Arzúa

Qué Visitar

Qué Facer

Gastronomía do Camiño

Museos

 


 

Capela da Madanela

A capela foi a igrexa dun antigo mosteiro de frades agostiños, fundado no século XIV. A finais do XVII a comunidade foise para Santiago de Compostela, quedando abandonado o mosteiro de Arzúa, do que actualmente non se conserva nada. A capela, sen embargo, continuou aberta ao culto baixo a xurisdición do mosteiro de Compostela, deixando de depender deste coa desamortización de Mendizábal.

O edificio de cachotaría ten planta lonxitudinal e cuberta con tella do país. Destaca no alzado a zona da cabeceira. A porta de acceso está situada na fachada oeste, e consiste nun arco de medio punto abocinado e sobre ela un van cadrangular; a portada está coroada por unha espadana de van único.

No interior sobresae o arco oxival que divide a nave e o presbiterio, xunto con dous sepulcros a ambos lados da nave, ademais das inscricións que se conservan en dúas das súas paredes.

O primitivo retábulo, datado no século XVI, era todo de pedra, e só se conserva del a predela, ubicada, actualmente, no lugar que se cre ocupaba antano; A finais do século XVIII, realizouse outro de madeira, de estilo rococó, que foi desmontado no século XX, coa primeira rehabilitación da capela.

Atópase na Rúa Cima do Lugar, no tramo urbano do Camiño de Santiago, entre o albergue municipal de peregrinos e a casa rectoral.

En 1984, comezáronse as obras para a rehabilitación e cesión do templo, da diócese ao Concello de Arzúa, por tempo indefinido. A xestión foi levada a cabo por un patronato formado por Pilar García Montero, Ramón Torreiro González e Luis Vidal Abad. Foron axudados por Antonio Fraguas Fraguas, Salvador Ares Espada, Manuel Díaz Díaz e Bernardino Villaverde Villaverde.

Foi reinaugurada, como sala cultural, o día 21 de xuño de 2006, coa exposición itinerante de Maruxa Mallo “A transgresión feita muller”. Este ben é o punto de partida da Ruta “Val do Iso” promovida polo Concello de Arzúa.

Enderezo: Rúa Cima do Lugar, s/n. 15810, Arzúa (A Coruña)
Teléfono: 981 500 222 (Oficina de Cultura)
Fax: 981 500 914
Horario: Todos os días, 19.00 a 21.00h (sempre que haxa exposicións ou outras actividaddes)
Prezo: Entrada gratuíta
Uso actual: Sala de exposicións e actos culturais
Situación exacta: 42.926986,-8.161705

 

Carballeira da Mota

Un dos recunchos con máis encanto de Arzúa pódese encontrar na pequena parroquia de Santo Estevo do Campo. Un dos maiores atractivos deste lugar é a ampla e frondosa carballeira da Mota. Todos aqueles amantes da natureza poderán gozar aquí dun bucólico paseo no interior da bisbarra.

Para chegar a esta parroquia hai que desviarse cara á dereita na saída da capital arzuana, indo dirección Santiago, e seguir a estrada provincial CP-0604, con destino a Pontecarreira. Despois duns quince quilómetros o turista chega a esta frondosa carballeira.

Contan as lendas que este bosque foi creado por iniciativa veciñal. As árbores fóronse plantando por un motivo case místico. Ao parecer, os residentes na zona plantaban un destes carballos cando un pai non quería que o seu fillo fose ao servizo militar. Segundo as crenzas populares, se a árbore chegaba a arder significaba que o mozo non tería que acudir á mili. É por iso que pouco a pouco a carballeira foi crecendo ata converterse no amplo bosque que se poden encontrar hoxe actualmente os visitantes.

Outro dos puntos de interese turístico desta parroquia é a coñecida como ermida da Mota, que se encontra xusto no medio da carballeira.

Esta igrexa data do século XIX e foi erixida en honor aos santos Bartolomé, Mateo e Simón. No seu interior pódese observar un fermoso retablo barroco, con elementos rococós, que foi restaurado no 1994. Moitos dos fieis acuden cada ano a ela para pedir que os santos lles curasen o bocio nas romarías campestres que se celebran os 24 de agosto e 21 de setembro.

Situación exacta: Lugar de A Mota, Santo Estevo do Campo - 15819, Arzúa (A Coruña). 42.986107,-8.195095

 

Fervenza das Hortas

A fervenza das Hortas é un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro. Consta de dúas caídas de auga, en gneis mesturados con cuarcita, duns 30 metros de altura, do Regato de Saímes (segundo o libro Augas caídas. Fervenzas de Galiza).

Na súa parte alta atópase o muíño dos Agra, sito no lado de Touro. Tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta , debido a unha lenda que ten asociada:

A veciñanza ía moer ao muíño, e conta a historia que unha rapaza quedou embarazada do seu mozo, e este dixo que non a quería. Unha noite de muiñada, o mozo empuxouna pola fervenza, e mentres caía, ela dixo “Santa Marta me vaia!”, e parou a caída un carballo que na fervenza estaba, salvándoa milagrosamente.

Web: www.turismo.concellodearzua.com 
Situación exacta: Lugar das Hortas, Dombodán - 15819, Arzúa (A Coruña). 42.864071,-8.202729 

 

Ruta de Sendeirismo do Val do Iso

Percorrido: circular. Transcorre pola zona norte do Concello de Arzúa. 
Dificultade: Doado
Distancia: ruta principal 8.6 km. Variante 1ª: 4 km

Información: o itinerario percorre diversos centros de interese como son o albergue e a ponte de Ribadiso, o Museo Etnógrafico da Paínza, o muíño do Capelán, o cruceiro do Viso, Castro Curbín ou a fonte da Quenlla,

Inicio: A Ruta Val do Iso comeza na Área Recreativa de Ribadiso, preto da cal, podemos visitar a ponte do S. XII e ao albergue público. Outro punto inicial pode ser a Capela de la Madalena, na vila de Arzúa, dende onde tomamos o Camiño Francés de Santiago en dirección á Área. R. Ribadiso.

1º Variante: Dende o A.R. Ribadiso tomamos o sendeiro en dirección Guldrís pasando preto de Castro Curbín que se pode visitar. Seguidamente, dirixímonos cara Á Fonte dá Quenlla; de auga potable e que garda unha lenda. Continuando o noso sendeiro chegaremos ao lugar da Fraga. Seguindo polo Camiño do Norte volvemos a Arzúa onde finalizamos este percorrido.

2ª Variante: Desde A Fraga, tomamos dirección O Viso. Neste punto podemos visitar o cruceiro e as ruínas da torre. Continuando cara ao norte, tomaremos unha pista que nos conduce ao Muíño do Capelán. Retomando o camiño, seguimos dirección Norte.

Posteriormente, a pista lévanos á Fonte do Casalete (cunha lenda asociada). Continuando este camiño, volvemos cara Á Fraga pasando polo Pazo. Seguimos dirección Arzúa entrando polo Camiño de Santiago do Norte

Ruta principal: Dende A Fraga, seguindo o Camiño do Norte, dirixímonos cara a Peceñe, chegando logo a Casaldoeiro (podemos visitar no camiño o Muíño do Capelán). Continuaremos cara Á Paínza -un conxunto de casas rurais-. A vivenda principal alberga un Museo Etnográfico de colección privada e un hórreo de interesante estrutura.

Seguindo o sendeiro, de volta a Arzúa, pasaremos preto do Piñeiral e xunto á Capela de San Salvador. Máis tarde, cruzaremos xunto á igrexa de Santa María. Tomando a Rúa Calexa enlazamos de novo co Camiño do Norte e rematamos a ruta chegando ao centro de Arzúa. 

Web: www.turismo.concellodearzua.com
Situación exacta: Capela da Madanela (42.926986,-8.161705)

 

Festa do Queixo

A festa celébrase coincidindo coa primeira fin de semana do mes de marzo.Dende 1975, cada primeira fin de semana de marzo, o queixo e a cultura son os grandes protagonistas en Arzúa. A festa e a vila transfórmanse nunha espiral de acontecementos de carácter gastronómico, musical, cultural, artesán, tecnolóxico, tradicional e innovador.

O produto estrela é o queixo Arzúa-Ulloa que en 1989 recibe a categoría de Produto Galego de Calidade e goza dunha Denominación de Orixe Protexida propia. Comparte espazo no recinto feiral coas outras denomiacións de orixe galegas, con queixos artesáns e con outros queixos chegados dende distintos puntos de España e do resto de Europa.

A filosofía da festa pretende conxugar gastronomía e cultura, achegando o queixo ao público infantil e á mocidade con distintas actividades. Unha delas é a organización do Festival do Queixo con dous días de música para todos.

O sábado ofrecemos rock, electro.rock, fusión. Funk, mestizaxe e hip-hop. O domingo, apostamos dende o principio polo carácter galego, ofrecendo os mellores artistas do momento.

Por Arzúa pasaron: Ojos de Brujo, Dover, Los Enenmigos, Fangoria, La Mala Rodríguez, Vetusta Morla... e Carlos Nuñez, Leilía, Treixadura, Milladoiro, Malvela, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato...

Festa de Interese Turístico de Galicia
Web: www.festadoqueixo.org 
Situación Exacta: Vila de Arzúa.
Coordenadas GPS: 42.930701,-8.160946

 

Museo Vivinte do Mel "O Enredo do Abelleiro"

Pódense realizar dúas visitas: interior e exterior. No interior atopámonos na entrada a tenda de produtos alimenticios e cosmética. Seguindo hai unha galería fotográfica que mostra a vida e experiencia das abellas. A elaboración do mel pasa por tres fases que se ven nas salas de extracción, decantación e envasado. Dispón ademáis de laboratorio e unha aula para conferencias. No exterior vense dous apiarios un moderno e outro antigo. Tamén teñen unha pequena edificación con instrumentos de apicultura de antano así como a evolución deste oficio ata os nosos días. Museo fundado en 1994. Realízanse obradoiros de apicultura, velas e envasado para grupos, previo contacto.

 

Enderezo: Portodemouros. 15819, Arzúa (A Coruña)
Teléfono: 981 50 80 72
E-mail: info@abelleiro.com
Web: www.abelleiro.com 
Horarios: De luns a domingo: de 16:00 a 19:00 h.
Prezos: Entrada: 2 €, Visita guiada: 10 € grupo, Taller: 3 € / persoa, Taller técnico: 10 €/taller
Tipos de servicios: Acceso a minusválidos, aparcadoiro, tenda.
Situación exacta: 42.858462,-8.194258.

 

Centro de Divulgación do Queixo e o Mel

O Centro de Divulgación do Queixo e do Mel ten por obxectivo dar a coñecer e promocionar o Queixo de Arzúa-Ulloa e o Mel deGalicia. O visitante descubrirá, ó longo do percorrido da visita, de onde proceden estes productos, cales son as súas características, a súa importancia no medioambiente, sociedade e cultura galegas. A través dunha completa degustación e da realización dalgún dos nosos obradoiros, poderá ademais aprender de forma activa sobre os usos e costumes relacionados cos nosos productos. Tamén se poden visitar a cooperativa Erica Mel e coñecer como son os diferentes meles galegos que chegan á cooperativa e o proceso de envasado do mel. Organízanse degustacións, obradoiros, charlas, etc.

Enderezo: Feira Nova s/n Santa María - Arzúa (A Coruña) :
Teléfono: 981 508 142 
Fax: 981 508 142 
E-mail: aga@queixoemel.org 
Web: www.queixoemel.org 
Prezo: Entrada gratuita / 2 € para visitas guiadas de grupo / Solicitar información para outras actividades.
Particularidades: Para visitas de grupos é preciso reservar con antelación. 
Horario: De luns a venres, de 10 a 14h e de 16 a 18h. Para grupos pódese concertar outro horario con antelación.
Servizos: Tenda, aparcadoiro, baños. Instalacións adaptadas para : discapacitados.
Situación exacta: 42.933442,-8.159691

Museo Etnográfico da Painza

A Painza conta cun interesante museo etnográfico.Situados fronte ao hórreo, de 11 tramos, en pedra e madeira, están os antíguos apeiros de labranza e recolección de froitos. En 5 departamentos, que antes foron cortes, pombal e casa de encargados, móstranse: Forxa - Zapateiro e zoqueiro - Carpinteiro - Pesos e medidas. Cociña de lareira e os seus utensilios, lámpadas e candís, pranchas, tear e demais pezas para a transformación de liño en tea. Roupas de cama en liño, estufas, lavabos, traxes de finais de 1.800 e detalles curiosos, mostrando a forma de vida existente na bisbarra hai moitos anos. Curiosidade: Carruaxe Brougham que utilizaron os antepasados da familia para os seus desprazamentos, na actualidade consérvase primorosamente restaurada. Deseñado polo primeiro Lord Brougham (1838) é un vehículo pechado de dúas prazas interiores e outras dúas no pescante. Apoia a caixa en peiraos elípticos parabólicos.

Enderezo: A Paínza, Viladavil. 15819, Arzúa (A Coruña)
Teléfono: 981 50 03 43 / 669 13 21 19
Fax: 981 50 03 43
E-mail: info@apainza.com
Prezo: Acesso libre
Web: www.apainza.com 
Situación exacta: GPS W 8°9´29,40´´ N 42°57´26,40´´

 


 

Más información: Web do Concello de Arzúa