concertos, exposicións e todo tipo de eventos repártense ao longo de todo o ano para manter viva unha oferta de ocio e turística de calidade.
 
Como chegar
As conexións a Melide establécense por vía terrestre. O centro da vila acolle a intersección das estradas N-547 (Lugo-Santiago) e a N-540 (Betanzos-Ourense). Deste xeito, Melide atópase a 60 quilómetros de Santiago e Lugo, a 72 da Coruña e a 85 da cidade de Ourense.
O aeroporto máis próximo é o de Lavacolla (Santiago de Compostela), a 30 minutos. Outras comunicación habituais son as establecidas a través das liñas de autobús (empresa Freire) que saen de Santiago e Lugo atravesando Melide dez veces ao día. Tamén hai unha liña de autobús á Coruña (Arriva) que realiza o traxecto en aproximadamente unha hora.

O CAMIÑO FRANCÉS NA TERRA DE MELIDE

O Camiño Francés entra no Concello de Melide polo lugar de O Coto,dende onde baixa ata a aldea de Leboreiro, que, de antigo, contaba con hospital de peregrinos documentado xa no século XII. Destaca a súa igrexa gótica con pintura renacentista. Dende alí pasa a ponte medieval do Río Seco para enfilar a longa recta de A Madanela,,onde hoxe está situado o polígono industrial de Melide.

Segue o Camiño pola Senda do Peregrino onde, pasado xa o polígono, atoparemos un monumento á Cruz de Santiago. Neste punto contamos cunha fonte de auga fresca.

Seguimos cara abaixo ata chegar á Ponte de Furelos, unha das pontes Románicas emblemáticas do Camiño de Santiago, por onde cruzaremos cara a aldea de Furelos. Merece a pena entrar na súa igrexa para admirar a imaxinería relixiosa, destacando, por inusual, o Cristo crucificado por unha soa man.
Deixamos Furelos e pola senda do peregrino achegámonos ata Melide, onde o olor a polbo nos lembra que nos atopamos onde, posiblemente, se faga o mellor polbo do mundo.

En Melide temos todos os servizos que podemos demandar para aliviar os nosos cansos pés e repoñer folgos para afrontar con garantías as derradeiras etapas do Camiño de Santiago.

Albergues, gastronomía, ocio, cultura, compras, esparcimento ou descanso. Nós eleximos entre o amplo abano de posibilidades que nos ofrece esta vila medieval que foi quen de derrotar aos franceses.

Xa descansados, baixamos cara a Furelos,onde se atopa a xoia do patrimonio melidá, a Igrexa de Santa María de Melide. Declarada Patrimonio Nacional, as súas pinturas datan da primeira metade do século XVI.

Seguimos Camiño e chagamos ata San Vicenzo de Vitiriz, onde, antes de deixar atrás as terras melidás, cómpre facer un alto no Camiño para contemplar a súa Igrexa Románica, cun singular rosetón de pedra na porta principal e un fantástico Agnus Dei no cumio do ábside.

www.concellodemelide.org