Que visitar
Natureza e paisaxe…na Mancomunidade
Un territorio marcado polos ríos, sendeiros, camiños milenarios, vales e montañas.
Espazos naturais protexidos e singulares, montes e vales…
Na vertente máis oriental do Camiño Francés en Galicia, concretamente no límite con Castela, sitúase O Courel, ao suroeste esténdese A Ribeira Sacra, vertebrada polo ríos Miño e Sil e atravesada polo Camiño na súa parte norte. Na fronteira entre as provincias da Coruña e Lugo atópase a última das serras pola que transcorre o Camiño rumbo a Santiago de Compostela.
O Courel: Triacastela, Pedrafita do Cebreiro e Samos
Terra do Courel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e aguias; terra outa de fragas e devesas...
A lus do candíl. 1953. Anxel Fole
Ten unha extensión de 21.000 hectáreas, xeoloxicamente é a máis completa das serras galegas. Altérnanse profundos vales (val da Lóuzara) poboados de espesa vexetación característica do bosque mediterráneo e atlántico, cos elevados cumes. Esténdense devesas poboadas de teixos, faias, freixos, ameneiros, abeleiras e acivros.
Os cumes máis destacadas son os de Formigueiros (1643 m) e o de Pía Paxaro (1.610 m).
Val da Lóuzara: Samos
Constitúe unha gran reserva natural capaz de engaiolar a atención do visitante pola súa accidentada orografía, altas montañas dende as que nacen múltiples regatos que logo regan os profundos vales. Allea ao paso do tempo, seguramente debido ao afastamento das restantes zonas e ao seu rudimentario sistema de comunicacións, fan deste lugar un espazo único.
Ribeira Sacra: Paradela, Portomarín
Dende a zona norte da Ribeira Sacra, pódese contemplar o encoro de Belesar(Portomarín), en época de escaseo de choivas descóbrese a antiga vila de Portomarín.
Portomarín foi declarado en 1946 Conxunto Histórico Artístico. Mais o momento que marcou o carácter actual da vila foi a construción do embalse de Belesar no ano 1962, que deixou baixo as augas o vello Portomarín, e obrigou a levar a cabo o seu desprazamento cara o monte do Cristo.
A Ribeira Sacra destaca polas súas paraxes, bucólicas nalgúns puntos e agrestes noutros. No comezo do cristianismo establecéronse monxes e eremitas para practicala vida ascética. Co paso do tempo estes asentamentos deron lugar a florecentes mosteiros que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome de Ribeira Sacra, do que existe constancia escrita desde el século XII.
Un exemplo é a igrexa de Santa María de Loio (Paradela), que na súa orixe foi o mosteiro de Ribaloio, fundado no s. VIII. A súa importancia é capital na historia do Camiño, porque nel naceu a Orde Militar dos Cabaleiros a Santiago a comezos do s. XII.
Tamén o mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), declarado Monumento de Interese Nacional en 1982. Formado polo templo parroquial e a casa reitoral, e rodeado de viñedos que baixan polas ladeiras do monte da Trapa ata o río Miño. Fundado en torno a 1120 para acoller aos peregrinos a Santiago de Compostela.
En definitiva, un valioso patrimonio caracterizado por castelos, igrexas, pazos ou pontes.
Serra de Careón: Melide e Palas de Rei
Trátase dunha serra cunha excepcional relevancia botánica, en boa medida grazas aos ríos que a definen, o Furelos, o Seco e o Tambre.
É un cordel montañoso de perfil escalonado e amesetado, de releves suaves, cuxa máxima rolda os 800 m, na que as gándaras se confunden coa vexetación.
Auga
Encoros
O Encoro de Portodemouros (Arzúa) é un espazo ideal para os deportes náuticos, sendeirismo e rutas en bicicleta. Atópase aquí o Enredo do Abelleiro, un museo temáticos sobre o mel e a apicultura.
Fervenzas
Son un regalo da natureza, espalladas por toda a Mancomunidade, unha das máis características é a fervenza das Hortas (Arzúa) que o regato de Santa Marta forma antes da súa confluencia co río Ulla.
Arquitectura con encanto….e historias
Centro histórico das vilas:
En todas as vilas dos concellos que conforman o territorio da Mancomunidade están presentes destacados conxuntos históricos como puntos desde os cales creceron e se expandiron ao longo dos séculos dende o medievo.
As aldeas son núcleos de poboación tradicionais de Galicia, nalgúns casos o paso do tempo respectou estas agrupacións tradicionais con abundantes hórreos e outras construcións arquitectónicas e etnográficas.
Mosteiro de Samos:
De grandes proporcións, foi construído con lousa a cara descuberta ao longo de diferentes épocas, presenta estruturas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Foi fundado no s. VII.
Igrexa-fortaleza de San Nicolao: (Portomarín, románica S. XII e XIII).
Constitúe un dos exemplares mais distinguidos do románico lucense pola súa monumentalidade, riqueza de elementos e suntuosidade escultórica. Destaca a beleza do enorme e singular rosetón da fachada, a súa porta vinculada á obra do Mestre Mateo, así como o seu carácter de fortaleza ao ser erguida pola Orde de San Xoán de Xerusalén. Foi trasladada pedra por pedra nos anos 60 á praza da vila, feito que revelan as aínda apreciables inscricións numéricas que se poden observar nas pedras das súas paredes. Foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931.
Igrexa de Lardeiros (O Pino)
Coñecida como a catedral da Montaña, alzada nun pequeno val, en terras de Montaña. Ao carón un cruceiro que data de 1700, no que se dan dúas correntes artísticas: neoclásico e barroco.
Escalinata e capela das Neves (Portomarín)
É a porta de entrada á vila de Portomarín para os peregrinos do Camiño de Santiago, xa que se atopa fronte a ponte que cruza o Miño. A escalinata, realizada en granito leva até a capela da Virxe das Neves que está situada nun arco da antiga ponte medieval. Noutrora este lugar estaba ocupado polo hospital que atendía ós peregrinos e vixiaba o tránsito na ponte. Dende aquí pódese gozar dunha vista panorámica do encoroque bica os pés de Portomarín.
Santuario de Santa María A Real do Cebreiro
Do s. IX, fundada polo conde de Aurillac. É un dos monumentos mais antigos do Camiño a Santiago e a ela está ligada a “lenda do San Grial”.
Conta a tradición que se produciu unha milagre, alá polo 1300...cando un frade (de pouca fe) subestimou a un paisano, piadoso, que desafiando as inclemencias do tempo achegouse a oír misa antes de comezara xornada cotiá. O frade dirixiuse a el en ton despectivo, ao velo empapado e tremendo, inquiríndolle como acudía á misa, tan cedo e con tantas dificultades, "para tan só ver un pouco de pan eviñonas súas mans...". No transcorrer da misa, na Consagración, comprobou sorprendido que o pan tomaba aspecto de carne e o viñose transformaba en sangue…Conta a lenda que a Virxe, saíu do Altar Maior e postrouse, para adorar o Corpo e Sangue do Redentor...O santuario foi visitado polos Reis Católicos con motivo do milagre.
Mosteiro da Madalena (Sarria)
Construído entre os s. XIII e XIV como hospital e albergue para peregrinos. De orixe románica, só conserva desta época a ábsida. A maior parte das estruturas son góticas.
No camiño cara Portomarín atópase a igrexa de Santiago de Barbadelo (Sarria), declarada Monumento Histórico Nacional en 1976 e BIC en 1980. É un templo románico dun antigo mosteiro (Sancto Iacobi Barbatelli) que dependía do de Samos, do que existen referencias desdeo ano 874 e aparece incluído no Códice Calixtino.A actual igrexaé orixinaria da segunda metade so século XII.
Igrexa Vilar de Donas (Palas de Rei)
Unha das referencias do románico galego no Camiño Francés. Do s. XIII, foi declarada monumento histórico-artístico en 1931. Formou parte dun mosteiro fundado a mediados do s.XII pertencente á Orde de Santiago.
O cruceiro, elemento etnográfico de Galicia por excelencia, ten un referente no cruceiro de San Pedro, (Melide) o mais antigo de Galicia. Data do s. XIV.
A aldea de Leboreiro
Recibe ao Camiño na provincia da Coruña. Foi un antigo e importante paso xacobeo na Idade Media. Aínda perdura a fachada do antigo hospicio de peregrinos fundado por la familia Ulloa no século XII, as casas son de lousa e pedra. En Leboreiro encontramos un elemento arquitectónico peculiar e exclusivo do lugar, o cabaceiro. Trátase dun gran canasto circular feito con paus entrelazados e cuberto con palla sobre unha base de pedra, a modo de hórreo o seu uso principal é a conservación do millo.
Igrexa de Santa María de Melide
É xoia do románico galego. Trátase dun templo dunha sola nave e ábsida, os muros e bóveda están decorados con murais do século XIV - XV. No centro da bóveda unha espectacular presentación da sagrada Trinidade.
Ponte de Ribadiso (Arzúa)
Ponte de estilo gótico tardío do s. XII. A ponte máis antiga do Concello de Arzúa. Ten unha base de cachotaría, cun arco de medio punto de cantaría, calzada de granito (obra actual), peitoril bastante alto, tamén en granito. Pasa por riba o Camiño Francés.
Ponte de Furelos (Melide)
Ponte de entrada ao municipio para os peregrinos que fan o Camiño Francés. Ponte medieval do s. XII, de granito, ten catro arcos con doelas regulares, bóveda de medio punto e tallamares triangulares.
Torre de Penas (Monterroso)
De tres plantas, trátase de unha das mellor conservadas do territorio lucense.
Torre da Fortaleza de Sarria
Torre medieval do s. XIII, cunha escalinata.
Castelo de Pambre, (Palas de Rei)
O mellor exemplo de arquitectura militar medieval, construída por Gonzalo Ozores de Ulloa cara a 1375. Única fortaleza que resistiu á revolta irmandiña de 1467.
Pallozas do Cebreiro (Pedrafita)
Conxunto singular de vivendas prerromanas, que resultan da adaptación dos homes ás condicións climatolóxicas adversas. Consérvanse seis pallozas, algunhas convertidas en museo e en refuxio para os peregrinos.
Castro de Formigueiros (Samos)
Castro que dispón de varias liñas defensivas, e no que se atoparon varias vivendas escavadas de planta cadrada, construídas con lousa.
Castro de Castromaior (Portomarín)
Este castro tivo dous momentos de ocupación: un primeiro na Idade de Ferro (s. VIII a.C. e s. II a.C.) e nos primeiros anos do s. I d.C., en contacto coa civilización romana. Destaca o seu bo grao de conservación, así coma as súas grandes dimensións: o poboado organizábase nun total de seis recintos delimitados por murallas, parapetos e fosos, definindo unha superficie habitable de aproximadamente 5 hectáreas.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| 2.cigueña.JPG | 282.77 KB |
| 1.camiño frances-sarria.jpg | 399.71 KB |
| 2.san facundo ribas de miño-paradela.JPG | 513.73 KB |




