Bandera de Galicia Bandera de España

Portomarín – Monterroso – Palas de Rei. 24 km


 

A saída de Portomarín soe estar marcada pola humidade pegañenta do río Miño. Aquí comeza unha longa subida para saír do val. As primeiras ramplas van por camiños húmidos, e con balados, protexidos pola densa vexetación das carballeiras. O Concello de Portomarín é o único da Mancomunidade que pertenece tamén á Ribeira Sacra.

De contado a subida segue pegada á estrada con menos protección ao sol e inclemencias do tempo, é unha zona para apretar os dentes e facer unha marcha tranquila pero sen pausa, buscando zonas máis abrigadas. Tan só algunha explotación gandeira e un par de aldeas alterará a monotonía do ascenso para deixar atrás a profunda greta coa que o Río Miño marca Galicia como se fose unha gran cicatriz. O camiño é fácil e ancho. Foi arranxado recentemente e non se vai atopar lama nin nos tempos máis húmidos. A vista é ampla por momentos pero a subida faise interminable, sobre todo se o amigo astro rei acompaña.

O Camiño só recorre 5 quilómetros no Concello de Monterroso, entre Os Lameiros e Lestedo, pero neste traxecto merece a pena ver os cruceiros de Os Lameiros (un dos máis antigos de Galicia) e Ligonde, a Igrexa, a Casa Rectoral ou o Cemiterio de Peregrinos.

Tras os 18 quilómetros de subida suave afróntase terreo irregular (sube e baixa) nunha serie camiños de carro entre aldeas con explotacións leiteiras que se fan presentes. Crúzanse continuamente pequenas aldeas e as carballeiras alternan con pradeiras. A cada metro nótase que se está chegando a un lugar importante, a un referente económico comarcal que é a referencia de moitas aldeas á redonda para ir a intercambiar os seus produtos.

Palas de Rei asómase ao arredor dunha estrada transitada que lle da vida durante todo o ano. Ten todo tipo de servizos e comodidades, pódese elixir entre distintos tipos de hostalaría e restauración. Así poderemos descansar de volta ao mundo tras un día noutro planeta. Nun planeta sen coches, sen presas, sen fumes e sen obrigas, no que todo o mundo se saúda e ten tempo de parar a falar cos que se atopa no camiño. É un planeta no cal os veciños son amigos que coñecen a túa casa e familia e cos que podes contar para axudar e animar, duro quizais, pero san e amable, un planeta máis humano.

Portomarín – Monterroso – Palas de Rei. 24 km